18 de Xuño de 2026,
Santos Marcos y Marcelino

13 de mayo de 2026

Benqueridos irmáns sacerdotes, un saúdo garimoso a todos e a cada un. Permitídeme que este saúdo sexa hoxe especial para os que celebran  as súas vodas sacerdotais.

Benqueridos profesores e alumnos do Seminario Menor

Benqueridas irmás e irmáns.

Un ano máis reunímonos para celebrar o don do ministerio sacerdotal, a fidelidade de cada un á chamada-misión encomendada polo Señor, a renovación da consagración do noso Seminario ao Corazón de Xesús… son moitos os motivos para festexar, encontrarnos e compartir coma irmáns.

Nas lecturas que acabamos de escoitar vemos un fío condutor: o amor dun Deus extremadamente xeneroso, excesivo e desbordante. O libro do Deuteronomio preséntanos a elección-predilección de Deus polo pobo de Israel, que lle leva a consagralo como pobo da súa bondade porque o ama cun amor libre e gratuito. A primeira carta de Xoan dinos algo ben fermoso sobre o noso Deus: El é amor; e ese amor móvelle a enviarnos ao seu Fillo Xesucristo que con palabras e xestos foi facendo visible ese amor, derramando ese amor e contaxiando ese amor; tamén lévalle á doazón do Espírito Santo que transforma e anima a cada persoa. Por último, o evanxelista Mateo ponnos diante cómo Xesús bendi e loa ao Pai porque revela os misterios do Reino aos pequenos, porque é un Deus libre para amar e elexir, porque nos chama á intimidade -a permanecer- nel, en definitiva porque é un Deus que ama e é amable, alguén a quen podemos amar.

A imaxe do corazón de Xesucristo recolle icónicamente este amor de Deus. Esta imaxe simboliza o  centro persoal de Xto, desde o que brota o seu amor pola humanidade: é unha imaxe que visibiliza o misterio do corazón de Deus que se conmove con entrañas de misericordia e que derrama o seu amor sobre cada muller e cada home do mundo, de todos os tempos; tamén sobre nós.

Este amor que mana do Corazón divino-humano de Xesús é o que nos transforma persoalmente, o que nos fai sentirnos amados-chamados e o que nos fala de corazón a corazón -como decía o Santo Cardeal Newman-, e o que nos abre a posibilidade de sermos semellantes a el, prolongando o seu amor en moitos xestos concretos, que nos falan de amar desde o chan, desde o pequeño e fráxil, sendo pequenos para lavarlle os pés a todos.

Decíanos o papa Francisco na encíclica Dilexit nos nº 171: “contemplar o amor de Xesucristo axúdanos a prestar máis atención ao sofrimento e ás carencias dos demais, fainos fortes para participar na súa obra de liberación, como instrumentos para a difusión do seu amor”. Nesta misión de difundir o amor de Deus enmárcase o noso ministerio. Como lle gustaba decir ao Santo Cura de Ars, o noso “sacerdocio é o amor do corazón de Xesucristo”, e a nosa vocación non se entende se non é desde esta perspectiva oblativa de amar a todos e amar ata o extremo. Somos manifestación do amor do corazón de Xesucristo!, aínda que esta manifestación vaia misturada coa nosa mediocridade e pequenez, pero sempre coa grandeza de que o Bo Deus lle revela as súas cousas á xente humilde, e leva adiante sempre a súa obra de salvación.

Nesta mañá quero darvos as grazas a todos os sacerdotes por serdes o amor do corazón de Xesucristo no medio do mundo!

Grazas Antonio, Fran e Edgardo polos vosos 25 anos; grazas Julio e Alfredo polos vosos 60; grazas -como non- a Moisés e Jesús por eses 75 anos… todos falades de Reino, de servizo, de sementeira fatigosa pero constante e entregada; de esperanza que se fai carne no día a día e de fidelidade a Deus e ao ser humano. Vós, todos, sodes un regalo e unha bendición nesta Igrexa diocesana.

Pídolle ao bo Deus que siga a derramar sobre cada un o seu amor, que todos o descubramos cada día e afondemos nel, que ese amor nos una como familia do presbiterio cun mesmo sentir, cun só corazón e cunha soa alma, e que nos leve a amar no concreto a todos os homes e mulleres, os nosos irmáns/ás.

Dicía Vicente de Paúl que o amor é creativo ata o infinito. Que sexamos capaces -sempre- de amar así co amor que vén de Deus. Amén.

 

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo