VIII centenario da dedicación da catedral de Santa María da Asunción de Tui
Bos días a todas e todos. Benvidos no nome desta Igrexa particular de Tui-Vigo, do Cabido catedralicio e no meu propio nome, a esta celebración que nos xunta hoxe. Grazas pola súa presenza no inicio da conmemoración dos 800 anos da consagración desta igrexa-catedral.
Celebramos 800 anos de vida deste templo que nos acolle, que é a matriz nutricia de toda a nosa diocese, e isto vai máis alá da construción, fábrica ou arte. É certo que cando un entra nun templo como este, e deixa voar a súa imaxinación, asombra a súa feitura, e un recorda os esforzos dos que a imaxinaron e pensaron; o dos que traballaron nela, os que colaboraron na súa construción, mantemento ou financiación, os que a decoraron e daqueles que rezaron por primeira vez nela… e isto, durante tantos anos e no medio de tantas circunstancias. Estas pedras son testemuñas silenciosas e elocuentes de soños, vivencias, ilusións, penas, bágoas… que falan de vida.
A catedral é a casa de todos; o fogar familiar para todos os diocesanos e diocesanas; lugar de encontro con Deus e coa comunidade de crentes; lugar da historia que nos configura, e da que queremos facer memoria agradecida durante todo este ano. Pero tamén é lugar dun presente que nos fala dunha Igrexa viva, e dun futuro esperanzador que nos abre á frescura da proposta realizada por Xesús de Nazaret hai máis de 2.000 anos, e que sigue sendo nova e actual, proposta que se fai a todos e a todas, sen excluír a ninguén.
Queremos que este Ano xubilar nos sirva para volver ás nosas raíces, o que fomos e estamos a ser, recollendo o sentir e testemuño de tantos homes e mulleres que nestas terras viviron, creron, amaron e comprometéronse, desde os valores evanxélicos, na transformación da sociedade.
Queremos que, durante este ano, a nosa Catedral se converta nesa «casa de portas abertas e no hospital de campaña» da que nos falaba o benquerido papa Francisco, e así quen se achegue a nós se poida sentir acollido e curado de todas as súas doenzas e feridas. Queremos que esta conmemoración nos sirva para comprender mellor o sermos Igrexa, comunidade de crentes presente nesta terra concreta, coa súa cultura, lingua e idiosincrasia propia, que desde aquí quere facer realidade o Reino universal anunciado por Xesucristo.
Esta Igrexa-Catedral fálanos de fe, de comunidade, historia, arte, cultura, e da vida dos veciños e veciñas desta contorna tudense, e das próximas terras lusas; fala tamén, de peregrinos que buscan a propia identidade e a Deus, e que unen culturas, pobos e esperanzas.
Este é o tempo que imos vivir. Todos os actos relixiosos e culturais que imos vivir teñen que axudarnos nesta liña.
Agradezo a colaboración do Concello de Tui e das institucións civís, autoridades, asociacións, confrarías, que desde o primeiro momento en que pensamos na celebración deste Centenario se uniron á mesma. Como non pode ser menos, agradezo o labor deste Cabido catedralicio e de tantas institucións diocesanas, vigairías, delegacións… que co seu traballo e ilusión, fan posible o que hoxe iniciamos. Permítanme un agradecemento especial aos membros do Comité de honra deste Centenario: as súas Maxestades, os reis de España; o presidente da República de Portugal; o ministro de Cultura do Goberno de España; o presidente da Xunta; o presidente do Parlamento de Galicia; o subdelegado do Goberno en Pontevedra; o presidente da deputación provincial; o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento do Norte de Portugal; o alcalde de Tui; o presidente da Cámara Municipal de Valença; o Arcebispo de Braga; os Sres. Bispos de Galicia e Viana do Castelo; e o deán desta catedral.
Agradezo a presenza de todos vostedes, veciños e veciñas de Tui e doutras localidades e parroquias que quixeron achegarse ata aquí neste día; tamén aos medios de comunicación que hoxe nos acompañan, e que están a cubrir o inicio desta celebración desexando que este Centenario sexa un «acontecemento de xúbilo e esperanza para todos».
Moitas grazas. Obrigado.



