12 de Outubro de 2024

,

Nuestra Señora del Pilar
12 de Outubro de 2024

,

Nuestra Señora del Pilar

Homilía con motivo da festa do Cristo da Vitoria

Homilía con motivo da festa do Cristo da Vitoria

San Paulo non foi testemuña da vida, nin da morte nin da resurrección de Xesucristo, pero san Paulo estivo en íntima comuñón cos apóstolos e coa primitiva comunidade da Igrexa. Converteuse moi pronto e pasou de ser férreo perseguidor dos cristiáns para ser, talvez, o máis grande apóstolo da predicación.

El coñecía perfectamente a doutrina cristiá e enfrontouse cos propios apóstolos —concretamente con Pedro no Concilio de Xerusalén— para aclarar cuestións fundamentais da fe. Nese primeiro momento da Igrexa, san Paulo estaba alí construíndo desde a herdanza de Xesucristo resucitado a Igrexa primitiva.

Especialmente, san Paulo coñeceu a vida litúrxica, as celebracións e como aqueles primeiros cristiáns ían formulando a súa fe; como ían aqueles cristiáns celebrando as súas eucaristías ao redor dos textos fundamentais da fe cristiá. Quizá como ninguén de san Paulo viviu esa Igrexa nacente cunha intuición incrible.

E San Paulo, queridos irmáns, era unha persoa excepcionalmente intelixente. Pode caernos mellor ou peor, pero o que está claro é que foi un home dunha capacidade excepcional na intelixencia, na vontade, na entrega, na decisión. El, por exemplo, formulou as cousas máis lóxicas da fe cristiá, como a Carta aos Romanos, capítulo 8.º dicía: «aos que Deus predestinou, a eses xustificounos. E aos que xustificou, a eses glorificounos». Un dos textos fundamentais en referencia á Teoloxía da graza.

Ao mesmo tempo San Paulo tiña unha capacidade profunda de dialéctica. Unha dialéctica de contradición que sabía superar, por exemplo, cando dixo aquilo que todo cristián que teña ido á misa coñece: «a cruz é necidade para os xentís, escándalo para os xudeus, pero sabedoría de Deus para os que cren».

Aí está, queridos irmáns, dezanove séculos antes de Cristo, formulado o que logo Nietzsche declarou o horror ante a cruz, como o declaraban os gregos e os xudeus. Ninguén pode entender a cruz desde o punto de vista humano. A cruz é destrución. Como se pode adorar a unha cruz?

San Paulo, queridos irmáns, sabía que a forza da cruz está na resurrección. Por iso San Paulo recolleu un himno que cantaba e proclamaba na primitiva comunidade que conservamos hoxe como o himno máis importante da doutrina de Xesucristo. É ese himno que lemos, que se leu e proclamou na segunda lectura, que está na Carta aos Filipenses, capítulo segundo. É un himno que é fundamental na comprensión da fe cristiá e que é fundamental na comprensión da festa que hoxe estamos a celebrar.

Cristo, sendo de condición divina, rebaixouse, fíxose home, humillouse, entregouse á cruz, viviu a máis profunda desgraza do home. E desde aí Deus exaltouno. Elevouno e glorificouno en Cristo resucitado. A morte, queridos irmáns, é un tránsito cara á vida.

Así o entendemos os cristiáns. E así en realidade é o misterio da vida na súa fondura. Nunca a morte triunfa definitivamente. A vida sempre ten a última palabra. A vida sempre vence á morte. Por iso, queridos irmáns, nesta festa do Santísimo Cristo da Vitoria, nós celebramos ao Cristo da vitoria, ao Cristo glorioso.

Só o noso pobo ten unha devoción como esta. Eu non a atopei máis que aquí. Os nosos antepasados descubriron que, máis alá da vitoria sobre os franceses, está a vitoria de Cristo na vida; a vitoria de Cristo resucitado.

Isto é, queridos irmáns, o fundamento da nosa fe. É o núcleo, o gonzo de todo o que cremos: Cristo resucitado. Nós non cremos nun Cristo morto, nun Cristo destruído, senón que cremos nun Cristo que morrendo, vive e dános a vida.

Isto, queridos irmáns, é traducido en devoción e en piedade na nosa festa do Santísimo Cristo da Vitoria. Fixádevos, que mensaxe custodiamos. Fixádevos a transcendencia que isto ten para a fe e para a vida dos nosos homes e mulleres do mundo de hoxe.

Con esta festa, queridos irmáns, nós percorreremos esta tarde as rúas vivindo no noso corazón con ilusionada paixón este amor por Xesucristo, Santísimo Cristo da Vitoria.

+ Luís Quinteiro Fiuza,

bispo de Tui-Vigo