20 de Marzo de 2025,
San Martín de Braga

Homilía durante a celebración da Xornada Mundial da Vida Consagrada

Homilía durante a celebración da Xornada Mundial da Vida Consagrada

2 de febreiro de 2025

Nesta liturxia da Presentación do Señor, celebramos a festa do encontro de Deus co seu pobo. Deus feito neno, achégase á humanidade para atoparse con ela, iluminala, darlle un sentido, transformala. O Deus humanizado, Aquel que é a Luz das nacións, ven encender a nosa realidade coa súa luz, e nós, saímos ao seu encontro deixándonos iluminar pola súa Palabra e o seu amor, para sermos luz de esperanza para os nosos irmáns.

Neste día, celebramos tamén a Xornada Mundial da Vida consagrada. Cada cristián, chamado a seguir a Xto na propia vida, vive a súa resposta, a súa vocación; os consagrados/as facédelo cun estilo de vida propio, específico, seguindo os consellos evanxélicos e a vida comunitaria en fraternidade. A todos/as que estades hoxe aquí, nesta celebración diocesana, agradezo a vosa presenza, e  toda a Igrexa que camiña en Tui-Vigo, agradece e valora a vosa testemuña de vida, e que vivades os vosos carismas nesta Igrexa particular.

Cada un de nós somos peregrinos neste mundo. Cada un, fomos soñados desde sempre por Deus, e a nosa existencia é froito do seu amor. Cada un, no seu diario vivir, busca atoparse con ese Deus, descubrindo que non fai o camiño só, son moitos as irmás e irmáns que camiñan con el. Todos e todas somos peregrinos que imos ao encontro dese Deus; toda a nosa existencia é buscar para atopar, pedir para que se nos dea, chamar para que se nos abra.

Cando comezaba o meu servizo de comunión nesta Igrexa animábavos a soñar xuntos; hoxe renovo esta invitación e invítovos a facelo  peregrinando xuntos, nesta diocese, ofrecéndonos como luz a todas as periferias existenciais do noso mundo.  Como di o lema da Xornada de hoxe: sendo Peregrinos e sementadores de esperanza.

Coma peregrinos, cada un leva unha alforxa para o camiño. Coma peregrinos, sabemos de ónde saímos e cara ónde imos: partindo cadaquén da súa realidade, o que cada un é,  imos cos irmáns e irmás  ao encontro dun Deus que é amor incondicional e nos ofrece sen exclusións unha man salvadora. O noso é camiñar con outros, sempre. E aí, no camiño, somos peregrinos e aí sementamos esperanza .

Nas nosas alforxas, para levar adiante esta proposta, teríamos que levar algunhas cousas e rexeitar outras. Quixera compartir con vós, algunhas:

  • Unha fe renovada: que cre no sentido do camiño, que se fía de quen nos dá a vida, tamén na escuridade de cada día.
  • Tirar coas queixas, derrotismos e lamentos que dificultan o camiñar e enchen de cansanzos. Tirar coas críticas, murmuracións e desconfianzas que non nos deixan valorar ao outro e nos enchen de tensión, nada construtivas
  • Non mirar ao pasado con nostalxia, morriña: iso xa pasou; o noso é camiñar desde o presente mirando ao futuro
  • Mirar a realidade con paz sabendo que nela está ese Deus que nos chamou a sementar o Reino; que El amou esa realidade e que a salvou.
  • Deixar costumes, rachar co tan coñecido “sempre se fixo así” e con tantas estructuras que pesan ao camiñar; hai que  arriscar e sair: Aquel que é a Luz é quen vai diante iluminando cada paso. Iso danos esperanza.
  • Paciencia: todo ten o seu tempo e o seu momento. A paciencia axúdanos a non perder as ilusións con nós mesmos e cos demais e quitar medos. Como nos recorda Sta. Tareixa: Nada te turbe, nada te espante; todo se pasa, Dios no se muda; la paciencia todo lo alcanza.
  • O sentido do humor que fai medrar a nosa alegría e volve sinxelo o que pode ser complicado
  • Relacións máis humanas, fraternas, que poñan aos demais no centro, e que nos animen a pensar menos en nós mesmos. Recuperar os detalles que axudan á convivencia e esponxan o corazón, e a tenrura que ensancha a alma.
  • Vivir só co preciso: canto menos peso, mellor. O afán de buscar seguridades, de calquera tipo, é un peso, unha carga, unha falta de fe naquel que nos chama e unha atadura.
  • Aprender a mirar -si, cada día- dun xeito novo. Cada persoa é un irmán; cada persoa ten dignidade; a nós só nos toca camiñar xuntos, nunca xulgar nin desconfiar.
  • Un corazón grande, cheo de nomes a quen amar. Iso axuda a rachar coa soedade egoísta e a comprometernos coa realidade concreta. Como decía Xoan da Cruz: un amor que nin cansa nin se cansa.
  • Ofrecer as nosas capacidades a todos, onde fagan falla, de xeito compartido sen autosuficiencias nin competitividades, sabendo que todo procede de Deus e é un regalo.

Cando miramos ás nosas alforxas descubrimos que é preciso alixeirar peso. Como facelo? Volvendo ao amor primeiro, a todo aquilo que encheu o noso corazón cando descubrimos a chamada do Señor a seguilo. Ese amor primeiro sempre estivo e está; ás veces, as experiencias vividas parecen como que o esconden, pero se miramos no noso interior, en calquera momento, atopámonos con ese Deus que nos ama e que sigue a facer arder os nosos corazóns.

Queridos consagrados/as, sodes peregrinos e sementadores de esperanza. Os vosos compromisos son luces proféticas que iluminan as vidas de tantos nos colexios, residencias, obras sociais, mosteiros, parroquias, comunidades, hospitais, grupos de fe,… Grazas por peregrinar entre nós e con nós. Grazas pola vosa vida de comunidade, fraterna e apaixoada, alegre e enamorada, que nos fala dun estilo diferente, dunha confianza maior, dun compromiso real con cada persoa e dunha esperanza que non falla, porque o amor de Deus vértese nos nosos corazóns. Grazas por ser luz no medio de tanta escuridade, bálsamo que cura tantas feridas.