18 de Xuño de 2026,
Santos Marcos y Marcelino
Mons. Antonio Valín, obispo de Tui - Vigo

13 de mayo de 2026

Benqueridos/as irmáns/ás:

Somos moitas as persoas que ao longo desta xornada, e nestes días previos de novena, nos achegamos ata esta igrexa-santuario para rezar ante a imaxe da Virxe de Fátima. A nosa presenza quere facerse oración agradecida e confiada a Deus pola intercesión da nosa Nai, María.

Recordamos aquel 13 de maio de 1917 onde o ceo tocou a terra a través dos 3 nenos pastores para darnos unha mensaxe de paz en pleno contexto de guerra. Deus válese dos pequenos -aqueles nenos- para transmitirnos unha mensaxe de esperanza, invitándonos a convertir o corazón e crer nel e na súa acción no medio do mundo e historia.

A mensaxe que María lle foi transmitindo a aqueles nenos segue a ser ben actual porque nos fala de:

  • A necesidade de oración como arma pola paz. María pide que se ore con confianza, meditando a vida de Xesús cos seus ollos e pedindo constantemente pola paz. Nun contexto como o que estamos a vivir, orar pola paz ante tantos conflictos mundiais é ben urxente, pero tamén ante tantas situacións que rompen coa paz nas familias, nos fogares, nas relacións persoais e no propio corazón. Dicía o papa Francisco que isto era “poñer no Corazón da Nai o que nós non podemos resolver, sabendo que só Deus pode eliminar o mal de tantas guerras crueis e insensatas”.
  • A conversión dos corazóns. María insiste na súa mensaxe na urxencia de volver o corazón a Deus, para alonxarnos da tendencia ao pecado que non nos deixa ser felices, ofrecendo pequenos sacrificios pola paz e por todos os que non sempre vivimos a mensaxe do evanxeo.

A conversión do corazón invítanos á santidade diaria, nas cousas de cada día, coas persoas coas que convivimos, facendo da rutina de cada día, un camiño de salvación.

  • Tamén, María nos anima a manter a esperanza: nun mundo revolto a última palabra é de Deus, que sempre é de victoria sobre o mal. Ela é a nosa compañeira de camiño na vida, non é a protagonista, pero sí é quen nos acolle e nos sinala a Xesús, o noso Salvador.

Cando celebramos esta festa, non podemos quedar só na devoción piadosa, nas nosas peticións ou accións de graza. Este volver a María, que sempre é un volver ao seu Fillo Xesucristo, ha levarnos á acción. Non podemos volver á casa como viñemos. María, que é a Señora da prisa, a que sae axiña para axudarnos, e a que nos permite ver a luz de Deus, recórdanos que a nosa devoción sincera nos ten que levar ao compromiso, a abrir o corazón dos que sofren, non cren ou están nun momento difícil; tamén nos ha levar a abrir o propio corazón a cada irmán para que a paz desarmada e desarmante nos una nun mesmo sentir e faga realidade o soño de Deus sobre a humanidade.

Irmás e irmáns, esta festa da Virxe de Fátima nos reafirma na confianza de que volvendo o corazón a Deus, da man de María, seremos capaces de influir no curso da historia. Non perdamos nunca a esperanza! O amor é máis forte có odio, e a graza de Deus sempre ten a última palabra.

Virxe de Fátima, poñémonos baixo o teu manto, protéxenos a nós e ás nosas familias, e guíanos sempre cara a paz do teu Fillo Xesús. A El a honra e o poder por sempre eternamente. Amén.

 

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo