14 de Xaneiro de 2026,
San Juan de Ribera

Mensaxe con motivo do Día da Igrexa Diocesana, 10 de novembro de 2024

Co paso dos anos imos facendo miles de preguntas —entre estas: como organizarmos a vida, que facer neste mundo que nos toca vivir, de que maneira…— e hai que recoñecer que non é fácil dar unha resposta. Como seguidores de Xesús, aquel que nos provoca e cuestiona sempre, esas preguntas formúlanse de moitas maneiras: «Pedro, ámasme?», «Vide comigo e fareivos pescadores de homes», «Sígueme»… En todas, a iniciativa sempre vén de Xesús que nos convida a estar con el e a seguilo.

Para quen es? Esta é a cuestión dos seguidores de Xesús. Cada un temos de facernos a pregunta: a que misión nos envía Xesús, a que entrega, a que nos chama?. Non é un tema para un grupo de selectos; non, é froito da nosa vocación bautismal. Todos somos chamados á vida polo Deus que nos ama; chamados ao amor que se expresa nunha relación persoal con ese Deus; chamados a vivir o reino e a anuncialo presente no mundo; chamados a construír Igrexa e a traballar nela, porque todos somos discípulos-misioneiros na Igrexa e no mundo.

Esta chamada concrétase en accións, estilos, iniciativas… compromisos concretos na comunidade. Celebramos neste mes de novembro o Día da Igrexa Diocesana lembrándonos o noso compromiso persoal e comunitario na nosa diocese. Para quen son? Somos luz nesta Igrexa particular de Tui-Vigo. Aquí respondemos á chamada que nos fai o Señor e aquí concretamos o noso compromiso compartindo a vida e a fe, o tempo e a nosa tarefa, as ilusións e accións, os nosos recursos humanos, pastorais e económicos.

Busca no teu interior o sentido da túa vida. Neste momento e nesta terra, nesta Igrexa que camiña en Tui-Vigo, es convidado a ser a voz dos que non teñen voz, a ilusión de quen comeza cada día, a proximidade cos máis desfavorecidos, o compañeiro dos máis pequenos, o amigo dos que buscan, o Evanxeo que se fai compromiso real… e facelo na comunidade-Igrexa dos seguidores de Xesús. El convida a cada un a seguilo, a deixar atrás o que nos ata e lanzar as redes no seu nome.

Hoxe tamén Xesús nos di: «ámasme? Sígueme!». Hoxe e cada día, espidos ante Deus e os irmáns, temos que preguntarnos: para quen son?

Ti, para quen es?

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo