9 de Agosto de 2026,
Santa Teresa Benedicta de la Cruz

Acabamos de escoitar as lecturas da Exaltación da Santa Cruz. E poderiamos pensar que é estraño celebrar unha cruz, porque a cruz sempre fala de dor, fracaso e sufrimento.

Os cristiáns cando celebramos esta festa non celebramos a madeira da cruz; celebramos o amor que nela se entregou. Celebramos un Deus que non quedou mirando desde o ceo o sufrimento da humanidade, senón que baixou ao noso carón, cargou coa nosa cruz e abriu, para todos, un camiño de esperanza.

Hoxe, todas e todos volvemos os nosos ollos cara o Cristo da Vitoria. Invítovos a fixarvos nun detalle: nos seus brazos. Son brazos que están abertos, non pechados. Son brazos que non sinalan, nin ameazan, non afastan. Están abertos, porque así é o noso Deus: sempre disposto a acoller; sempre disposto a perdoar; sempre disposto a empezar de novo connosco.

A cruz, que parecía o maior signo de derrota, converteuse nun lugar onde Deus abrazou ao mundo enteiro.

Hai quen mira a cruz e só ve un home derrotado. Os cristiáns miramos a cruz e vemos dous brazos que non se pechan nunca. Deus podería salvar o mundo con poder; quixo facelo cun abrazo.

Hai quen constrúe a súa vida erguendo muros. Cristo salvou o mundo tendendo pontes.

Desde o inicio do seu pontificado, o papa León XIV convídanos insistentemente a sermos construtores de pontes: pontes entre as persoas, entre os pobos, entre xeracións; pontes onde outros só saben levantar barreiras. Esa invitación non é unha moda nin un programa humano, non é unha idea nova. É o corazón do Evanxeo, porque a primeira gran ponte foi a que Deus mesmo construíu coa encarnación do seu Fillo en Belén; a que Deus mesmo construíu desde a cruz, unindo o ceo e mais  a terra, reconciliando a humanidade co Pai e abrindo un camiño de fraternidade entre todos. Onde nós erguemos muros, Deus tende unha ponte.

A nosa cidade de Vigo ben sabe o que significa tender pontes; tamén sabe o que significa ser porto. As pontes e os portos existen para unir, nunca para separar. Igualmente, a Igrexa existe para unir. Cada un de nós, tamén, é chamado a unir; por iso hoxe invítovos  a que nos preguntemos: as nosas palabras, as miñas, constrúen pontes ou erguen muros? As nosas familias son lugares de encontro ou de distancia? Os pobres, os enfermos, os maiores que viven sos, os mozos e mozas que buscan sentido para a súa vida… atopan en nós unha porta aberta ou un corazón pechado?

O mundo precisa máis cá nunca esa resposta, porque seguimos vendo a loucura da guerra; seguimos vendo pobos obrigados a abandonar a súa terra; nenos aos que se lles rouba a infancia ou persoas que morren na máis fonda soidade… Tamén aquí, na nosa cidade e contorna, na nosa terra hai cruces silenciosas: familias preocupadas polo futuro, persoas que viven coa angustia da enfermidade, mozos e mozas que non atopan horizontes e teñen que ir a outros lugares, maiores que botan de menos unha  visita, homes e mulleres do mar que afrontan con incerteza cada xornada.  Ningunha destas cruces é allea ao corazón do Cristo, por iso vimos onda El. Non porque teñamos todas as respostas, senón porque sabemos que El é a nosa resposta, sabemos que El nunca abandona os que sofren.

Benqueridas irmás e irmáns, esta tarde volveremos acompañar ao Cristo da Vitoria polas rúas da nosa cidade. Será unha fermosa manifestación da nosa fe e do noso amor, pero permitídeme dicirvos unha cousa: a procesión máis grande non é a de hoxe, non; a procesión máis significativa comeza mañá ao volver á rutina diaria, ás nosas casas e traballos, aos hospitais, comercios, ao mar, á vida de cada día… Daquela será cando se vexa se verdadeiramente aprendemos algo da cruz de Cristo. O Señor non nos pregunta cantas veces acompañamos a súa imaxe; pregúntanos cantas veces abrimos os brazos coma El, cantas veces perdoamos, cantas veces consolamos, cantas veces tendemos a man, cantas veces fomos ponte para que outros recuperen a esperanza.

Irmás e irmáns, que esta sexa a nosa oración neste día grande de Vigo: que os brazos abertos do Cristo da Vitoria ensinen aos nosos brazos a  acoller; que o seu corazón ensine ao noso corazón a amar. E que a nosa cidade sexa coñecida, non só pola fondura da súa devoción, senón tamén pola fondura da súa caridade. Así, cando esta tardiña contemplemos de novo ao Santísimo Cristo percorrendo as nosas rúas, comprenderemos que a verdadeira vitoria non foi vencer coa forza; foi vencer co amor. E esa vitoria segue sendo posible hoxe, se cada un de nós decide vivir co corazón aberto, como Cristo.

Os brazos abertos de Cristo son a ponte que Deus tende á humanidade. Agora tócanos a nós non pechar os nosos. Amén.

 

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo