Toda a comunidade diocesana de Tui-Vigo quere unirse á Xornada Mundial polo Traballo Decente, cita anual na que milleiros de persoas en todo o mundo erguen a súa voz para proclamar que o traballo non pode ser reducido a unha mercadoría, nin sequera a un mero medio de subsistencia, senón que é parte esencial da dignidade humana e da vocación de cada persoa a colaborar na creación de Deus.
Non podemos pechar os ollos á realidade que viven tantas irmás e irmáns no noso país e no mundo: mozos e mozas que non atopan o seu primeiro emprego; traballadores e traballadoras condenados á inestabilidade, obrigados a salarios inxustos ou condicións laborais indignas, horarios interminables con pouco descanso; ou desigualdades de trato por razón de xénero, orixe ou situación administrativa. A todos e todas queremos dirixir a nosa proximidade, oración e compromiso, porque en cada rostro tocado pola falta de oportunidades recoñecemos o rostro mesmo de Cristo, que nos interpela en cada realidade.
O papa Francisco dicía que «o traballo é un camiño de esperanza, un camiño cara a dignidade e inclusión». O traballo decente non é un privilexio duns poucos, senón un dereito que abre a unha vida plena, xusta e fraterna. Sen traballo decente non hai xustiza social nin paz auténtica. É urxente un traballo máis digno que favoreza un salario xusto que permita vivir con dignidade e soster ás familias; con condicións seguras e respectuosas para a saúde; onde non haxa diferenzas entre homes e mulleres, con liberdade para organizarse e defender os dereitos de todo traballador e o acceso universal á protección social.
Esta Xornada é unha chamada á comunidade política, empresarial, ás organizacións sociais e sindicais, e tamén ás comunidades cristiás, para unir esforzos que constrúan un modelo económico que poña á persoa no centro e non ao lucro, que rache con todo tipo de explotación e economía somerxida, e promova sempre a solidariedade.
Como Igrexa, queremos renovar a vontade de acompañar, escoitar, defender a quen sofre as condicións de inxustiza laboral. Non podemos separar da nosa fe o compromiso pola xustiza e a dignidade dos máis vulnerables. Queremos que as nosas parroquias, comunidades e axentes de pastoral da diocese vaian abríndose a esta sensibilidade, se sumen a esta Xornada reflexionando, orando e actuando en favor dun modelo alternativo de sociedade, máis xusto, solidario e inclusivo.
No contexto do Xubileu da esperanza que estamos a vivir durante este ano, recollemos as palabras que nos dirixía o papa Francisco invitándonos a manter viva a esperanza: unha esperanza activa, que non se resigna nin abandona; unha esperanza que se organiza, denuncia e constrúe alternativas. Esa é a nosa chamada e compromiso.



