8/07/2020

,

Santos Áquila y Priscila

Outubro 2019: «Presentación do Plan Pastoral»

Outubro 2019: «Presentación do Plan Pastoral»

Estimados en Cristo:

Tendes nas vosas mans o plan pastoral 2019-20, que se enmarca dentro dun plan trienal (2019-23) que ten como obxectivo xeral:

RENOVAR, POR MEDIO DE ACCIÓNSCONCRETAS, OS ÁMBITOS SIGNIFICATIVOS DA PASTORAL DIOCESANA: PALABRA, LITURXIA, CARIDADE E COMUÑÓN.

O primeiro que vemos en todo plan pastoral son as accións que lle dan forma, pero gustaríame enmarcalas no contexto que lle dá sentido. Neste caso: o Consello Diocesano de Pastoral, encargado de elaborar o Plan; e o exercicio do triplo oficio (ensinar, santificar e rexer) do que participa todo o Pobo de Deus.

 

O Consello Diocesano de Pastoral: Un organismo de comuñón ao servizo da evanxelización

O pasado 8 de xuño constituíase o Consello Diocesano de Pastoral. Este Consello que “debe ser unha imaxeda porción do Pobo de Deus que conforma a Igrexa particular” (XOÁN PAULO II, Apostolorum successores, 184), é tamén un dos principais órganos diocesanos ao servizo da comuñón.

Agradezo ás 49 persoas que integran o actual Consello de Pastoral que teñan aceptado formar parte do mesmo, poñendo así ao servizo da Igrexa o seu tempo e os seus dons. O actual Plan Pastoral débese, en boa medida, ao seu esforzo e traballo. Entre os meses de xuño e agosto o Consello Diocesano de Pastoral tivo dúas reunións plenarias e dúas da comisión permanente. Catro reunións nas que, con liberdade, fondo sentir eclesial e espírito de comuñón, elaborouse o presente Plan Pastoral. Xa que logo, a miña gratitude e bendición.

 

Ensinar, santificar e rexer: Misión de todos segundo a vocación de cada un

Todos os fieis exercen unha función pastoral pois todos participan do triplo oficio (tria munera) de Cristo. Todos, cada quen segundo a súa propia vocación, son: sacerdotes que celebran a fe; profetas que anuncian a Boa Nova; reis que serven coa súa caridade ao Pobo de Deus.

Por iso, á hora de deseñar o Plan Pastoral tívose presente este triplo oficio que se reflectiu en tres accións.

A primeira acción, Crear grupos parroquiais onde comunicar a vida e compartir a fe, está relacionada coa función profética; co deixar que a propia vida e a das nosas comunidades sexa iluminada co resplandor da Palabra.

Esta é unha acción na que teño depositadas grandes esperanzas. Creo que cobre un espazo pastoral que estaba sen ocupar, á vez que ofrece ás parroquias e comunidades a posibilidade dun encontro organizado e sistemático para todo o ámbito diocesano.

A segunda acción, Organizar un curso de formación para dirixentes das ADAP, está vinculada coa función sacerdotal e litúrxica; o Pobo reúnese para rezar.

Esta acción nace dunha necesidade sentida desde hai anos nesta Diocese, pois xa o Sínodo diocesano se pronunciaba respecto diso (Cf. Constitución Sinodal, 53). Convén que naquelas parroquias e comunidades onde resulta imposible a celebración da Santa Misa, o Pobo de Deus se reúna, mesmo na dolorosa ausencia dun sacerdote, para loar a Deus e para pedir con insistencia polas vocacións sacerdotais, de tal xeito que non se vexan privados da graza que o ministerio ordenado lles ofrece.

A terceira acción, Promover unha campaña de sensibilización sobre as persoas migrantes, está unida á función real que se expresa no exercicio da caridade e a misericordia, da promoción humana e o desenvolvemento integral da persoa.

Esta acción sitúanos ante un dos maiores problemas sociais que estamos a vivir. O Papa Francisco non deixa de insistir en que a pastoral dos migrantes debe estar rexida por catro verbos: acoller, protexer, promover e integrar.

 

Conclusión

Somos unha Diocese cun territorio reducido e non excesivamente numerosa en fieis, non contamos con demasiados medios para poder levar adiante a nosa misión; pero queremos ser unha comunidade que se constrúe nos pequenos detalles cotiáns, porque:

A comunidade que preserva os pequenos detalles do amor, onde osmembros se coidan uns a outros e constitúen un espazo aberto e evanxelizador, é lugar da presenza do Resucitado que a vai santificando segundo o proxecto do Pai (FRANCISCO, Gaudete et exsultate,145).

Temos un Plan: trazamos un camiño e sinalamos unhas accións; concretamos un calendario e uns responsables. A parte teórica está finalizada, seremos capaces de poñer en marcha a parte práctica? Coa axuda do Espírito e a vontade de todos, confío que si.Con todo o meu afecto,

+ Luis Quinteiro Fiuza

Bispo de Tui-Vigo