«De tal xeito amou Deus ao mundo, que lle deu ao seu Fillo unixénito, para que todo o que cre nel, non se perda, senón que teña vida eterna». Estas palabras de Xoán, que acabamos de escoitar, resoan no noso corazón: tanto amou Deus ao mundo… e queren darlle sentido á nosa celebración. Celebramos ao Cristo da Vitoria, ese Cristo que roto na cruz levántase atraendo a el todas as miradas e corazóns, e aí nos invita a preguntarnos: quen é?
Nós miramos con cariño a imaxe do noso Cristo. Incluso a cruz, sempre dura, é signo e adorno de moitas casas e de moitos e moitas dos que estamos aquí. A cruz de Cristo nunca deixou indiferente a ninguén, ou leva á fe ou provoca unha forte oposición. Xa desde o inicio da Igrexa había moitos que rexeitaban a cruz, querían adulterala ou infravalorala. Os gnósticos crían que era un erro pensar que o Fillo de Deus podía morrer coma todos; os xudeus, afirmaban que o Deus santo non podía manifestarse nun condenado; e os pagáns, rexeitaban un Deus débil, un deus mortal.
Para Xoán, a cruz é revelación do exceso do amor do Pai: tanto amou Deus ao mundo… A Cruz fala de entrega e salvación. Para Xoán, a fe non é un acto sentimental, nin unha afirmación ideolóxica, nin sequera unha posición relixiosa; a fe é a aceptación en liberdade da entrega amorosa de Xesús; o seu froito é a salvación. O Evanxeo é palabra de vida e plenitude, non de condena ou fracaso.
En que cres? Como é a túa fe? O Evanxeo remite a resposta á persoa de Xesús: cre nel. Acepta que nesa cruz está Deus amando e respondendo aos anhelos de todas as persoas que buscan ser amadas; esa cruz é expresión suprema do amor con que Deus nos ama e proba de que ninguén, ninguén, queda fora da salvación, empezando polos descartados do mundo.
Esa salvación, esa plenitude existencial, esa felicidade que chega a todas as dimensións da nosa existencia é un regalo inmerecido e gratuíto de Deus á humanidade, a cada home e muller; a todos e todas sen exclusións nin diferenzas. Nesa cruz, o Deus feito carne, mira ao ceo cos sentimentos, dificultades e desexos humanos buscando ao Deus Pai-Nai; nesa cruz, o Deus feito carne, abraza a toda persoa e fai seus, os sufrimentos e dificultades da vida de tantos. Por iso, cando un mira á Cruz síntese salvado, amado, comprendido, escoitado, valorado, esperanzado. Nese abaixamento e humillación extrema, recoñecemos que non hai situación, por negativa que sexa, que non estea acollida e redimida no seu amor; nin ser humano sobre o mundo e o tempo, polo que Cristo non derramara o seu sangue. Cando vemos a Cristo na cruz, recoñecemos o poder da súa resurrección e a luz que todo ser humano precisa buscando o camiño para atopala nel.
Vivir coa convicción dese amor excesivo de Deus é o que nos posibilita unha fe en Cristo, que ten como meta a salvación histórica e definitiva, e nela, a nosa máis plena realización.
Vivir con esta fe lévanos a sermos testemuñas da fondura da entrega que explica evanxelicamente a vida, morte e resurrección de Cristo: a entrega do Pai, que tanto amou ao mundo; a entrega do Fillo, que se nos dá na totalidade da súa persoa; a entrega de cada seguidor e seguidora de Xesús, que foi incorporado polo bautismo á morte e resurrección de Cristo.
Seguir a Cristo hoxe esíxenos aceptalo no xeito no que el se nos manifestou: un amor entregado sen límites, de onde brota o perdón e renace a fraternidade, porque só o amor deixa lugar ao outro. Só o amor é o camiño para a plena comuñón entre nós (Papa Francisco).
Santísimo Cristo da Vitoria, que estás sempre no medio de nós para abrazarnos e acoller as nosas feridas e cicatrices. Grazas por tanto amor derramado, por tanta pregaria escoitada, por tanta esperanza sementada en todos os que acudimos tantas veces a ti. Señor que te ergues como faro no medio de nós na túa cruz, que aprendamos de ti a despoxarnos de todo egoísmo e vaiamos sempre ao encontro do outro, para estarmos máis unidos e sermos máis fraternos, abertos e universais.
Santísimo Cristo sé ti a nosa guía, a nosa forza, a nosa esperanza e o noso amor. Amén.



