30 de setembro de 2026 — Vigo
Un ano máis damos inicio ao curso neste Centro de Estudos Teolóxicos, e facémolo invocando o Espírito sobre nós e o noso traballo formativo. É unha fonda ledicia vernos aquí, e quero agradecer de corazón o esforzo que facedes todos: os profesores que, con rigor e paixón, preparades as diversas materias e cursos; o alumnado que tendes o interese de afondar un chisquiño máis no pensamento da nosa fe para unha mellor vivencia da mesma. Todo nos fala dun edificio que se constrúe co sacrificio e entusiasmo compartido.
Este non pode ser un inicio de curso máis; non podemos afacernos ao de todos os anos. Non estamos aquí porque toca ou nos guste. Ten que ser unha oportunidade máis, única e distinta, que se nos ofrece para medrar en humanidade, en fondura, en espiritualidade, en apertura á realidade que nos rodea, en Evanxeo encarnado, en compromiso social e eclesial.
Escoitabamos no libro dos Feitos como o Espírito Santo irrompe coma un «vento impetuoso» que saca aos discípulos do seu illamento e do seu medo. A Teoloxía precisa dese vento. O Espírito non uniformiza, senón que vai creando unha harmonía na diversidade, permitindo que cadaquén escoite as marabillas de Deus na súa propia lingua. E no evanxeo de Xoán, Xesús, promete o Espírito da Verdade que ten por misión «lembrar todo o que El nos dixo» e adentrarnos na verdade completa. Afondar nas Escrituras e Tradición da Igrexa significa afinar o oído do corazón para que este recordo vivo de Cristo se converta en palabra profética no mundo de hoxe.
Este novo inicio do curso lémbranos a necesidade absoluta da formación permanente para todos. Non pode ser algo secundario na nosa realidade porque non se trata duns cursos de reciclaxe funcional ou un mero adestramento de técnicas pastorais ou sociais; é o coidado vital da nosa propia identidade, un proceso continuo de conversión, de maduración humana e espiritual, de hixiene da fe para non deixarnos levar polo desencanto, cinismo ou mero pragmatismo.
O papa León recórdanos que ante o mundo que nos rodea nós temos o deber de permanecer profundamente humanos. Para iso nos serve o estudo da Teoloxía, para humanizar, para espertar a sensibilidade e para dar razón da nosa esperanza cunha fe adulta nunha sociedade que ten sede de sentido.
Esta formación debe estar intimamente relacionada coa realidade actual que nos envolve. Estudar Teoloxía significa aprender a mirar a realidade cos ollos de Deus, que nos invita á misión que se encarna nas feridas da nosa xente, nas súas dores, dúbidas e procuras.
O Espírito santo que hoxe invocamos é o artífice da comuñón, que se fai coa corresponsabilidade, misión e compromiso de cada un de nós, de todos, porque todos e todas somos necesarios nesta Igrexa na que estamos a camiñar. Temos moitos retos por diante: estamos elaborando un Plan diocesano novo coas suxestións que se nos facían nas enquisas realizadas no pasado curso. Temos aí, ben actuais, as recomendacións e invitacións que nos facía, xa hai anos, e que non podemos esquecer, o Sínodo diocesano. A Igrexa universal segue nesa andaina sinodal, porque non pode ser doutro xeito… e todo isto supón que precisamos seguir afondando na nosa formación para sermos fieis ao que Deus soña para nós e ao mundo que tantas veces nos cuestiona, e espera de nós, luz para afrontar as situacións de cada día. Recordaba León XIV aquelas palabras de Santo. Agostiño: «Con vós cristián, para vós bispo». Esa é a alma da sinodalidade. Neste Centro non hai categorías. Cregos, leigos escoitando, aprendendo, compartindo e soñando xuntos, afondando na súa fe para unha maior corresponsabilidade, que non pode ser un mero “repartir tarefas”, senón un verdadeiro e renovado compromiso bautismal na construción do Reino.
Un novo curso, unha nova oportunidade, para ser, para afondar, para medrar… como persoas e como crentes. A formación que iniciamos hoxe, recórdanos que todos e todas somos discípulos de Cristo: todos! E como discípulos sempre “inmaduros”, aprendendo e en camiño, en constante construción. Este Centro de estudos ha ser un Obradoiro de fe viva, de pensamento crítico e de compromiso real coa Igrexa que camiña, vive, sinte, exprésase nesta Igrexa particular concreta.
E quen mellor para ensinarnos isto cá María, a Nosa Señora da Franqueira. Coa mesma devoción e confianza coa que tantas persoas subiron ao seu santuario a pedirlle luz e protección, poñemos nas súas mans de nai este novo curso académico. Que Ela, a muller do si sen reservas e da apertura á novidade continua, nos ensine a sermos discípulos constantes, humildes na nosa fraxilidade e valentes no noso anuncio.
Comecemos logo esta andaina. Sen medo, sen escusas, con confianza e ilusión. Amén.


