18 de Xaneiro de 2025,
Santa Margarita de Hungría

Saúdo de Mons. Antonio Valín, bispo de Tui-Vigo

Saúdo de Mons. Antonio Valín, bispo de Tui-Vigo

Ordenación episcopal e toma de posesión do bispo de Tui-Vigo

20 de xullo de 2024 na catedral de Tui

 

Benqueridos irmás e irmáns:

Desde que o Papa Francisco me fixo chegar a proposta de ser bispo desta diocese, a través do Sr. Nuncio en España, no meu corazón hai moitos sentimentos ben encontrados. Non é fácil compaxinar a aventura  que supón unha nova chamada, a responsabilidade da resposta neste momento que nos toca vivir e os sentimentos do propio corazón. Foron días complexos pero cheos do reto que supón entregar a vida pola causa do evanxeo.

Di o apóstolo Paulo: Bendito sexa Deus, Pai do noso Señor Cristo, que nos bendiciu en Cristo con toda clase de bendicións espirituais. El elixiunos en Cristo para que fósemos santos e intachables ante el polo amor. El destinounos por medio de Cristo a seren os seus fillos. Estas palabras recollen os meus sentimentos. Bendigo en todo momento ao Señor. Todo é don de Deus, todo nos é dado por El a través do seu Fillo no Espírito; nada se escapa a ese Deus que nos fai fillos e que dun xeito xeneroso derrama sobre nós o seu amor.

Ese Deus próximo e agarimoso é quen, no agora da miña vida, me chama a este ministerio de comuñón  e me pide que me expropie totalmente para irme encarnando nesta Igrexa de Tui-Vigo. Vivo con ilusión este novo envío na miña vida, sabendo que o vou vivir convosco día a día, intentando construír o reino de Deus dun xeito sinodal, xuntos, axudándonos mutuamente. Non sei que esperades de min; como Pedro só vos podo dicir: non teño prata nin ouro, pero douvos o que teño: o nome de Xesucristo nazareno. Iso si que o podo compartir, iso si que é unha convicción e certeza; iso si que nos anima a todos a saír do noso estar á beira do camiño e erguernos coa forza que ven del. Neste momento invítasenos de novo a erguernos, saír e camiñar, rachando con tantas fatigas, monotonías, rutinas e sentimentos que nos oprimen e non nos deixan medrar nin mirar o futuro con ilusión. Invítasenos a recuperar a alegría de quen se sinte amado, tal e como é; a recuperar a esperanza no medio dun mundo tan flutuante e inseguro; a sentirnos enviados, sendo discípulos que camiñan con ilusión nesta realidade sabendo que temos un por que vivir no día a día e Alguén que nos chama a facelo realidade. Invítasenos a ter unha nova mirada sobre cada un de nós, sobre a Igrexa e o mundo; a mirada que tivo e ten o noso Mestre, que vai sempre máis alá porque ve co corazón, como nos recordaba o Principiño.

Comentábavos no saúdo que enviei cando se fixo público o meu nomeamento, que este é o momento de soñar —non podemos deixar de soñar— pero facelo como nos ensinou o noso Mestre: poñendo os pés na terra, na realidade que cada día viven os nosos irmáns, e que en moitos casos é unha realidade difícil e necesitada dunha palabra de ánimo e de moitos feitos que consolide ese ánimo, e o corazón no ceo, no corazón do Pai, corazón cheo de amor que se entrega. Así verémonos como criaturas novas, chamadas a levar adiante o plan de Deus; veremos o mundo como a Casa común creada, amada e salvada por Deus en Cristo; veremos á Igrexa como o fogar onde cada un se sinta acollido e valorado, vivindo en espírito de familia e sabendo que todos e todas teñen un lugar e somos chamados —en familia— a sentirnos fillos. Ese novo xeito de mirar co corazón lévanos á urxencia do amor de Deus: a nós tócanos, neste hoxe e neste agora, proclamar con palabras e feitos ese amor, implicándonos na realidade máis desfavorecida da sociedade e do mundo para axudar a transformala. Esa urxencia da caridade é a que transformará o mundo, a que o vai salvar. Só a urxencia da caridade é a que crea a civilización do amor, a que nos fai vivir na alegría, recuperar a esperanza e facernos medrar na ilusión. Necesito que soñedes comigo deste xeito, necesítovos a todos e todas neste empeño, e que nunca nos cansemos de soñar. Así faremos mellor camiño xuntos, apoiándonos, alentándonos.

