21 de Abril de 2026,
San Anselmo

18 de marzo de 2026

Deixa as túas redes Deus conta contigo!

Benquerido/a amigo/a:

Hai uns días lía esta frase: “O ser humano só atopa o sentido da súa vida cando cae na conta dunha dobre experiencia: a de existir porque Outro lle deu a vida e a de existir para outra cousa que non se esgota nel mesmo” (Ser puerta abierta , AAVV, Sal Terrae, p.199 ss.). Cada persoa somos froito de varias experiencias fundantes: a de sermos amados por un Deus que é Amor; a de sermos acollidos na propia debilidade e pecado; e a de sermos invitados-chamados a seguir a Xesús.

Todo isto lévanos a dicir que -desde unha perspectiva de fe-  somos homes e mulleres vocacionados/as; a nosa existencia é resposta a unha chamada, que o mesmo Deus nos fai no noso interior. Todos somos chamados, todos! a seguir a Xesús e facer da súa proposta o noso xeito de vida, e nesa proposta o fundamental sempre é vivir desde a clave da entrega: a Cristo, ben unidos a el, e aos demais; daí que a pregunta a facernos non sexa cómo organizarme eu a miña existencia, qué vou facer eu da miña vida, senón cómo vivir esa vida en clave de entrega: para quen son eu?

Celebramos na Igrexa española o Día do Seminario; este ano co lema “Deixa as túas redes e sígueme”. A campaña recórdanos esa dimensión fundamental de toda vida que se atopa con Cristo, o seguimento. Xesús invítanos a coñecelo, a escoitalo, a seguilo vivindo dun xeito alternativo desde os valores do Evanxeo. El dinos a todos/as: Sígueme!, e a partir daí comeza unha historia persoal, única, que nos leva ao compromiso coa realidade e cos demais, e que transforma para sempre a nosa vida.

Ser cristián é seguir a Cristo no día a día, e en todas as situacións e dimensións da persoa. Pero… seguir a Xesús non é algo difícil? Non supón ter que facer moitas renuncias? É certo que a proposta que nos fai Xesús no evanxeo é  deixar as nosas “redes”: o que nos dá seguridade, os nosos plans e ideas, certas actitudes, apegos… pero é só iso? Ir tras el só é renuncia? Non, Xesús invítanos a seguilo, a entrar nunha amizade con el, cara a cara, e desde esa relación que nos cambia a vida, artellar a nosa realidade. Non é só renunciar, é acoller; non é só perder, é gañar. E iso é unha  invitación universal, sen excepcións de ningún tipo, a toda persoa porque a iniciativa sempre parte del, de Xesús.

É certo que ao celebrar o Día do Seminario pensamos nun tipo de resposta concreta: a do seguimento no ministerio presbiteral, a vocación do sacerdocio ministerial. Un crego, na súa resposta a Cristo, non pode ser alguén que só renuncia ou pensa só no que deixou o no que puido ser… Quen se sinte chamado a ser crego valora, disfruta e agradece o que atopa: Cristo, centro e horizonte da súa vida. Unha vida para os demais en clave de entrega, cun corazón centrado só en Cristo, o evanxeo e nos/as irmáns/ás, sostido pola fe en Deus e pola comunidade. Seguir a Cristo como sacerdote é posible -tamén hoxe-, é unha boa aventura, alegre e transformadora, que dá sentido á vida e plenitude.

Na celebración desta xornada, agradecemos a resposta xenerosa, calada e constante de tantos sacerdotes que queren ser e vivir como Cristo, no medio de moitas dificultades e erros, pero con moita paixón e entrega; a dos rapaces que con moita ilusión e alegría se forman no noso Seminario Interdiocesano e queren facer do ministerio o seu xeito de vida; a dos seus formadores que con esforzo e dedicación xenerosa axudan a discernir e a afondar a estes rapaces sobre o significado de ser cura hoxe; a de tantos que buscan con sinceridade como responderlle ao Señor…

Ao mesmo tempo, como comunidade cristiá diocesana, queremos invitar a todos/as a sentir o Seminario como algo cercano e propio, como unha responsabilidade de toda a Igrexa; tamén a orar polas diversas vocacións, polos sacerdotes e seminaristas, polas nosas familias e parroquias… queremos que as nosas comunidades sexan cada vez máis vivas e poidan axudar a que todos/as nos plantexemos para quen son eu? e daí poidan xurdir moitas respostas ilusionantes á chamada que fai o Señor. Porque  Deus sempre conta connosco e cando alguén se atreve a seguilo, entregando a súa vida polos demais amando e servindo, toda a Igrexa medra en  esperanza e rexuvenece.

Feliz xornada, feliz Día do Seminario. Recibe un saúdo cordial.

O teu amigo e irmán

 

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo