19 de Febreiro de 2026,
Beato Álvaro de Córdoba

2 de febrero de 2026

Cando hai unhas semanas celebrábamos o Nadal, escoitabamos ao profeta Isaías que nos dicía: “O pobo que camiñaba na escuridade, viu unha grande luz”. E nós, vimos no Neno que nacía fráxil e vulnerable en Belén, aquel Neno que non tivo sitio na pousada e que veu ao mundo de xeito silencioso, discreto e ignorado por tantos, ao Mesías esperado, ao Deus feito carne, Salvador da humanidade e do mundo.

Hoxe, ese Neno-Fillo de Deus ven ao Templo para atoparse co seu pobo, con cada un de nós; e todos nós, saímos coas nosas luces acendidas ao seu encontro porque nel recoñecemos a Presenza auténtica do Deus próximo e salvador, e queremos “arder” na súa luz, sermos testemuñas desa luz e alumar o mundo coa nosa vida. Ese Neno dinos que con el, nós somos a luz do mundo; antes éramos tebras, pero agora somos luz. Ese Mesías esperado dinos “alume así a vosa luz aos homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen ao voso Pai que está nos ceos (Mt 5,16).

Celebramos tamén, a Xornada Mundial da Vida Consagrada. Moitas, moitos dos que estades aquí, vivides a vosa vida seguindo os consellos evanxélicos e a vida comunitaria en fraternidade. Esa é a vosa vocación no seo da Igrexa, esa é a vosa misión. Grazas a todas e todos polo voso xeito de vida; grazas por vivilo aquí, nesta Igrexa particular, á que aportades un “sabor” e unha “luz” con diferentes matices, sensibilidades, estilos, pero construíndo entre nós e connosco o Reino de Deus.

Na vida da Igrexa, cada muller e cada home é chamado persoalmente polo Señor a seguilo. Toda vida é unha vocación para a misión; a cadaquén tócalle buscar a que é chamado e para que. E esta vocación-misión é o que nos dá identidade. Qué son, quén son…? son preguntas que nos levan a pensar como vivir a propia vida. Como seguidores de Xesús de Nazaré, que pasou polo mundo facendo o ben a todos, estas preguntas resoan doutro xeito: Para qué/para quén son? E isto é o que nos recorda o lema da Xornada deste ano: Vida consagrada, para quen es?

A que invita esta pregunta?:

1. A recordar que toda existencia responde a unha chamada. Non elixistes vós este camiño, este estilo de vida; fostes chamados por Alguén, a iniciativa é súa; e vós, acollédela libremente.

2. O centro desta vida é Deus e o seu proxecto salvador. Todo o demais é secundario, o importante é vivir desde ese Deus, “abandonándose como nenos nos brazos do Pai”, como recordaba o papa León no Xubileu da Vida Consagrada.

3. O importante é responder á chamada sabéndose amada/o por Deus tal como un é, de xeito inmerecido e sempre gratuíto. Responder desde as mesmas claves: cun amor libre, pobre, aberto á novidade de cada día. Un amor apaixonado por ese Deus que chama e un amor apaixonado polos homes e mulleres a quen Deus ama, e que precisan que lles faledes dun Deus Nai-Pai.

4. Para quen son?

+ para Deus: abrindo o corazón a ese Deus e ofrecéndoo a todas/os. Buscando a ese Deus no día a día, no propio interior, nas persoas que conforman as diversas comunidades, nos preferidos de Deus. Buscando facer a súa vontade na vida diaria, en pequenos xestos que van conformando o que un é con ese proxecto salvador de Deus.

+ para as irmás/áns: que buscan e precisan a Deus. Homes e mulleres que obrigan a renovar cada día a resposta de amor para que “non ganen terreo en nós fenómenos destrutivos como o avinagramento do corazón ou a ambigüidade das eleccións”, como recordaba tantas veces o papa Francisco.

Mulleres e homes que urxen a ter unha mirada aberta e atenta ás necesidades reais de cadaquén, descubrindo os signos que os tempos poñen diante. Para iso é preciso aprender a ver ben, co corazón, sabendo que -como nos dicía o Principiño- o esencial é invisible para os ollos.

Homes e mulleres, que esperan de vós relacións frescas, novas, que vaian creando “vínculos” que fagan que cadaquén sexa único, polo tempo e a vida dedicadas a eles; homes e mulleres que digan como o raposo do Principiño, “domestícame”, crea lazos comigo que sexan irrompibles e que nos falen dos lazos que Deus crea con cada persoa, porque El veu ao mundo a “domesticarnos”.

+ para os máis pobres, preferidos dese Deus que vos chama e que vos invita a entregar a vosa vida por cada un deles. Neses pobres descubrimos todos o rostro de Deus que en cada unha, un de vós ten uns trazos ben definidos: nenos, adolescentes, mulleres maltratadas, velliños, nais soas, persoas sen fogar, homes e mulleres con capacidades diferentes, familias moi complicadas, mulleres e homes de parroquias… Sodes para todas e todos eles, no medio deles, con eles, sendo un deles. Esa misión á que Deus vos chama lévavos a unha predilección irrenunciable polos pobres e polas periferias xeográficas, como pode ser esta Igrexa particular de Tui-Vigo que está nunha esquina do mapa, xa case no Finisterrae, sen esquecer tamén as periferias existencias, que falan das marxes descartadas da sociedade, que tamén temos aquí.

5. Como facer todo isto?

O papa Francisco falaba das tres “P” necesarias na vida consagrada:

+ Pregaria:  regresar continuamente a Deus que é quen vos chamou a esta vida. Ese continuo volver a Deus levará a traballar sempre por Deus e non polos propios intereses ou polos intereses das Congregacións ou institutos aos que pertencedes. Só por El

+ Pobreza:  que axuda a recoñecernos como somos, limitados, fráxiles, e que se constitúe nun muro de contención da vaidade e orgullo

+ Paciencia: que leva a afrontar o pequeno da vida comunitaria ata o sacrificio de amor de si mesmo; axuda a levar sobre as costas os problemas e sufrimentos do mundo.

E sen querer emendarlle a plana ao papa Francisco, engadiría outra letra, a “A” de Alegría, recordando aquilo de san Paulo: “estade sempre alegres no Señor. Repítovolo: estade alegres” (Flp 4,4)

 

Benqueridas consagradas/os, que as vosas vidas brillen con moita forza; vivide sempre coma fillas e fillos da luz, para que os que vexan as vosas boas obras, glorifiquen ao Deus Pai/Nai que está nos ceos. O mundo precisa desa luz, a Igrexa precisa desa luz, esta Diocese precisa desa luz que nos enriquece e engrandece.

Grazas!!!!

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Obispo de Tui-Vigo