19 de Novembro de 2026,
San Abdías
Mons. Antonio Valín, obispo de Tui - Vigo

8 de novembro de 2026 — Día da Igrexa Diocesana

 

Hai lemas que non deixan pegada. E hai outros que nos obrigan a deternos persoalmente porque nos interpelan. Deus conta contigo é un destes. É unha chamada, unha invitación, un desafío.

Frecuentemente pensamos que a misión da Igrexa correspóndelles  a outros: curas, relixiosos e relixiosas, catequistas ou a aqueles que teñen máis tempo ou formación. Pero o Evanxeo di outra cousa. Desde o día do noso bautismo, todos e todas somos chamados e enviados. Deus segue contando con homes e mulleres concretos, coa súa historia, os seus dons e, tamén, coas súas limitacións.

O papa León, na súa recente viaxe a España, lembraba que a Igrexa necesita de todo o Pobo de Deus para anunciar o Evanxeo. Non hai bautizados espectadores; non hai vocacións de segunda categoría. Cada persoa ten un lugar e unha responsabilidade na vida da comunidade cristiá.

A nosa diocese necesita esa resposta. Necesitamos quen anuncie a súa fe, acompañen á mocidade, coiden a liturxia, visiten as persoas enfermas, comprométanse coa caridade, boten unha man na administración ou na formación, estean nas decisións que afectan a todos e a todas. Necesitamos comunidades vivas, capaces de acoller, escoitar e saír ao encontro de quen busca sentido para a súa vida.

Por iso, esta campaña non pretende só pedir colaboración. Quere suscitar unha pregunta que cada un debe responder diante de Deus: que espera Deus de min nesta Diocese? A fe non pode quedar reducida ao ámbito do privado nin limitarse á celebración dominical. Unha fe que non se traduce no compromiso cotián por construír comunidades máis vivas e fraternas, máis misioneiras, corre o risco de converterse nun museo do pasado. E o Evanxeo non foi entregado á Igrexa para estar nunha vitrina, senón para ser anunciado e vivido.

Cada parroquia será o que sexan os seus fieis. Cada comunidade crecerá na medida en que cada bautizado descubra que tamén el forma parte da misión. O futuro da nosa diocese non depende só de grandes proxectos, programas ou estruturas. Depende, sobre todo, da resposta persoal de quen escoita a voz de Deus e atrévese a dicir: Aquí estou.

Nesta Xornada, Deus pronuncia o teu nome de novo. Non chama a alguén indeterminado. Chámate a ti. Conta contigo para facer da túa parroquia e da diocese unha comunidade máis viva, máis aberta e máis evanxelizadora.

Deus conta contigo. A pregunta é sinxela: pode a túa Igrexa contar tamén contigo?

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo