4/06/2020

,

San Francisco Caracciolo

Nota dos Bispos galegos sobre o Coronavirus

Nota dos Bispos galegos sobre o Coronavirus

Ante a situación creada pola expansión do virus Covid19, a responsabilidade polo ben da saúde propia e do próximo lévanos a adoptar algunhas medidas destinadas a evitar a propagación da enfermidade con ocasión das nosas celebracións litúrxicas e encontros pastorais. É unha responsabilidade cidadá e unha esixencia do amor ao próximo previr o contaxio nestes momentos. Estas novas medidas engádense ás xa ofrecidas na Nota dos Bispos da Provincia eclesiástica de Santiago de Compostela do pasado 8 de marzo.

Como indicación xeral, en espera doutras medidas que poidan ser adoptadas polo Ministerio de Sanidade ou pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, queremos convidar a todos os fieis a seguir as disposicións dadas polas nosas autoridades sanitarias, e particularmente a aqueles que pertencen a grupos considerados de risco, segundo os criterios oficiais das autoridades sanitarias nacionais e autonómicas.

Dadas as advertencias primeiras, establecemos:

  1. Celebracións litúrxicas
  • Dispénsase aos fieis cristiáns das dioceses da Provincia eclesiástica de Santiago de Compostela da asistencia á Eucaristía, os domingos e festas de precepto. Pódese seguir a santa Misa por radio ou televisión, así como por internet. A comuñón espiritual é unha práctica tradicional da Igrexa que temos que recuperar nestas dolorosas circunstancias, e pode ser ocasión de santificación e de comuñón eclesial.
  • Suspéndese as celebracións comunitarias e públicas da Santa Misa ata ser superada a actual situación de emerxencia.
  • Os sacerdotes continuarán celebrando diariamente a Eucaristía, rezando polo Pobo de Deus, sendo posible a asistencia dun pequeno grupo de fieis. Aínda que non poidamos reunirnos fisicamente todos, seguimos sendo comunidade, parroquia, Igrexa de Deus.
  • Os funerais poden celebrarse segundo a modalidade de Celebración “das Exequias sen misa”. As misas exequiais poden ser celebradas despois desta fase crítica; ou nestes momentos só co grupo dos familiares máis achegados.
  • Pospóñanse as celebracións de aniversarios ata despois de Semana Santa.
  • Estas indicacións aplicaranse igualmente para as celebracións litúrxicas da Semana Santa. Aconsellamos igualmente aos responsables das Confrarías que sigan tamén as orientacións das autoridades sanitarias.
  • Suspéndese a celebración das Confirmacións.
  • Rógase que se pospoña, igualmente, calquera outra celebración que non sexa urxente.
  • Para o sacramento da penitencia, úsense espazos que permitan cumprir coas esixencias hixiénicas indicadas polas autoridades sanitarias.
  1. Catequese

Suspéndense os encontros parroquiais, arciprestais e diocesanos de catequese, en principio ata despois de Semana Santa.

  1. Actividades formativas

Suspéndense, ata nova indicación, todos os encontros programados polas distintas Delegacións ou Secretariados diocesanos e polos Arciprestados e as Parroquias. Igualmente aconséllase ás diferentes asociacións e movementos das nosas Igrexas diocesanas que suspendan posibles encontros previstos.

  1. Acción caritativa

Polo que se refire á actividade das Cáritas parroquiais, interparroquiais e diocesanas, non se pecharán os espazos dedicados á actividade caritativa. Pero convídase a extremar a prudencia na atención individualizada.

  1. Museos, bibliotecas e arquivos

Seguindo a recomendación das autoridades autonómicas, polo momento permanecerán pechados ao público os museos, as bibliotecas e os arquivos dependentes das Dioceses.

Os templos das nosas Dioceses seguirán abertos, a menos que as autoridades sanitarias digan o contrario, como signo de esperanza e ao dispor dos fieis para que poidan ir rezar, sen aglomeracións e vivir no silencio estes momentos difíciles. Aos fieis lémbraselles a posibilidade de contactar coa súa Parroquia para calquera necesidade, especialmente para a recepción de sacramentos como, por exemplo, a Penitencia ou a Eucaristía.

Estamos a vivir un tempo de desconcerto, aínda que sabemos que Deus na súa providencia está pendente de nós pois non é alleo a canto nos pasa. Temos que pedir nestes momentos que nos axude a vivir esta realidade con sentido profundamente cristián.

De acordo coa nosa fe, que nos convida a confiar sempre en Deus, exhortamos á oración a todo o Pobo de Deus, encomendando ao Señor e á Santísima Virxe María esta situación que atravesamos. Rogamos en particular que os presbíteros ofrezan a Santa Misa pola saúde do noso pobo, particularmente dos enfermos e do persoal sanitario; e que esta intención estea presente no rezo da Liturxia das Horas, e na oración das nosas comunidades de vida consagrada, particularmente contemplativas.

Os cristiáns temos que responder con responsabilidade e a través da caridade, xerando novas formas de presenza e de coidado, moi particularmente cara ás persoas soas ou abandonadas. Agora máis ca nunca necesitamos renovar a nosa confianza en Deus e reavivar en nós o don da caridade. Así mesmo agradecemos o traballo abnegado que están a realizar os profesionais sanitarios e investigadores científicos, así como os axentes da pastoral da saúde.

Estas medidas, e outras que eventualmente se puidesen tomar, á espera das indicacións das autoridades ante o novo escenario do estado de alarma, teñen carácter temporal. E estarán en vigor en principio ata despois de Semana Santa.

+ Julián, Arcebispo de Santiago.

+ Luís, Bispo de Tui-Vigo.

+ Alfonso, Bispo de Lugo.

+ José Leonardo, Bispo de Ourense.

+Luís Angel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.

+ Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.