7 de xuño de 2026 — Concatedral-basílica de Santa María en Vigo
«Ti es o pan do Ceo, novo maná, que para a nosa vida o Pai nos dá». Moitas veces oramos con este canto nas nosas celebracións. Hoxe, na celebración do Corpo e Sangue de Cristo queremos repetilo unha vez máis: Deus, no seu infinito amor, acompáñanos ao longo da historia, e nun momento concreto, faise un de nós; toma carne e sangue, vive, ri, chora, alégrase e sofre, como calquera de nós. Ese Deus infinito que se fai humanidade en Xesús, regálanos o seu corpo e sangue feitos pan e viño para que sintamos a súa proximidade, para saciar as nosas fames e sedes. El é o pan vivo que sacia as nosas ansias e alimenta as nosas esperanzas.
Queremos celebrar isto coa liturxia no templo e coa liturxia nas rúas. Hoxe invítasenos a adorar, pero a que Corpo de Cristo imos facelo? A nosa adoración non pode quedarse pechada nas paredes dos templos, nin camiñar só polas rúas adornadas. A nosa adoración ten que facerse entraña porque a eucaristía que adoramos non é un calmante para a conciencia nin un refuxio para escapar da realidade. É o pan dos que sofren, e comulgar lévanos a mirar de fronte as chagas da sociedade na que vivimos.
O corpo de Cristo está presente tamén no pan que son as persoas, miles de familias que teñen dificultades para chegar a fin de mes, atrapadas na precariedade laboral con soldos de miseria que non permiten vivir con dignidade. O corpo de Cristo non ten teito onde gardarse, expulsado por un escandaloso problema de vivenda que converte un dereito humano nun luxo inalcanzable, froito do aproveitamento duns poucos, deixando a familias, mozos e mozas á intemperie. Cristo está nos que sofren a discriminación polo lugar da súa procedencia nos nosos barrios, onde mirar ao migrante con sospeita e desconfianza vaise facendo “normal”. O corpo de Cristo tamén está en tantas persoas privadas de liberdade, pechados no esquecemento dos nosos cárceres, ou na soidade non desexada de cada vez máis velliños esquecidos tantas veces.
Ante este Cristo, pan encarnado, celebramos o «Día da Caridade» cun lema urxente: «Elixe amar. Elixe comunidade». E a campaña deste ano aterra este lema cunha verdade sorprendente: Non podemos cambiar o mundo, pero si podemos elixir como vivir nel. Moitas veces estamos parados usando como escusa que os problemas nos superan. O Evanxeo non nos pide salvar o mundo, pero si podemos elixir non ser cómplices. Elixir amar significa complicarnos a vida polo outro, poñer o noso corpo unido ao de Cristo na humanidade. Elixir comunidade significa rebelarse contra a cultura do descarte. Ou eliximos sermos comunidade —un só pan onde todos nos sostemos— ou nos converteremos en axentes da indiferenza.
Toda esta revolución do amor da que nos fala Cristo-Pan ten un rostro visible nas nosas parroquias e na nosa diocese que se encarna na familia de Cáritas. Quero dar as grazas de corazón a cada un dos voluntarios e voluntarias, que regalan o seu tempo e bo facer na acollida das parroquias e nos diversos proxectos; aos traballadores e técnicos, que aportan a súa profesionalidade e entrega diaria para devolver a dignidade roubada; e a todos os que caladamente sostedes esta rede de esperanza. Vós, familia de Cáritas, sodes as mans que sosteñen o corpo ferido de Cristo. O voso compromiso amosa que, sen poder cambiar o mundo, elixistes vivir nel abrindo camiños de salvación.
O lema da visita apostólica do papa León ao noso país dinos «Alzade a mirada»; un berro imperioso a deixar de mirarnos a nós mesmos, de mirar ao chan do desánimo ou ao illamento das pantallas. Ese berro úrxenos a erguer a mirada para descubrir a Deus no medio de nós, para mirar aos ollos de tantos irmáns descartados que tantas veces evitamos mirar nas rúas. Non podemos ser cristiáns de mirada baixa ou distraída ante a dor allea; é unha contradición vivinte.
Francisco, o papa tan recordado, dicíanos con contundencia: «non podemos comulgar co corpo de Cristo e pechar os ollos ante o irmán que pasa fame, que carece de teito ou é descartado pola sociedade. A Eucaristía é o pan dos pobres, que nos transforma en instrumentos da súa compaixón». E nesa mesma liña, León XIV recórdanos: «contemplar o amor de Cristo axúdanos a prestar máis atención ao sufrimento e carencias dos demais… Na chamada a recoñecelo nos pobres revélase o mesmo corazón de Cristo, os seus sentimentos e opcións máis fondas».
Irmás e irmáns, a celebración do Corpus non remata no templo ou na procesión que imos ter en breve. Se nos alimentamos do corpo de Cristo, sempre vivo e entregándose para darnos vida, é urxente que o noso corazón latexe polos máis pequenos, como fai o del. Vaiamos aos barrios, ás periferias, aos lugares máis inaccesibles, aos cárceres ou portais de exclusión. Convertámonos en pan que se parte e reparte, pan que se comparte con todos —con todos!—. Saiamos decididos a sandar toda ferida, a rachar con toda polarización, a derrubar os muros da discriminación, a alzar a mirada e xogárnolo todo por elixir amar e elixir comunidade, como fixo Aquel a quen hoxe adoramos. Así, só así, a nosa adoración será verdadeira, auténtica.


