VIII centenario da dedicación da catedral de Santa María de Tui
1 de decembro en Tui
Onte dábamos comezo, con moita alegría, á celebración dos 800 anos da nosa Igrexa-Catedral; faciámolo inaugurando o Ano xubilar concedido pola Santa Sé, en comuñón fraterna coas dioceses veciñas do resto de Galicia, de Palencia, Viana e de Braga. Foi un gran acontecemento, deses que deixan unha forte pegada na nosa memoria afectiva.
Esta mañá, celebrámolo dun xeito máis familiar e próximo. Toda a comunidade diocesana está de festa porque a Igrexa nai, a matriz que alimenta a fe, a esperanza e o amor de toda esta Igrexa particular, celebra 800 anos de vida, cun pasado fermoso e configurador, un presente vivo e cheo de desafíos, e un futuro esperanzador e ilusionante.
Esta Igrexa Catedral é signo da Igrexa viva, edificada con pedras escollidas e preciosas en Cristo, o Señor, que é a pedra angular, e por iso, cada vez que entramos nela, pensamos nela, e nos sentimos en comuñón con ela, recordamos que tamén nós somos «como pedras vivas, parte da construción do templo espiritual» (1 Pe 2, 5).
Cando un chega a esta cidade de Tui, o primeiro que ve, xunto coa mansedume do Miño que baña estas terras, é este Templo, afincando no alto, referencia constante da vida de toda a veciñanza. Este Templo afincado na rocha, recórdanos onde estamos asentados como Igrexa: na rocha que é Cristo, na súa palabra de vida e no Reino por el predicado. Nel apoiámonos, nel sentímonos en boas mans, nel recoñecemos «a miña rocha, o meu acorro, o meu castelo. Xamais eu non caerei» (Sal, 62). Xesucristo é a pedra angular, el é «a miña herdade e a miña sorte, ti coidas do meu porvir» (Sal, 16). E esta confianza lévanos a dicir co salmista: «o meu corazón está contento, as miñas entrañas reloucan e o meu corpo está seguro» (Sal, 16).
Ao longo destes 800 anos moitos homes e mulleres destas terras sentiron aquí a proximidade dun Deus, feito home por amor, que acolle, agarima, anima, consola, alumea nas escuridades, é descanso nas fatigas, e que di —como os discípulos ao cego no camiño— érguete, que te chama. Aquí, moitos irmáns e irmás, sentiron a voz do Señor que preguntaba a cadaquén no seu corazón: «que queres que che faga?». E unha vez máis, «vai, salvoute a túa fe», invitando a pórse en camiño, soñar, facer proxectos, abrirse ao futuro, a non quedarse nunca sentados a carón do camiño.
A nosa Igrexa catedral foise construíndo co esforzo de moitas persoas, pedra a pedra, poñendo cadaquén algo do seu traballo, soños e ilusións. As pedras falan con elocuencia de vida, constancia, de proxecto en común, de presente e futuro… De aí, que sexa preciso —en cada momento da historia— volver constantemente a Cristo, pedra angular, e ao seu evanxeo, sendo dóciles á acción do Espírito, como nos recordaba o papa León, na misa da dedicación da súa catedral.
Este templo, símbolo de Cristo e do seu Corpo místico, a Igrexa, dinos: sede tamén vós, como pedras vivas, parte da construción do templo espiritual (1 Pe 2,5). Xesús, o Señor, é a pedra angular, transformadora, e chámanos a traballar na gran obra da construción de Deus.
A nós, oitocentos anos despois, herdeiros dunha longa tradición de fe, camiño e vida, tócanos facer Igrexa, e este é o gran reto que supón este centenario e esta celebración. En palabras do papa León: todos somos chamados co noso bautismo a construír o edificio de Deus na comuñón fraterna, na harmonía do Espírito, na convivencia nas diferencias. Como afirma san Agostiño: «todos os que viven en concordia cos irmáns e aman aos seus próximos son os que compoñen a Igrexa» (Sermón 359).
Como responder a este reto? Como seguir construíndo, como ser pedra hoxe? O Xubileu non pode quedarse só nunha memoria agradecida ou nunha fermosa celebración. O peso de tantos anos de historia lévanos a coller o testemuño de seguir facendo real, pedra a pedra, o templo espiritual que esta catedral representa. Non podemos quedarnos paralizados ou indiferentes; atentos aos berros do mundo temos que ser unha Igrexa que se mancha as mans para servir ao Señor (Papa Francisco, misa conclusión Sínodo bispos 2024).
Estamos chamados a non «ser unha Igrexa sentada, senón en pé. Non ser unha Igrexa muda, senón que recolle os berros da humanidade. Non unha Igrexa cega, senón iluminada por Cristo, que leva a alegría do evanxeo aos demais. Non unha Igrexa estática, senón misioneira, que camiña coa Señor polos vieiros do mundo» (papa Francisco). Unha Igrexa que constrúe pontes, co diálogo, co encontro, uníndose todos para ser un só pobo sempre en paz, traballando sen medo, cos brazos abertos para acoller e non rexeitar, para vivir en fraternidade e non descartando, para buscar sempre a caridade, esa caridade que se fai acollida, palabra, pan, man tendida, que busca estar sempre cerca daqueles que sofren.
Dicía o papa León: esta é a hora do amor! A caridade de Deus é o corazón do Evanxeo, e esta caridade fainos irmáns entre nós. É urxente construír Igrexa fundada no amor de Deus e signo de unidade, unha Igrexa misioneira, que abra os brazos ao mundo, que anuncia a Palabra, que se deixa cuestionar pola historia e se convirte en lévedo de concordia. É urxente construír unha Igrexa da misericordia, que non se quede nas palabras, senón nos xestos. Cal podería ser o noso xesto durante este Xubileo, a nivel persoal, a nivel parroquial, a nivel diocesano? Que deixar que non axuda a levantar o templo? Que buscar para que o templo que somos, irradie a luz de Cristo?
Todo este esforzo non se pode facer a nivel individual; non, todos xuntos —todos!— sinodalmente, aínda que nos leve máis tempo. É a hora do amor, e onde hai amor non hai medo; é preciso rachar cos medos que nos atenazan, que nos atan en falsos respectos humanos, que nos impiden sermos creativos, audaces, que nos escravizan nos costumes e nos paralizan ante todo cambio, novidade ou aire fresco que nos desconcerta. A construción da Igrexa é de todos, traballando cadaquén no seu, pero no mesmo soño e proxecto, coa humildade de saber que só xuntos poderemos levala adiante, e que se nos equivocamos, sempre podemos volver comezar.
Esta é a hora do amor, repite León XIV. Só desde o amor, afincados nel, poderemos seguir facendo Igrexa. Recibimos unha herdanza, transmitámola sen descanso, sabendo que no templo que somos, ese templo do que simboliza a catedral, Deus está e nos ama, e o mal non prevalecerá.
Baixo o amparo de María poñemos todo o Ano xubilar. Sabemos que, como Nai amorosa, seguirá acompañando a todos os seus fillos, animándoos na construción da Igrexa. Que o ardor apostólico do benaventurado Pedro González Telmo sexa un estímulo constante neste momento e sempre. Amén.



