11 de Abril de 2026,
San Estanislao

Son moitos os lugares nos que nestes días celebránse manifestacións en favor de Gaza e á procura de solucións que traian a paz. Na nosa cidade de Vigo son moitas as persoas e colectivos que queren xuntos elevar un berro de atención neste senso. Manifestámoslles a nosa proximidade e oración pola paz e a dignidade de todos os pobos. 

Como Igrexa, non podemos permanecer indiferentes ante os diversos dramas humanitarios actuais, tampouco ante o que vive a poboación de Gaza e toda a Terra Santa, onde milleiros de persoas —moitas delas nenos, mulleres e velliños— sofren as consecuencias da violencia, guerra e a falta de condicións mínimas de vida. 

O papa Francisco repetía con insistencia: a guerra é sempre unha derrota, a paz unha construción. Alzamos a voz, con tantas persoas e institucións, pedindo o cese da violencia e que se abran camiños a un diálogo sincero e á negociación xusta que leve a unha paz estable e duradeira. Valoramos a sensibilidade de cantos se unen nunha soa voz buscando a xustiza e solidariedade, signo de esperanza no medio de tanta escuridade; de cantos se comprometen na solidariedade concreta coas vítimas, en xestos de axuda humanitaria e acompañamento espiritual; valoramos a coraxe de cantos buscan sen descanso camiños de reconciliación e xustiza sempre.  «Nada se perde coa paz, todo se pode perder coa guerra» (Papa Pío XII) 

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés 

Bispo de Tui-Vigo