10 de Decembro de 2024

,

Santa Eulalia de Mérida
10 de Decembro de 2024

,

Santa Eulalia de Mérida

Mensaxe do bispo de Tui-Vigo para a Semana Santa de 2022

Mensaxe do bispo de Tui-Vigo para a Semana Santa de 2022

Queridos irmáns e irmás:

A Coresma é un tempo favorable para a renovación persoal e comunitaria que nos conduce cara á Pascua de Xesucristo morto e resucitado. Para o noso camiño coresmal de 2022 faranos ben volver meditar sobre a vida do noso Señor Xesucristo e, en especial, sobre a súa Paixón e Resurrección.

A Coresma, como tempo de renovación cristiá, alcanza a súa plenitude na Semana Santa que culmina no Triduo Pascual. Nestes días os cristiáns celebramos os misterios centrais da nosa fe e somos convidados a participar nas nosas parroquias do memorial destes días santos. Tamén nas nosas rúas rememoramos coas nosas procesións os acontecementos finais da vida de Xesucristo. Estas procesións son unha manifestación comunitaria moi importante para a nosa vida de fe e este ano, coa axuda do Señor, esperamos revivilas co entusiasmo de todos.

Na nosa Cidade de Vigo é moi importante a historia e a presenza viva das Confrarías que son portadoras de devocións moi sentidas no corazón dos fieis. A medida que fun coñecendo mellor a realidade das nosas parroquias, fun descubrindo as raíces profundas das devocións dos nosos fregueses. En Vigo as devocións son fundamentais para comprender a nosa historia e o noso modo de entender a vida e a fe.

Os tempos cambian e a vida renóvase constantemente. Tamén a Igrexa vive nas coordenadas temporais e a fe ten que ir encarnándose na realidade de cada momento histórico. Isto é algo que todos entendemos, pero o que resulta máis complexo é axudar a que ese proceso de encarnación da fe resulte real e se transmita ás novas xeracións.

Vemos con alegría e esperanza como noutros lugares as Confrarías axudaron a actualizar e dar vigor á fe dos crentes. Os actos procesionais e as actividades caritativas e pastorais das Confrarías contribuíron en moitos lugares á revitalización da vida cristiá en xeral e propiciaron un renovado compromiso dos laicos na Igrexa. Isto non sucedeu da noite para a mañá, senón a través dun esforzo continuado de persoas de profunda espiritualidade e de gran talento organizativo.

Grazas a Deus en Vigo temos aínda exemplos extraordinarios de manifestacións devocionais dos nosos fieis que serían imposibles se non estivesen sostidas e coidadas con esmero polas nosas Confrarías. A elas e aos seus responsables debémoslles unha inmensa gratitude.

Quero convidar a todas as nosas Confrarías e a todas as Asociacións de vida cristiá a un renovado esforzo para fortalecer espiritualmente a vida e o compromiso de todos os confrades e devotos. Os procesos de renovación son sempre necesarios, pero convértense en especialmente decisivos nestes momentos de grandes cambios sociais e eclesiais. Coñezo ben as vosas dificultades, pero valoro por encima de todo a vosa entrega e o voso esforzo por chegar aos máis novos.

O Sínodo da Igrexa que o Papa Francisco convocou e que estamos a celebrar, convídanos a camiñar xuntos na vida e na fe. A Igrexa ten ante si inmensos retos, como o mundo mesmo. Necesitamos unir esforzos na comuñón da fe compartida. Tamén a nosa Diocese e nosa cidade pídennos camiñar xuntos para traer esperanza e alegría a tantos que a buscan. Nesta hora presente, os fieis cristiáns habemos de reconstruír nas nosas parroquias aquel modelo de comunidade cristiá que ao comezo da Igrexa foi capaz de vencer os obstáculos perennes da fe.

Bendigo a todos os confrades e devotos de nosa cidade, así como ás vosas parroquias, e quérovos agradecer o inmenso esforzo que estades a realizar para dar nova vida ás celebracións e procesións da Semana Santa de Vigo.

Convídovos a vivir unidos con profunda fe este tempo de graza que o Señor nos concede.

 

Vigo, 2 de marzo de 2022.

 

+ Luis Quinteiro Fiuza

Bispo de Tui-Vigo

 

Descargar o texto en PDF aquí.