28 de xaneiro de 2026
Benquerido Xabi, bispo de Sant Feliu, benquerido Luis, bispo emérito da nosa diocese, benqueridos irmáns sacerdotes, diácono, irmáns e irmás. Celebramos hoxe a festa de Santo Tomás de Aquino, do corazón mesmo deste centro de estudos teolóxicos San Xosé. E este non é un detalle menor, é coma se celebrásemos a festa dun irmán maior na súa propia casa.
A Igrexa proponnos a súa figura non só como un modelo de intelixencia crente, senón tamén como un mestre para todos cantos recibimos o encargo de servir á verdade dende o ministerio ordenado ou dende a vida laica ou consagrada. Non celebramos aquí só a un xenio, que o foi. El sobre todo, sendo un xenio da teoloxía, foi un home de fe e de oración.
O Papa Xoán Paulo II expresábao con claridade en Fides et Ratio, cando dicía que a Igrexa recoñeceu sempre en Santo Tomás de Aquino un mestre do pensamento e un modelo do xeito correcto de facer teoloxía. Non admiramos só o contido da súa doutrina, senón sobre todo o seu método, unha intelixencia aberta a toda verdade, unha razón humilde ante o misterio e unha fe que non lle ten medo ó diálogo ou á cultura. Para nós, estudantes de teoloxía ou docentes, isto é interpelante.
Benedito XVI nunha das súas catequeses sobre Santo Tomás, dicíanos que o santo amósanos que entre a fe e a razón hai unha harmonía natural e que ambas proceden da mesma fonte da verdade. Nun contexto cultural coma o noso, que non sempre relaciona ben a fe, a ciencia, a razón e a revelación, o seu testemuño segue a ser luminoso. Nós estamos chamados a ser homes e mulleres que non teñen medo a pensar, que non temen pensar, pero tamén estamos chamados a ser pensadores que non deixan de crer.
Pero o noso santo non foi só o teólogo das grandes sínteses, aínda que fixera un traballo inmenso. Foi tamén o de transmitir ós demais o contemplado. A teoloxía nacía nel da adoración e aquí resoa aquelo que repetía con tanta frecuencia o Papa Francisco que en Evangelii Gaudium dicía que a realidade é superior sempre á idea.
A teoloxía non pode converterse nun sistema pechado nin en algo abstracto, desligado da vida do pobo de Deus. Debe nacer do encontro con Cristo e volver a ese encontro na acción pastoral. Por iso é polo que Francisco advertirá moitas veces o de non quedarnos nunha teoloxía fría, académica, desconectada do corazón. El insistía en que o auténtico teólogo é aquel que pensa rezando. Primeiro contemplar e logo ensinar. Primeiro adorar e logo predicar.
Ó remate da súa vida, naquela experiencia mística que marcará fundamente a Tomás Aquino, o santo confesa que todo o escrito, todo o reflexionado e todo o publicado parecíalle palla comparado co que experimentara. Deus sempre é máis grande cas nosas mellores palabras e que os nosos mellores razoamentos. Non foi un desprezo á razón, senón o cumio da contemplación.
Cando o Papa Benedito comentaba isto, este episodio, dicía que a verdadeira sabedoría cristiá non consiste en saber moito, senón en entrar en amizade con Cristo. Por iso é polo que a verdadeira teoloxía termine sempre nun silencio adorante. Somos servidores e servidoras ao misterio. A intelixencia fainos útiles e a humildade fainos fecundos.
Benqueridos amigos, o noso traballo e o noso estudo teolóxico non pode ser auto referencial nin funcional. Ten que ser un acto de caridade pastoral. Un acto de caridade pastoral. Cada esforzo por comprender a nosa fe, cada afundimento na Escritura ou na tradición, é un servizo ao Pobo Santo que se nos confía. Este, o pobo, precisa de palabras, de reflexións que xurdan dun corazón cheo do Señor. Precisa de pastores e mestres que pensen con fondura e que amen con tenrura. Que saiban explicar a fe sen complicala e que defendan a fe sen endurecerse. Precisa pastores e leigos capaces de dar razón da súa esperanza, dialogando sen cansarse co mundo e coa cultura, e sen terlle medo a ese mundo e a esa cultura. Santo Tomás ensínanos que a claridade non está rifada nunca coa humildade nin a fondura coa sinxeleza.
Convídovos neste día tan especial, convídovos a que pidamos tres cousas. A primeira, que o noso estudo sexa sempre un acto de caridade. Segunda, que a nosa intelixencia estea sempre unida á oración. E terceira, que non perdamos nunca a capacidade de asombro ante o misterio de Deus que se revela en cada corazón, e nos irmáns, sobre todo dos máis pobres. E que o noso santo, a quen hoxe recordamos, nos ensine a pensar con claridade, a crer con firmeza e a adorar con humildade. E que todo isto nos faga a ti e a min máis santos e mellores servidores do pobo santo de Deus.
Que así sexa.



