17 de Xullo de 2026,
Santa Marcelina

16 de xullo de 2026 — Día das xentes do mar e festividade da Nosa Señora do Carme

 

Irmás e irmáns:

Na actualidade, existe un consenso internacional claro en que o futuro do transporte marítimo non depende só da tecnoloxía ou as rutas comerciais, senón do coidado real das persoas que viven e traballan no mar.

Se algo temos visto é que as xentes do mar sosteñen unha parte esencial do noso mundo. Sen elas, a vida, tal como a coñecemos, non sería posible. E, con todo, a súa realidade segue marcada pola distancia, a dureza do traballo, a incerteza e, moitas veces, a invisibilidade e o descoñecemento de tantos que vivimos e traballamos en terra (o que non se ve… para moitos non existe).

Falamos do transporte marítimo e da pesca, fonte básica da alimentación para millóns de persoas. Segundo a FAO, máis de mil millóns de persoas dependen do peixe como fonte principal de proteínas.

Sabemos que o gran reto non é só técnico ou económico; o gran reto é humano. Porque non basta con barcos máis seguros ou rutas máis eficientes se non coidamos ás persoas que fan posible todo iso.

A esta realidade súmanse outros desafíos que non sempre son visibles: condicións laborais cada vez máis esixentes, situacións de abandono, riscos crecentes na navegación, desigualdades derivadas da globalización ou os cambios tecnolóxicos e medioambientais que afectan directamente a mariños e pescadores. Todo iso confirma que non estamos ante problemas illados, senón ante unha realidade estrutural que esixe unha resposta humana, social e pastoral.

Os acontecementos recentes lembráronnolo con forza. No estreito de Ormuz, unha das grandes rutas do comercio mundial, o conflito deixou miles de buques afectados e preto de 20.000 mariños retidos (datos de Organización Marítima Internacional), moitos deles durante semanas, sen poder volver a casa e sometidos a unha tensión constante baixo o cruzamento de mísiles. A International Transport Federation, pola súa banda, fala de máis de mil correos electrónicos e mensaxes de tripulantes nesa situación, na devandita rexión desde febreiro, tras os ataques de Estados Unidos e Israel contra Irán. Non son só cifras: son persoas concretas, con rostros, nomes, familias… con vidas en pausa. E iso obríganos a mirar esta realidade doutra maneira. Requírese a subministración inmediata de alimentos, auga potable, realidades básicas para soster esas tripulacións. Desde logo, a resposta non pode ser a indiferenza ou o cruzarse de brazos.

O papa León dicía no Ángelus do pasado Domingo de Ramos: «Desexo encomendar ao Señor os traballadores marítimos que foron vítimas do conflito. Rezo polos falecidos, os feridos e as súas familias. A terra, o ceo e o mar foron creados para a vida e a paz!».

Neste escenario, a pastoral do Mar non é algo accesorio; é unha resposta necesaria, unha presenza que acolle, acompaña e defende a dignidade de quen vive en tránsito constante. É a Igrexa que non espera, senón que toma en serio o que nos dicía o papa Francisco de ser «unha Igrexa en saída, centrada na persoa por encima da lóxica puramente económica ou loxística, e presente nas periferias humanas». É a Igrexa que sae ao encontro achegándose ás fronteiras, tamén ás invisibles fronteiras do mar. E é a Igrexa que nos lembra que o importante son as persoas, todas, as que traballan no mar e as que quedan en terra.

O lema deste ano do Día das Xentes do Mar, «María, nai mariñeira, fai de nós unha barca aberta a todos», ofrece unha imaxe especialmente suxestiva porque —no fondo— é o que se nos pide a todas e a todos: ser barca aberta, dispoñible, acolledora, próxima a toda persoa. Ter un corazón comprometido que non quede na mirada, que dea un paso adiante, que se implique de verdade.

Non se trata só de comprender a realidade das xentes do mar, senón de deixarnos interpelar por ela, de facer noso o seu camiño, de acompañar a súa travesía. En definitiva, de converternos —cada un segundo as súas posibilidades— nesa presenza amable e próxima que fai que ningunha persoa, tampouco no mar, se sinta nunca soa.

Nesta festa da Virxe do Carme felicitamos á comunidade marítima: mariños, pescadores, familias, traballadores dos portos, da seguridade, dos centros Stella Maris… Todas e todos celebramos a María, a Nai mariñeira, e a ela encomendámonos para que nos axude a ser barca aberta, como o é ela, cara aos demais.

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo