Ordenación episcopal e toma de posesión de D. Antonio Valín Valdés
20 de xullo de 2024 na catedral de Tui
«Se o Señor non fai a casa, en balde se esforzan os canteiros;
Se o Señor non garda a cidade, en balde vixían as sentinelas» (Salmo 126)
Irmáns e irmás:
A sabedoría dos salmos blinda e purifica o corazón do crente. A Igrexa, nosa nai, sábeo; por iso pide aos consagrados dedicar unha parte importante da súa vida ao Oficio Divino e os sacerdotes prometemos solemnemente na nosa ordenación rezar diariamente as horas canónicas.
A confianza no Señor é o fundamento de toda acción pastoral e ao pastor compételle vivila en primeira persoa e pedila para todo o Pobo de Deus.
Neste momento da miña vida, ao recibir con profunda alegría ao noso novo pastor, sento máis que nunca a importancia da docilidade á acción divina na miña vida e na vida da Igrexa. O papa Francisco repítenos unha e outra vez o perigo que supón o sucumbir á tentación de poñer as nosas forzas, os nosos plans, por enriba da iniciativa de Deus.
O Señor, a través da súa Igrexa, envíanos a D. Antonio como pastor da nosa Diocese de Tui-Vigo. A súa persoa e o seu ministerio son para nós o sinal da predilección de Deus. O Señor falaranos a través das súas palabras, dos seus xestos e de todo o seu ministerio episcopal.
A Igrexa convócanos hoxe na nosa catedral para celebrar xunto a D. Antonio o misterio insondable da Eucaristía e do Sacerdocio, que na súa persoa se constitúe para nós en mediación privilexiada de salvación.
Con toda a Diocese damos grazas ao Señor e á Igrexa polo don precioso do noso novo pastor e encomendámolo á misericordia divina, á protección da Nai da Esperanza e á intercesión de san Telmo, o noso Patrón.
Pola miña parte, como bispo emérito, douvos infinitas grazas a todos pola vosa axuda nestes anos compartidos e pola vosa fidelidade ao Evanxeo. Pídovos perdón por tantas fraquezas e polos meus erros. Con todos vós e en comuñón co noso pastor, D. Antonio, seguiremos xuntos no servizo gozoso do Pobo de Deus que dá vida e alento a esta Diocese de Tui-Vigo,
Moitas grazas, moitísimas grazas.
+ Mons. Luis Quinteiro Fiuza
Bispo emérito de Tui-Vigo



