Santísimo Cristo da Vitoria, símbolo do amor excesivo de Deus e da inxustiza humana, icona do supremo amor e do extremo egoísmo dos homes, faste presente neste día no medio das rúas da nosa cidade, saíndo ao encontro de tantos homes e mulleres que te buscamos coa mirada e co corazón sincero.
A túa cruz sigue erguéndose nas encrucilladas da vida, en tantos camiños e rúas, en toda persoa marcada polas cicatrices, feridas e compromisos do día a día.
Seguimos véndote alzada en tantos irmáns e irmás que morren pola fame, polas as guerras sempre inxustas; que son asasinadas polas inxustizas, violencias e silencios.
Seguímoste vendo no rostro dos nenos, mulleres, persoas esgotadas que escapan de situacións de desamparo, que cruzan os mares buscando unha esperanza que queda tantas veces afogada no medio das augas.
Seguímoste vendo alzada naqueles que se aproveitan dos demais, que non lles doen prendas de vivir a costa dos doutros, pisando e abusando, envoltos na indiferenza; nos ladróns e corruptos que en vez de buscar o ben común se guían por intereses egoístas; nos corazóns duros que xulgan e condenan aos outros por non pensar coma eles, por seren diferentes, falar outra lingua ou ter outro credo.
Seguímoste vendo alzada naqueles que destrúen a nosa casa común, que non respectan o medio ambiente, que queiman os nosos montes ou non coidan a fermosura da natureza, arruinando o futuro das xeracións que están a vir.
Tamén te vemos, Cruz de Cristo, no corazón de tantas persoas boas e xustas, que fan o ben sen buscar o aplauso ou admiración allea; nos que viven a súa vida con sinxeleza e paixón, compromiso e alegría; nos que fan da acollida e o perdón a súa norma de vida; nos que viven con alegría a súa fe e tentan contaxiala; nas familias que viven o seu amor, nos voluntarios que socorren xenerosamente aos necesitados e tantas veces, maltratados.
Estás, Cruz de Cristo, no interior das persoas soñadoras que viven cun corazón de neno e traballan arreo cada día para facer que o mundo sexa un lugar mellor, máis humano e máis xusto. Estás no corazón da mocidade que afronta a vida con esperanza, que soña e se compromete para cambiar as estruturas.
Santísimo Cristo da Vitoria, que o teu amor nos axude a rachar cos odios que cegan os corazóns e as mentes. Suscita en nós o desexo de Deus, do ben, da luz, da fraternidade. Axúdanos a sermos brazos abertos, coma os teus na cruz, para acoller, acompañar, abrazar a todos e todas sen exclusións. Axúdanos a tendermos pontes para achegarnos a todos, para derrubar muros, para buscar a paz —sempre a paz, e só a paz—… Que non escatimemos esforzos e medios para conseguir a paz, esquecendo o que nos separa e buscando o que nos une. Paz en tantas zonas do mundo, en tantos conflitos absurdos e estúpidos; paz en cada país, cidade, pobo, barrio; paz nas familias e amigos, nos traballos e proxectos; paz en cada corazón.
Señor, mira a esta cidade desde a túa cruz, a cada institución, grupo, comunidade, asociación de veciños, parroquias, a cada veciño e veciña, e bendícenos co don da fraternidade e da paz. Que descubramos que sempre é mellor camiñar xuntos , máis unidos, saíndo sempre uns ao encontro dos outros.
Ensínanos, Santísimo Cristo da Vitoria, que ao mal se lle vence co ben, para que comprometéndonos coa realidade que vivimos, poidamos sermos homes e mulleres de esperanza, persoas de ben.
Amén.



