16 de Abril de 2024

,

Santa Engracia
16 de Abril de 2024

,

Santa Engracia

O Santo Cristo da Vitoria e a solidariedade

O Santo Cristo da Vitoria e a solidariedade

“E o Santísimo Cristo triunfou”, cantamos no himno do Cristo da Vitoria. Despois de dous anos moi duros de pandemia, volvemos de novo a poder celebrar con toda solemnidade e devoción esta gran festa. A imaxe do Santo Cristo saíu esta tarde para percorrer as nosas rúas e volveu saudar coa súa doce mirada a todos os devotos. Todos tiñamos moita necesidade de volver vivir esta experiencia que nos dá tanta paz. Si, o Santísimo Cristo da Vitoria dános paz: a paz de sentírmonos seguros con el; a paz de estar todos xuntos na súa compañía; a paz de sentir que vivimos nunha cidade fermosa e rica en solidariedade.

Estamos a tentar saír dun tempo moi difícil. O Covid golpeou duramente a moitas persoas. Moitos vivimos nas nosas propias casas a tráxica partida de seres queridos que nunca esqueceremos. Outros moitos tiveron que loitar, outros seguen loitando aínda, para saír adiante desta terrible desgraza que sorprendeu ao mundo. Ningún de nós é o mesmo despois do Covid, nin mellor nin peor, senón distinto porque xa ninguén nos quitará esa sensación de vulnerabilidade que criamos superada.

A celebración da festa do Cristo da Vitoria lémbranos que non camiñamos sos, que formamos parte dunha familia, dunha cidade, dunha parroquia; lémbranos que a fraqueza dos máis débiles debe ser axudada pola xenerosidade dos máis fortes. Esta festa convídanos a abrir a nosa vida á colaboración con todos, a compartir cos máis necesitados. Vivimos nunha terra moi solidaria, pero cústanos colaborar en proxectos compartidos. A devoción ao Santísimo Cristo da Vitoria convídanos a pensar xuntos o noso futuro porque camiñando xuntos somos máis fortes, vemos máis lonxe, sabemos que non podemos deixar a ninguén tirado no camiño. Non esquezamos nunca que en tempos recios só se avanza camiñando xuntos.

Tamén a praga da guerra segue presente no noso mundo e esta vez máis preto de nós e afectándonos de cheo na precariedade do modo de vida, especialmente das persoas e familias máis necesitadas. A guerra, xunto coa enfermidade, é a praga máis terrible do mundo. Hoxe pedímoslle ao Santísimo Cristo pola paz no mundo, pola paz en Ucraína. Un mundo en guerra é un mundo inxusto.

Nesta festa do Santísimo Cristo da Vitoria temos que renovar o noso pacto de loita incansable contra a inxustiza. A xustiza e os dereitos fundamentais son algo irrenunciable na vida. A nosa sociedade ten que velar incansablemente para que, no coidado dos dereitos fundamentais da persoa, se respecte a xustiza. Non é posible o progreso social sen a adecuada atención aos máis vulnerables, aos desprotexidos, aos inocentes, aos diminuídos físicos e mentais, aos maiores. Nunca coma hoxe estivemos tan preparados para afrontar este gran reto da xustiza social. Temos que poñer en valor a importancia do compromiso persoal coa solidariedade. Nun mundo coma o noso un non pode vivir a súa vida de costas á responsabilidade de quen te poida necesitar. Temos a obriga de compartir cos máis necesitados o que a vida nos outorgou xenerosamente. Sen a apertura aos demais, a vida vólvese moi pobre.

Neste compromiso social os devotos do Santísimo Cristo da Vitoria temos que dar exemplo e, neste campo, a arquiconfraría do Santo Cristo ten ante si un gran reto nos próximos anos. Hai que axudar á xuventude a manter os seus ideais para que poidan formar familias xenerosas e ilusionadas. Hai que atender a tantos abatidos polas desgrazas da vida para que poidan recuperar a súa dignidade e gozar dunha existencia plena. Temos que crear programas de excelencia para acompañar aos que viven limitados por deficiencias físicas e mentais. Non podemos resignarnos a que os nosos maiores vivan tristes os seus días máis contados. Todo será posible se somos solidarios.

Pensaredes que estou a soñar. Si, e hoxe convídovos a todos a soñar porque algún día estes soños faranse realidade e o Santo Cristo da Vitoria bendiciraos.

Que o Santísimo Cristo da Vitoria bendiga a todos vós e ás vosas familias, que bendiga á nosa cidade e a todos os seus habitantes, especialmente aos enfermos e aos máis necesitados. Amén.

 

+ Luis Quinteiro Fiuza,

bispo de Tui-Vigo