14 de Abril de 2026,
San Telmo

Mensaxe con motivo do día das xentes do mar

16 de xullo de 2025

Queridas irmás, queridos irmáns:

A final do pasado ano, o papa Francisco, unido a toda a Igrexa, abría o xubileu do ano 2025 co lema «A esperanza non defrauda» (Rom 5,5). Na bula de convocatoria lembrábanos que «no corazón de cada persoa aniña a esperanza como desexo e expectativa do ben, aínda ignorando o que traerá consigo o mañá. A imprevisibilidade do futuro fai xurdir sentimentos contrapostos: de confianza ao temor, da serenidade ao desalento, da certeza á dúbida» (SNC 2). Mesmo con estes sentimentos, o papa animábanos a que este ano fose ocasión para reavivar a esperanza, porque «a esperanza non defrauda, porque o amor de Deus foi derramado nos nosos corazóns polo Espírito Santo, que nos foi dado» (Rom 5,1-2.5). A esperanza nace do amor e fúndase no amor que brota do corazón de Xesús traspasado na cruz e, como nos di san Paulo, a esperanza cristiá non engana nin defrauda, porque está fundada na certeza de que nada nin ninguén poderá separarnos nunca do amor divino (Rom 8,35.37-39). Velaquí por que a nosa esperanza non cede ante as dificultades: «porque se fundamenta na fe, nútrese na caridade, e deste xeito fai posible que sigamos adiante na vida» (SNC 3). O apóstolo sabe moi ben que a vida humana está feita de alegrías e penas, de dificultades e gozos, pero sabe tamén que o amor se pon a proba cando aumentan as dificultades e a esperanza parece derrubarse fronte ao sufrimento. En tales ocasións, no medio da escuridade percíbese unha luz que brota da cruz e resurrección de Cristo.

Neste contexto do ano xubilar, tempo de graza e renovación, tempo de espera e esperanza, celebramos a festa das xentes do mar, a festa da Virxe do Carme, unha ocasión entrañable na que, como cada ano, elevamos a nosa oración e mirada a María; oramos convosco e por vós.

Queremos proclamar con especial forza, neste tempo, a María, guía e esperanza nosa. Vós, que coñecedes de cerca a incerteza das travesías, a forza das mareas e a fraxilidade da vida no mar, sabedes tamén o que significa confiar nunha presenza que acompaña, protexe e sostén. María, a Nai do Señor, foi desde sempre faro na noite, estrela que guía aos navegantes, consolo na soidade e fortaleza nas dificultades, colo tenro de amparo e compañía na distancia.

A esperanza cristiá non é inxenuidade nin evasión: é certeza de que Deus non abandona nunca ao seu pobo; o mar non é só proba, tamén é promesa. En cada rede lanzada, en cada longa xornada laboral, na inseguridade no medio de tantos conflitos, na precariedade laboral, nas duras condicións de traballo ou na distancia… está tamén presente a acción silenciosa daquel que acougou a tempestade e que navega connosco na barca da vida tendéndonos unha man.

O papa Francisco lémbranos que estamos chamados a «redescubrir a esperanza nos signos dos tempos que o Señor nos ofrece» (SNC 7) e a «escrutar a fondo eses signos e interpretalos á luz do Evanxeo» (GS 4). Tamén nos urxe a ser nós «signos tanxibles de esperanza». Hai moito retos no mundo do mar, que tantos vivides no día a día, que tantas familias sofren, e que como Igrexa queremos vivir e acompañar: o problema da saúde mental dos traballadores do mar; a regulación e seguridade dos mariñeiros e pescadores; a mellora das embarcacións; a sinistralidade… Aquí tócanos levantar a voz, profeticamente, para recuperar á persoa como centro de todo, buscando a súa dignidade persoal, laboral e familiar, antes que calquera ganancia ou procura exacerbada de produtividade, e saír ao encontro das xentes do mar en todas as súas vertentes. Ao mesmo tempo, é urxente unha conversión ecolóxica para coidar a casa común e enfrontarse aos retos que esta nos pide a toda a sociedade, traballando xuntos para construír o ben común, e así ser signos tanxibles de esperanza.

Neste ano xubilar, a esperanza atopa en María, a Nai de Dios, o seu testemuño máis alto. Nela, vemos que a esperanza non é un mero optimismo, senón un don no realismo da vida. Ao longo da súa vida, como nai e crente, como discípula fiel do seu Fillo, nos gozos e nas escuridades, María repite o si dado a Deus na anunciación, sen perder a esperanza e a confianza no Señor. Ela é a Stella Maris que confía e espera en todo acontecemento da vida por moi escabroso que sexa, e vén no noso auxilio, sostén e convida a confiar e a seguir esperando en todo momento e en toda realidade.

A quen traballas no mar, ás vosas familias, a quen vela pola vosa seguridade, e a todos cuantos ofrecedes apoio espiritual, social ou humano nos portos, lembrámosvos e felicitamos nesta festa da Virxe do Carme, agradecendo todo o voso traballo diario e o voso esforzo e interese na promoción, coidado e mellora das xentes do mar. Sodes signos tanxibles de esperanza no medio da nosa Igrexa e do noso mundo. Que María nos sosteña a todos na esperanza, acubille na dificultade e achéguenos sempre ao seu Fillo Xesús, porto de salvación.

Feliz día das xentes do mar, feliz día da Virxe do Carme. O voso amigo e irmán,

O voso amigo e irmán,

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo