19 de Febreiro de 2026,
Beato Álvaro de Córdoba

16 de enero de 2026

Onte despedíamos na súa parroquia natal ao que foi o voso pastor durante trece anos; facíamolo con pena e con esperanza, porque anque a morte dun ser coñecido e querido é un momento duro, énchenos acotío de esperanza as palabras do Señor Xesús, que sempre falan de vida.

Dicíanos o apóstolo Paulo na primeira lectura: alégrome do que teño que padecer por vós, o Corpo de Xesucristo, a Igrexa. Paulo foi feito servidor daquela Igrexa pola encomenda por Deus da misión de predicar a súa Palabra.

Se tivéramos que resumir a vida e misión dun crego, estas palabras poderíamos facelas propias. Cada sacerdote, lendo o Evanxeo, orando esas palabras, facendo silencio para acollelas, vendo as necesidades das persoas que o rodean, vai descubrindo o sentido da súa existencia, que non é outro máis cá facer a vontade do Pai que nos quere salvar. E esa vontade vaise realizando na entrega silenciosa, humilde, constante e tenaz do día a día, entre aqueles encomendados polo Señor.

A vida do sacerdote Ramiro tentou ser cada día unha entrega que manifestara a súa unión forte a Xesucristo, para dar froito abondoso. Amado por Deus, escoitou no seu interior a invitación a permanecer no seu amor, sendo testemuña deste entre os seus irmáns e irmás.

Agradecémoslle a Deus, nesta tarde, o regalo que foi a vida do noso irmán, desempeñada nas comunidades por onde estivo, desempeñada nesta comunidade de Castrelos. El foi, nelas, o sementador xeneroso da Boa Nova de Xesucristo a tantos que se achegaron ao Señor pola súa testemuña evanxelizadora.

Agradecémoslle a Ramiro o seu esforzo, o seu labor, a semente que foi prantando. Sabemos das súas dificultades e problemas, tamén dos seus desvelos e intentos de vivir en fidelidade á chamada divina sendo pastor bo. Cando os bacelos permanecen unidos á vide, rezuman do amor de Xesucristo e se transforman no signo que o mundo precisa para crer en Deus Pai e no seu enviado Xesucristo.

Esta comunidade parroquial, este presbiterio diocesano rinde sentido homenaxe e recordo ao noso irmán Ramiro, e a todos os que como el, tentan vivir desde a fe, o amor e o servizo a todos para que a Igrexa apareza no medio do mundo como a esposa fiel a Xesucristo, a Luz que fai que vexamos todo de xeito novidoso.

A nosa homenaxe non pode quedar pechada só neste momento; a mellor homenaxe é a que leva adiante aquilo polo que viviu o noso irmán, aquilo que anunciou e que ensinou Aquel a quen el lle entregou a súa vida.

Oramos por Ramiro, por esta parroquia, polo noso presbiterio diocesano. Que todos permanezamos sempre unidos a Xesucristo, vide verdadeira e ao seu Pai, o labrador xeneroso. E que a semente botada na terra por Ramiro e tantos outros sacerdotes, dea moitos froitos nesta Igrexa que camiña nas terras de Tui-Vigo. Amén.

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo