Queridos irmáns e irmás:
O Día do Seminario que celebraremos os días 19 e 20 de marzo constitúe unha oportunidade inmellorable para dirixir a nosa mirada agradecida aos seminarios da nosa diocese, revivindo o asombro do que o Señor segue realizando neles para o ben da nosa diocese e de toda a sociedade. E é que, entre esas catro paredes, un grupo pequeno de mozos está a acoller e a cultivar a chamada que o Señor lles fixo para formalos sacerdotes segundo o seu corazón.
Esta xornada incúmbenos a todos: o presente e o futuro da nosa diocese pasa, en gran medida, pola realidade das vocacións sacerdotais. Aproximarnos á biografía e á historia vocacional dos seminaristas permítenos constatar como detrás deles está sempre unha boa rede de rostros, encontros e acompañantes que crearon o ambiente favorable para poder escoitar, acoller e secundar a chamada para seguir ao Señor na vocación sacerdotal. Por tanto é urxente que construamos entre todos unha auténtica cultura vocacional, é dicir, un ambiente eclesial que favoreza a escoita do Señor, que acompañe e se comprometa coa fermosa tarefa de axudar a que os nosos mozos se deixen alcanzar pola voz de Xesucristo. Nós debemos ser os ecos desa voz para eles!
A pandemia do Covid precipitounos e meteunos de cheo nunha grave crise de sentido: multiplícanse non poucos interrogantes, ante os cales, só o Señor pode dar unha resposta que lance unha esperanza certa, abríndonos a un horizonte de renovada ilusión. Non vos parece marabilloso, case milagroso, que Deus siga contando con mozos para sementar esta semente de vida nova no medio de nosa Igrexa e da nosa sociedade, ás veces, tan cansas, case esgotadas?
Desexo que vivamos con especial intensidade este novo Día do Seminario. Como facelo? No silencio fecundo da nosa oración, coa nosa proximidade aos nosos sacerdotes e aos nosos seminaristas, coa xenerosidade dunha comprometida achega económica, e cunha mirada espiritual ben vixiante e atenta para que sexamos todos instrumentos do Señor na promoción, cultivo e acompañamento das vocacións sacerdotais.
Bendito sexas, Señor, polo don da vocación sacerdotal regálanos sacerdotes ao servizo da túa Igrexa en camiño! Que a Virxe María e o seu esposo, San Xosé, intercedan por nós!
Con todo o meu afecto,
+ Luis Quinteiro Fiuza
Bispo de Tui-Vigo