O 9 de xaneiro de 1970 constituíuse na nosa Diocese Cáritas, como institución promotora e coordinadora da acción caritativa e benéfico-social da Igrexa Diocesana. Celebramos polo tanto cincuenta anos de vida activa desta institución tan querida e apreciada na nosa Igrexa e na nosa sociedade. O lema escollido, “50 anos camiñando cos pobres”, resume en poucas palabras a acción desenvolvida por tódalas persoas que, dun xeito ou doutro, teñen feito posible mitigar o sufrimento e a desesperación de moitas persoas ao longo de todos estes anos.
É polo tanto un tempo de graza, de grazas. De grazas a Deus, de grazas a tódalas persoas e institucións que teñen “sido” Cáritas neste tempo. Mais tamén é tempo de ollar cara ao futuro, porque a vida continúa, sen esquecérmonos do pasado. Como dicía Xesús, «a persoa que se fixo discípula do reino dos ceos, é como un pai de familia que vai sacando da arca o novo e o antigo» (Mt 13,52).
En 1981 publicouse a Encíclica Rerum novarum do Papa León XIII “sobre a cuestión social” que buscaba dar resposta aos problemas que xurdiron na sociedade industrializada daquela época. Dende entón ata a metade do século XX a reflexión social da Igrexa ten xirado arredor do escenario do conflito das sociedades industriais, e do capital/traballo.
En 1967 viu a luz a Encíclica Populorum progressio do Papa Pablo VI, “sobre a necesidade de promover o desenvolvemento dos pobos”. Esta pon o centro de atención no desenvolvemento integral do home; no conflito norte/sur que marca as diferencias existentes entre as sociedades desenvolvidas, as subdesenvolvidas e as en vía de desenvolvemento. O desenvolvemento non pode reducirse exclusivamente ao crecemento económico; para que sea auténtico debe ser integral, é dicir, promover a tódolos homes e a todo o home (PP 14). Non exclúe a ningún membro da comunidade humana e implica a tódalas dimensións da persoa, non só a satisfacción das necesidades materiais.
En 2009 Bieito XVI escribe a Encíclica Caritas in veritate, -Caridade na verdade-, considerada como a Rerum novarum da época contemporánea, na que se dá un paso máis ao indicar que o desenvolvemento alén de ser integral debe ser solidario; é dicir, esixe un auténtico compromiso ético persoal e social. Iso implica que tódalas persoas se consideren corresponsables da construción solidaria dun desenvolvemento humano integral, e que se empeñen e traballen polo ben común, é dicir, polo ben de todos e cada un, para que todos sexamos verdadeiramente responsables de todos.
En 2015 publícase a Encíclica Laudato si, “sobre o coidado da casa común”, na que o Papa Francisco nos di que o desenvolvemento non só debe ser integral e solidario senón tamén sostible; é dicir, que satisfaga as necesidades da xeración presente sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para satisfacer as súas propias necesidades.
O compromiso para un desenvolvemento humano, integral, solidario e sostible debe ser un compromiso de todos, de toda a sociedade; forma parte da misión evanxelizadora da Igrexa e o seu deber é facelo realidade a través da súa doutrina social, da súa implicación na loita pola xustiza e contra as causas que xeran a pobreza e a exclusión, do cambio de estruturas de opresión e do seu testemuño; e sempre coa atención posta na opción preferente polos pobres, os excluídos, os descartados da sociedade.
Todo este devir do desenvolvemento, que temos visto evolucionar a través das sucesivas pautas marcadas polos Papas, alimenta a acción caritativa e social da Igrexa e nutre a acción de Cáritas. A caridade, en pleno século XXI, chámanos a superar a beneficencia, o asistencialismo. Se a persoa é o centro e a entendemos na súa dimensión integral, a caridade e o desenvolvemento non se limitan a ofrecer aos pobres respostas de primeira asistencia: comida, roupa, medicamentos ou outras necesidades materiais: o seu obxectivo primordial é dignificala, procurarlle autonomía e promover a súa realización plena e integración na sociedade. A acción de Cáritas debe contribuír tamén ao desenvolvemento social, relacional, político, cultural e tamén ético e espiritual, como lembra o Papa Francisco, das persoas coas que traballa.
Este é o camiño a seguir no presente e nos anos vindeiros. Por iso, neste cincuenta aniversario de Cáritas Diocesana, convídovos a “ser parte” de Cáritas como ata agora o tedes feito.
Ás portas do Nadal, no que celebramos o nacemento de Xesús, o Señor nos convida a acollerlle no irmán: «Tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; era estranxeiro e acollístesme; estaba nu e vestístesme; enfermo e visitástesme; no cárcere e viñéstedes a verme» (Mt 25, 31-46).
† Luis Quinteiro Fiuza
Bispo de Tui-Vigo