Neste empeño quero estar convosco, no medio de vós, como un irmán máis que se une á longa tradición desta Igrexa. Veredes a miña fraxilidade, pero a nosa forza está naquel que nos pon en camiño e nos irmáns e irmás que están ao noso carón. Contamos con moitos valedores: veño da terra pastoreada por San Rosendo e o Bispo Gonzalo, santo para todos nós. E chego a outra terra na que a compaña do beato Pedro González Telmo (a quen espero con ansia ver axiña proclamado santo) nos asegura a súa intercesión. A eles encomendo esta nova andaina que iniciamos hoxe poñéndonos baixo a protección da Nai do Señor, Nosa Señora da Franqueira.

Doulle grazas a Deus, nesta mañá, polo que El foi facendo comigo nos anos da miña vida; por terme chamado á vida e á igrexa, ao ministerio presbiteral e agora ao episcopal.

Grazas a tantas persoas que El foi poñendo no meu camiño e que fixeron de min o que son. Agradézolle ao papa Francisco a súa confianza neste ministerio ao que me chama, e prégolle Sr. Nuncio, que lle faga chegar a miña filial comuñón e agradecemento, e o cariño de toda esta Igrexa particular á que me incorporo.

Grazas aos meus irmáns bispos que hoxe me acollen fraternalmente como irmán no colexio dos sucesores dos apóstolos; dun xeito especial, quero agradecerlle ao Arcebispo de Santiago, D. Francisco, ao Sr. Nuncio en España e ao Bispo de León, P. Luis Angel, que pola imposición das súas mans me transmitiron o don do Espírito para esta misión.

Non podo deixar de dar as grazas á miña familia, aos que hoxe me acompañan aquí, e aos que xa están na casa do Pai: con eles aprendín no día a día quen era Deus, como vivir o evanxeo e como sentirme Igrexa.

Xunto a eles, tamén agradezo á Igrexa particular de Mondoñedo-Ferrol de onde veño. Alí nacín á fe, e fun medrando e madurando na mesma. Alí sentinme chamado por Deus a seguir o evanxeo e ser sacerdote e alí traballei durante toda a miña vida. Non podo deixar de recordar a cada parroquia na que estiven desde o seminario, aos seus sacerdotes, consagrados e leigos cos que compartín tantas actividades e tanta vida; ás institucións diocesanas nas que estiven vencellado: o seminario, o campamento diocesano, o grupo Galilea,.. Sei que hoxe viñeron desde diferentes puntos da diocese, madrugando e facendo un longo camiño para acompañarme. A todos grazas polo vivido, compartido e amado. Son o que son grazas a vós, e como dicía un coñecido anuncio que non vou nomear, de todos teño, un «poquito de mí».

Agradezo a presenza das autoridades políticas, militares, institucións, asociacións do mundo civil e relixioso que nos acompañades. Entre todos buscaremos a colaboración mutua e o ben común, e dun xeito especial dos máis necesitados.

Por suposto, quero agradecervos a toda a diocese que me acolledes: sacerdotes, consagrados, contemplativos, misioneiros, leigos e leigas…. Desde o primeiro momento foron moitas as manifestacións de cariño, acollida e proximidade de todos vós, sentíndome moi arroupado; non sabedes canta alegría me ían dando as vosas novas e todo o que faciades na espera do novo pastor.

Grazas tamén a D. Luis Quinteiro que durante 14 anos guiou esta Igrexa tudense. Nel sei que teño un pai e un irmán, e sei que me axudará a ser o pastor que esperades que sexa.

Quero ter unha palabra especial para os que levades preparando esta ordenación con tanta dedicación e cariño. Ben sei por experiencia que non é nada fácil e que son moitos detalles. Non só quixestes que todos nos sentíramos ben neste día, senón que fixestes moito traballo para que toda comunidade diocesana afondara no ser e quefacer do bispo e se sentira responsable da acollida como pastor.

Grazas a todos cantos fixestes o esforzo de estar aquí. A vosa presenza fala de comuñón, de fraternidade, de ilusión. Vendo isto, xa me sinto na casa, en familia.

A todos os medios de comunicación, ás redes sociais que facedes chegar a todos esta festa diocesana, moitas gracias. Hoxe sodes os voceiros desta boa nova que estamos a vivir na diocese.

«A caridade de Cristo úrxenos». Este é o lema que escollín para ser pastor no medio de vós. Desexo que isto sempre nos mova cun estilo máis evanxélico e comprometido con cada persoa. Rezade por min e eu por vós. Grazas.

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo

 

Descarga en PDF ao saúdo de Mons. Antonio Valín — DESCARGAR