14 de Maio de 2026,
San Matías

13 de abril de 2026

Saúdos cordiais aos irmáns bispos que nos acompañan desde as dioceses irmás de Galicia (Lugo e Ourense) ata a diocese de Palencia; tamén ao Arcebispo emérito de Tánxer.

Saúdos cordiais ao Vicario Xeral da Diocese de Braga, que nos acompaña representando ao Arcebispo e Bispos auxiliares daquela Igrexa

Saúdos aos membros do Cabido catedralicio e aos sacerdotes que nos acompañades

Saúdos ao Sr. Alcalde, Oferente neste ano, e membros da Corporación tudense; ás autoridades civís, militares

Saúdos aos Membros da Confraría de san Telmo

A todas e todos, un saúdo cordial.

 

Feliz Pascua! Feliz festa de San Telmo! A nosa cidade, e con ela toda a Igrexa particular que camiña en Tui-Vigo, celebra con gozo ao noso patrón, o venerable Pedro González Telmo, e facémolo este ano, no contexto da celebración do VIII Centenario da nosa Igrexa catedral; desde logo, non nos faltan motivos para celebrar.

Acóllennos estes muros que foron consagrados hai xa 800 anos, e que acompañaron á veciñanza de Tui e a toda a diocese, no camiño de vida e de fe, axudándonos a sermos pedras vivas nesta Igrexa diocesana, nunha historia de amor e de fe, única e ben fermosa. Cando nos achegamos a esta Catedral non só miramos ao pasado, a unha historia de evanxeo centenaria, na que como figura senlleira está Pedro Glez Telmo, senón que miramos ao futuro, porque a historia obríganos a coller a herdanza recibida e seguir sementando, facendo realidade promesas de futuro.

Tócanos navegar nunha sociedade e Igrexa que atravesa un feixe de tempestades: a fráxil paz que vivimos, pendente de fíos febles e de decisións incomprensibles, a situación de tantas persoas que viven en permanente estado de refuxiados ou migración buscando tan só vivir con dignidade, a situación laboral precaria de tantos que xera angustia nas familias ou a da escasa vivenda que condena a situacións nada dignas, a soedade dos nosos maiores ou o desconcerto dos máis novos que non atopan un norte ben definido polo que camiñar, a polarización que trae enfrontamentos e tensións, incluso no mesmo seo da Igrexa… Esta é a mar na que nos toca faenar, na que vivimos e loitamos. E aí, non estamos sós, Aquel que vive para sempre, Xesucristo, é a nosa luz e esperanza; e moitos irmáns/ás van no noso camiño: san Telmo vai connosco, abrindo os nosos ollos a unha lectura de fe e evanxélica da vida.

Nas lecturas que proclamamos vemos os traballos que a Igrexa primitiva viviu na súa misión de evanxelizar a todos, misión concretada no texto de Mateo: curar enfermos, resucitar mortos, botar demos fora… e todo cun estilo ben concreto: de balde, porque de balde foi recibido. O Señor recórdanos que non é preciso preocuparse de nada, a nosa forza está na mesma Palabra anunciada que toca os corazóns e na testemuña, alegría e celo daqueles que a anuncian.

Cando pensamos nisto, e miramos ao noso patrón, Pedro Glez Telmo, vemos cómo desde a sinxeleza, a pobreza pero cun celo evanxelizador inquebrantable foi facendo realidade o Reino de Deus alí onde predicou. A súa palabra, a súa cercanía e paixón, os seus xestos falaban de novidade evanxélica, de compromiso concreto coa realidade, de Reino feito terra. Todo nel, fálanos de evanxeo feito carne.

Recordábanos hai uns días o papa León nunha catequese sobre o Concilio Vaticano II, que a vocación dun seguidor de Xesús é a de ser santos: a santidade non é un privilexio para uns poucos, senón un don que compromete a todo bautizado a tender á plenitude do amor a Deus e ao próximo. Este don, manifestase na vida cotiá cada vez que o acollemos con alegría e lle correspondemos con compromiso. O mesmo papa, cando se reuniu cos xoves en Tor Vergata, afirmaba: a nosa esperanza é Xesús, aspirade á santidade, non vos conformedes con menos. O encontro con Jesucristo Resucitado é o que cambia a nosa existencia, ilumina os nosos afectos, desexos e pensamentos.

A santidade lévanos a facer extraordinario o ordinario, vivindo sempre con coherencia máxima nas cousas pequenas de cada día. O  papa propón 3 camiños prácticos de santidade para o mundo de hoxe:

  • A santidade da escoita: atentos á voz de Deus que fala na realidade persoal e no mundo; a á voz do próximo.
  • A santidade da defensa da vida: coidando a dignidade de quen está ao noso carón, sexa migrante, vello só, enfermo,…porque a santidade mídese na compaixón activa.
  • A santidade que racha coa cultura do odio: a fe non pode ser nunca para atacar, criticar, aplastar. A santidade amósase sendo ponte, nunca muro.

Isto é o que hoxe celebramos. Empezabamos a celebración coa veneración das reliquias; no medio de nós, está o Corpo santo de Pedro Glez Telmo. Que significado ten para nós, hoxe?

Por unha banda, os santos son como os nosos GPS espirituais: non están aí para admiralos de lonxe, senón para demostrarnos que o evanxeo é posible en toda circunstancia, tamén nas dificultades. Son a proba de que o amor pode vencer ao egoísmo.

Por outra, son os nosos compañeiros na andaina de cada día. Non estamos sós, son os amigos que coa súa testemuña e intercesión nos axudan a non desanimarnos, a saír para adiante e a non perder nunca a esperanza e a alegría.

A santidade, hoxe,  é o antídoto contra a indiferencia, porque supón vivir con corazón esperto e atento.

Implorando este don da santidade no día a día, aos pés do noso patrón, con confianza, dicimos unha vez máis: Misericordia san Telmo, salve Corpo Santo. Amén.

 

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo