14 de xuño de 2026 — Catedral de Lugo
Acudimos xuntos, un ano máis, a esta catedral que nos acolle para renovar o noso voto ao Señor Sacramentado. Agradezo as palabras pronunciadas polo delegado oferente, D. Enrique Cabaleiro, Alcalde de Tui, e únome aos seus desexos e intencións, neste ano tan especial para os tudenses na celebración dos 800 anos da consagración da nosa catedral. Este voto de hoxe, non é un acto de nostalxia histórica. Se viaxamos desde Tui, e as outras cidades de Galicia, ata esta catedral que nos recibe, só para cumprir cun protocolo do século XVII, estamos a perder o tempo… Deus non habita nas vitrinas dos museos nin se alimenta de tradicións baleiras.
O voto solemne que hoxe renovamos non é algo secundario: é un espello que nos interroga de fronte e que conforma a identidade colectiva do noso país. No 1669, as capitais de Galicia ofrecían —unidas— os seus dons para que a luz do Santísimo non se apagase neste templo. Hoxe, é outra a realidade que nos une e nos queima por dentro: que luz estamos ofrecendo nós para que non se apague a dignidade do ser humano no medio dunha sociedade ferida pola indiferenza e o individualismo?
Invítovos a que miremos ao altar. O que vemos e adoramos aquí non é un símbolo estático. É o misterio da Eucaristía, misterio profundo de amor que é a paixón, morte e resurrección de Xesús, que pide a unión, o amor fraterno de quen celebra con fe a cea do Señor; o escándalo dun Deus que se fai próximo e se deixa partir e compartir. Celebrar a Eucaristía e comer o pan da vida é un acto subversivo de amor fronte a todo egoísmo. Comer o pan de vida non é buscar tranquilizar a nosa conciencia ou evadirnos da realidade; é entrar no corazón mesmo dun Deus próximo e sensible, vulnerable e provocador.
Advertíanos con total crueza o papa Francisco: «a Eucaristía non é só un recordo dun feito histórico…Se a celebramos mirando ao chan, sen ver ao irmán que sofre, non entendemos o Corpo de Cristo… Comulgar é un compromiso de sangue coa realidade. Se os nosos pés nos traen á comuñón, pero as nosas mans seguen pechadas ante o drama do mundo, estamos a baleirar de verdade o Corpo de Cristo».
Por iso, na Eucaristía que celebramos, o altar está indisolublemente unido a outro xesto, o de axeonllarnos diante dos irmáns para lavárllelos pés. Non podemos adorar a Hostia Santa se logo pisamos ou ignoramos os pés cansos, sucios ou chagados dos irmáns. O celebrado no templo ha prolongarse na realidade das rúas, na acción e compromiso socio-caritativo de todos nós; a Eucaristía prolóngase onde a dor humana clama xustiza.
Nesta mesma catedral, os nosos devanceiros buscaban a paz e a unión do Antigo Reino de Galicia, sabendo que a fe cristiá constrúe pobo, reconcilia aos divididos e axuda a vivir en paz, e que o Evanxeo non se vive illado, senón tecendo comunidade e defendendo aos máis vulnerables sempre, en comuñón co Corpo de Cristo.
E onde está hoxe o Corpo de Cristo? Só nos templos e na liturxia? Non, hoxe o Corpo de Cristo sae ao noso encontro en todas as persoas, pero dun xeito especial naquelas que sofren os dramas da vida:
Sae ao noso encontro no drama da falta de acceso a unha vivenda digna, que bota fóra a tantas familias dos seus barrios ou converte un dereito básico nun luxo inalcanzable.
Sae ao noso encontro na xente do mar, nos nosos mariñeiros e pescadores, aos que hoxe poñemos baixo o amparo de San Telmo, o patrón da cidade e diocese de Tui-Vigo, patrón da xente do mar, que sempre soubo achegarse ás distintas realidades extremas que o rodeaban. O seu testemuño roxe hoxe contra o traballo precario, que rouba a esperanza aos mozos e condena aos traballadores á ansiedade.
Sae tamén, no drama da migración, neses irmáns que chegan ás nosas fronteiras buscando un refuxio e a miúdo só se atopan co muro inxusto do rexeitamento, mesmo dentro dalgunhas persoas da Igrexa.
Ese corpo de Cristo ven na dor silenciosa da soidade non desexada, que murcha as vidas de tantos maiores e mozos nun individualismo atroz; nas persoas con problemas de saúde mental, a epidemia invisible da que apenas se fala, e o sufrimento de quen carga cunha cruz pesada ante a mirada esquiva dun mundo que lles esixe ser perfectos; na violencia manifesta en tantas realidades e na falta da paz…
Ante estes rostros de Cristo, e tantos outros, cal é a nosa resposta? Ás veces, deixámonos levar pola polarización social, converténdonos nunha sociedade de trincheiras, onde o outro xa non é un irmán, senón un competidor. Ás veces, esta mesma polarización infecta a realidades de Igrexa, esquecéndonos que o pan do altar pártese para unir, nunca para fragmentar; pártese para dar vida, non para separar.
Vivimos na era da IA, dos algoritmos que miden a nosa utilidade en función do que producimos ou consumimos. Fronte a isto, o papa León, na súa recente encíclica lanzaba un berro de alerta que resoa hoxe nesta catedral: «na era da IA, na que a dignidade humana corre o risco de verse eclipsada por novas formas de deshumanización, temos o deber urxente de permanecer profundamente humanos, custodiando con amor esa grandeza».
O papa advírtenos contra o perigo de usar a tecnoloxía como ferramenta de dominio, exclusión e descarte. A máquina pode procesar datos, nunca poderá compadecerse, amar, nunca poderá lavarlle os pés a ninguén. Aquí está a nosa revolución. Mentres o algoritmo calcula e a sociedade polarizada descarta ao débil, a Eucaristía que celebramos e compartimos, abraza, dignifica e senta á súa mesa ao ferido. A Eucaristía invítanos a rachar co individualismo e confrontación, e revincularnos desde a dozura, erguendo espazos onde ninguén sexa un estraño. O papa Francisco falábanos de que «a alegría, a misericordia e a tenrura son os trazos esenciais do cristianismo, e engadía, que neses terreos “non hai que ter medo a excederse (…) pois o Fillo de Deus, na súa encarnación, invitounos á revolución da tenrura» (EG 88).
Hoxe, a cidade de Tui presenta a ofrenda no nome de todos nós. Nela ven o corazón que latexa naquela cidade, os desexos e esperanzas que todos facemos nosas. Nese corazón acompáñanos a nosa nai, María, a nosa virxe da Franqueira, que desde o seu alto coto, erguido na montaña vixía a diocese, escoitando os clamores de todos os que sofren. Esa Nai, que nesta catedral nos envolve coa súa mirada de Virxe dos Ollos grandes, mirada doce e misericordiosa, queremos que se pouse hoxe sobre a nosa realidade. Que a súa mirada limpa nos axude a ver co corazón, para descubrir o que os algoritmos ignoran: o rostro sagrado de cada persoa.
Benqueridas e benqueridos irmás e irmáns, hoxe poñémonos aos pés do Señor en adoración, e acompañarémolo polas rúas desta cidade e polos camiños da vida. Seguimos os seus pasos, descubrindo unha vez máis, que nós somos hoxe as súas mans, os seus pés e a súa voz no medio deste mundo. Comulgar é atreverse a ser, como Cristo, pan partido para os demais. Comulgar é facerse un con cada ser humano.
Señor Xesús, pan vivo baixado do ceo:
Hoxe que a cidade de Tui se axeonlla ante a túa presenza nesta Catedral lucense, pedímosche que sandes as feridas da nosa terra galega e nos deas novos folgos para seguir construíndo unha terra próspera e acolledora.
Por intercesión de san Telmo, bendí aos homes e mulleres do mar e dálles un traballo xusto e con condicións dignas; que busquemos sempre a unión na sociedade e na Igrexa, fuxindo de toda polarización, buscando a paz
Mira, Señor, cos Ollos Grandes de María, e baixo o manto de A Franqueira, a cantos sofren na soidade, na falta de teito ou na néboa da súa mente. Míranos a todos nós e axúdanos a saber elixir en cada momento desde o ben común e o amor, para vivir no mundo con fidelidade evanxélica.
Non permitas que se nos baleire o corazón e axúdanos a levar adiante este voto que hoxe renovamos: o de ser unha sociedade fraterna e unha Igrexa samaritana que parte o pan e lava os pés dos máis vulnerables.
Sálvanos, Señor, da frialdade… e ensínanos a amar coma Ti.
AMÉN.


