13 de Marzo de 2026,
San Nicéforo

6 de febreiro de 2026

Dicen que unha imaxe vale máis que mil palabras… e seguro que todos experimentamos isto. Unha imaxe evoca unha infinidade de situacións, emocións, sentimentos… de diversa índole; algunhas nos entusiasman, outras nos levan a unha gran desolación. Cando vemos imaxes de violencia, guerras, pobreza, miseria… non só vemos esa realidade; detrás de cada imaxe hai unha historia humana, social, familiar; hai persoas con nomes e apelidos concretos, moitas vítimas de situacións non buscadas nin queridas, sólo vítimas…e esas imaxes falan moito máis que as palabras.

Dicía o papa Benedicto XVI, “combatir a pobreza é construir a paz”. Todo tipo de pobreza e a falta de oportunidades xeran frustración, tensións e conflitos; toda desigualdade é caldo de cultivo para a violencia, e no noso mundo vivimos rodeados de violencia, ás veces, unha violencia física, psicolóxica, estrutural que é un grito desagarrador; outras, unha violencia silenciosa, aínda que igualmente provocadora de escándalo: a fame é unha manifestación deste tipo de violencia.

Sen alimentos, non hai saúde, nin educación, nin… futuro. As guerras, as inxustizas, a indiferenza ante os problemas axenos, o afán de lucro rápido e fácil, o consumo descontrolado, a crise climática… provocan que millóns de persoas sexan vítimas que sofren -moitas veces nunha indiferenza atroz- as consecuencias de todo isto. A fame, a pobreza cada vez máis crecente borran décadas de progreso e sumerxen nunha salvaxe miseria a grandes colectivos humanos.

O lema deste ano de Manos Unidas, Declara a guerra á fame, nos recorda a necesidade de poñer a nosa forza no desenvolvemento xusto como camiño para a paz. A fame é unha maneira silenciosa de violencia. Loitar contra a fame é un grito profético para despertar conciencias, loitar contra tantas inxustizas e denunciar estruturas inxustas que aplastan a tantas persoas nunha dura marxinación.

¿Cómo declarar a guerra á fame? Non con armas, nin sequera con grandes discursos ou manifestos; o noso é facelo dende unha conversión integral, coas armas do corazón que nos leven a ver en cada persoa a un irmán, a ser máis solidarios, xustos, a deixar de competir para ser máis que os outros, e comezar a ser, en toda situación, máis-cos-outros. O noso é cambiar o propio corazón dende o evanxeo para cambiar as estruturas, acollendo a chamada do papa Francisco, “a construir dende a solidaridade unha civilización do amor na que todos poidamos sentirnos convocados” (Fratelli Tutti 183). O noso Mestre, Xesús de Nazaret, dicía ós discípulos, ante aquel xentío famento que o seguía: “Dádelles vós de comer” (Lc 9,13), e esta invitación é un toque de atención a toda indiferenza e tentación de quitarse os problemas axenos de enriba. Cambiando cada un, empeza a cambiar o mundo; cambiando cada un, pódense cambiar as estruturas.

Manos Unidas leva “declarando a guerra” á fame case 70 anos. O seu traballo vai máis alá de recaudar fondos para poder levar adiante os diferentes proxectos que en distintos lugares do mundo realizan. Son iniciativas que fomentan o desenvolvemento integral, evitando a exclusión social, as desigualdades económicas, a vulneración dos dereitos humanos, a fame ou a miseria. O fundamental é crear unha conciencia nova, que rompa con dinámicas de inxustiza e que promova unha sociedade diferente; a fame -con todo o que supón- sí se pode erradicar, e declarar a guerra á fame é alimentar a paz. É unha tarefa titánica, non imposible; e o que poidamos facer e cambiar cada un de nós transfórmase en oportunidades de vida para moitos.

Durante toda esta semana, os/as voluntarios/as de Manos Unidas da nosa diocese achegáronse a colexios, parroquias, grupos para presentar a Campaña deste ano. Intentaron abrir os nosos ollos a unha realidade incómoda como é a fame. Agradecemos o seu entusiasmo e esforzo, o seu traballo de cada día e a súa ilusión, porque sabemos que cada xesto e vontade son necesarios. Nos toca agora, a nós, cambiar de mentalidade, e xuntos, declarar a guerra á fame.

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo