18 de Febreiro de 2026,
San Eladio

15 de enero de 2026

Benquerida familia de D. Ramiro

Benqueridos sacerdotes dos presbiterios de Ourense e Tui-Vigo

Benqueridos veciños/veciñas, amigos e amigas

En momentos como este que compartimos, son moitas as palabras que decimos, que nos gustaría expresar e facer chegar, dun xeito especial a todas as persoas cercanas ao noso irmán sacerdote. É certo que ás veces non sabemos moi ben qué decir ou cómo facelo… e as palabras se nos quedan curtas, e fala o silencio.

Gustaríame hoxe compartir convosco unha triple palabra: de acompañamento, de esperanza e de acción de grazas.

1. Palabra de acompañamento.

Coa nosa presenza, co noso silencio, tamén falamos, dicindo unha palabra de acompañamento: á familia de D. Ramiro, á comunidade dos seus fregueses, a esta comunidade parroquial que nos recibe, á familia-presbiterio de Tui-Vigo e aos sacerdotes desta diocese que nos acolle.

A nosa presenza e silencio quere ser unha palabra elocuente de consolo, cercanía, agarimo, de compartir o que somos tanto na alegría como na pena. Acompañámonos solidarizándonos fronte á dor e á morte, fronte á tribulación que supón sempre despedir a alguén que compartiu connosco o camiñar da vida e o camiñar na fe.

2. Palabra de esperanza.

Decía o apóstolo Paulo nunha das cartas que escribía aos cristiáns de Tesalónica: non vos agoniedes como aqueles que non teñen esperanza (1 Tes 4,13). O apóstolo recórdanos así, que non podemos quedarnos só nese aspecto humano inquietante e temeroso da morte; nós somos homes e mulleres esperanzados, e esta esperanza danos unha perspectiva diferente fronte á morte.

Escoitábamos na primeira lectura, do libro da Apocalipse: esperamos un ceo novo e unha terra nova (Ap 21,1). Estamos chamados a un lugar onde para sempre seremos o pobo de Deus, El será para nós o noso Deus e nós seremos os seus fillos (Ap 21, 7). E tamén escoitabamos no evanxeo: non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas, e cando vaia e vos arranxe un lugar volverei e collereivos comigo (Xn 14 1-3).

Esta esperanza nace e aliméntase da fe. Esta fe lévanos a descubrir en Xto, a nosa esperanza: a descubrir nese neno que se encarna na miseria de Belén, no rapaz que vive no silencio paciente de Nazaré, no xove que pisa os camiños do mundo atopándose coa debilidade e fraxilidade humana, nese home que pasa facendo o ben e curando a todos os oprimidos polo diablo; descubrimos a nosa esperanza nese home adulto que se abaixa e lava os pés dos amigos, que laia pola unidade de corazón de todos os seus, que se fai alimento de vida eterna e comunión real no pan e viño compartido, que pende -por amor- morto nunha cruz e que trae a ilusión cando resucitado nos di ao corazón: a paz convosco.

A fe lévanos a ser e facer cousas insospeitadas, sorprendentes. A confiar sen ver claro, a fiarnos daquel que é a Palabra, a esperar no imposible que se fai realidade. Esa fe en Xto dinos que o amor é o Camiño, a Verdade e a Vida; que ese amor transforma a toda persoa e que dá a vida, porque El é a Vida mesma.

Pola fe, confiamos plenamente no Bo Pastor, Xto. Con El témolo todo, nada nos falta. Con El imos aos pastos verdecentes a repousar e a beber en augas tranquilas, sempre. El repón as nosas forzas e guíanos a vereas rectas, é o noso caxato e sosego, pon a mesa para nós e por El podemos dicir: habitarei na casa do Señor todos os días da vida.

Neses pastos verdecentes está D. Ramiro, e confiamos e esperamos atoparnos un día con el e co Bo Pastor.

3. Palabra de agradecemento.

A Deus, Señor da vida e historia, do tempo e do que somos, porque nos chamou á existencia, nos chamou a seguilo na comunidade da Igrexa e a construir e vivir o Reino.

A Deus que nos chamou a seguilo facendo da nosa vida un servizo ministerial, como chamou a D. Ramiro. Esa chamada cambiou e configurou a vida do noso irmán, facendo del un traballador na viña do Señor (Benedicto XVI), que tentou anunciar a Palabra do Pastor Bo, levar adiante o seu Reino, comprometéndose cos pequenos na Igrexa que camiña en Tui-Vigo.

Ramiro, unímonos como Igrexa-familia en oración por ti nesta tarde. Poñemos neste intre a túa vida nas mans da nosa Nai, a Virxe da Franqueira, patrona da nosa diocese de TV. Que ela, Nai agarimosa, te leve ante o Deus-Amor, comunión infinita e misericordia inesgotable, e que este Deus che dea o descanso e a paz. Oramos tamén polos teus, polas comunidades ás que te entregaches, polo presbiterio co que serviches e formaches familia, que a túa vida, como o gran de trigo que morre sementado, resucite e dea froito abondoso en todos eles. Amén.

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo