18 de Febreiro de 2026,
San Eladio

Neste camiño de Advento que estamos a vivir, a liturxia ponnos diante a figura de María, a Nai Inmaculada, a muller do si incondicional ao proxecto de amor de Deus sobre ela e sobre toda a humanidade. María é a portadora da salvación para o mundo; un mundo que precisa recuperar a figura dunha muller, María, para ensinarnos que o pecado non ten a derradeira palabra.

É María, a Inmaculada, quen nos fala de recuperar os valores perdidos ou esquecidos. É ela a que nos invita a crer, a permanecer en silencio, rumiando a Palabra de Deus que ven sandarnos e salvarnos. Ela é o espello en quen mirarnos e quen proclama nun canto de xúbilo que o mundo ten esperanza, porque a esperanza leva o nome do seu Fillo: a esperanza chámase Xesús, o Emmanuel, o Deus connosco.

Celebramos esta festa con profunda alegría. Deus non nos deixa perdidos no abismo e na escuridade: somos elixidos polo Amor en relación con Xesús, o Fillo de María. Ela é elixida e discípula: escoita a Palabra e obra segundo ela; inicia un camiño con esperanza e á espera da Vida. E nela Deus dinos: alégrate, estou contigo. Alégrate, e que esa alegría non esmoreza nunca, porque nunca vai esmorecer o meu amor. Nela tamén nos di o Señor: non teñas medo, porque atopaches graza ante Deus, e esa graza vai facer de ti algo novo e grande. Non teñas medo, non te preocupes, o Espírito do Altísimo baixará sobre ti fecundando a túa vida. E nós, como María, ante tanto amor derramado e regalado por Deus, dicimos: velaquí a escrava do Señor, cúmprase en nós o que dixeches. Nós, ante tanto amor, só podemos dicir si, fágase, toma o que somos e leva adiante a túa obra, o teu soño salvador. Fágase, fágase!

Miguel, como fillo de Deus que es, o Señor chamoute á vida e á fe polo bautismo. Entraches a formar parte do seu pobo santo, unido a tantos irmáns e irmás: es membro dun pobo sacerdotal. E neste pobo, Deus elixiute para exercer, no seu nome, o ministerio presbiteral, continuando a súa misión persoal de Mestre, sacerdote e pastor. Participas da misión de Cristo, o único Sacerdote. Es chamado a ser pastor: pastor do pobo de Deus, pastor que vai co pobo de Deus. Parafraseando a san Agostiño: cos irmáns es cristián, e para os irmáns es sacerdote. Cos irmáns, no medio deles, sendo un deles, coa mesma dignidade cá eles pero cunha misión para eles: seres pastor, facedor de pontes. E todo isto non ao teu aire, nin segundo o teu criterio. Es chamado a seres pastor ao estilo do Señor: servindo, co estilo de proximidade, compaixón e tenrura, que o Señor viviu sempre. Gustaríame recordarche hoxe unhas palabras do papa Francisco, que seguen a ser actuais, e que é preciso que os pastores nunca esquezamos.

Falaba Francisco que a nosa vida ten que ser un servizo, cunha “traza” especial: a proximidade, porque así foi e é Deus connosco. Proximidade que se ten que manifestar na paixón por estar co Señor, compartindo con el momentos longos de oración, de escoita da súa Palabra, de silencio elocuente ante el e con el. Non é un mero cumprir, é desfrutar e vivir a amizade con aquel que nos ama, como diría Teresa de Xesús. Esa proximidade de Deus tamén se ha manifestar na proximidade cos irmáns, con cada un, incluso no medio da miseria da vida e do pecado. O noso Deus andou mergullado na sucidade do mundo sendo man próxima tendida a todos.

Proximidade tamén ao teu bispo: es colaborador del na súa misión e nel atoparás sempre vínculos de unidade. Non te deixes arrastrar nunca pola tentación de se che gusta ou non o bispo, de se che cae ben ou é da túa liña. El é teu pai e é o vínculo da túa unidade.

Proximidade aos teus irmáns no presbiterio. Eles non son colegas, nin compañeiros, son irmáns e estades na mesma misión. Que esa proximidade te leve a amalos, a sentirte parte deles, a defendelos, a sentirte próximo a eles, a non criticalos nin murmurar deles, a traballar xuntos, porque xuntos sodes familia.

E, como non pode ser menos, proximidade ao pobo santo de Deus. Non esquezas nunca de onde ves, fuches elixido —como todos os presbíteros— sacado do pobo de Deus. A ese pobo es enviado para gastarte por el, para servilo, para camiñar con el espallando esperanza, para entregar a túa vida e a túa morte por el. E dun xeito especial, recorda que es enviado a sandar os corazóns rotos de tantos: os pobres han ter sempre un sitio fundamental na túa vida, non son algo anecdótico e secundario; como diría Vicente de Paúl, «eles son os nosos amos e señores». Non te esquezas deles nunca, e que eles teñan sempre en ti, un pai, unha nai que acolle, coida, sirve e ama.

Francisco falaba tamén, que xunto á proximidade, no estilo do Señor está a compaixón e a tenrura. Non peches nunca o teu corazón ás necesidades dos teus irmáns. Non sexas un cura de mirar o reloxo, nin de horarios restritivos, nin de veña cinco minutos antes da misa ou volva mañá… O teu tempo xa non é teu, é dos outros. Perde o tempo escoitando e consolando, acollendo, sorrindo e sendo misericordioso, sempre. Que quen se achegue a ti nunca se sinta xulgado, desatendido ou aprazado. Perdoa sempre e en toda ocasión. Sé ti, o rostro amable dun Deus compasivo e tenro. Vive sempre coa tenrura dunha nai, esa tenrura que fai que un sinta que está na casa de Deus, no fogar.

Que no teu estilo non haxa vaidade nin orgullo, só gratuidade. Vive pobre, como a maioría do pobo santo de Deus; pobre entre os pobres, amando con xenerosidade, porque como di o Señor Xesús —e nos recorda o libro dos Feitos dos Apóstolos— «é máis felicidade dar que recibir» (Feit 20, 35).

Grazas, Miguel, pola túa entrega nesta Igrexa particular de Tui-Vigo. Grazas a todos os que ao longo da túa formación te acompañaron e puxeron o seu gran de area para que chegaras a ser hoxe presbítero: ao seminario cos seus formadores, aos sacerdotes, aos teus compañeiros, á túa familia e á túa parroquia, aos teus amigos e fregueses.

Nesta festa de María Inmaculada, pedímoslle que sexa sempre para ti, un modelo de entrega confiada, de si xeneroso, de alegría desbordante, de crente que busca facer a vontade do Señor en cada momento. Encomendámoste a san Telmo, para que sempre haxa en ti a urxencia creativa que tivo no anuncio do evanxeo.

Rezo por ti, rezamos por ti, e por esta Igrexa bendicida por Deus no teu ministerio; non deixes de rezar por min, polos teus irmáns presbíteros e por esta Igrexa que hoxe te acolle.

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo