3 de Novembro de 2024

,

San Martín de Porres
3 de Novembro de 2024

,

San Martín de Porres

Semana Santa 2024

Semana Santa 2024

A Semana Santa é a gran celebración litúrxica do Ano Cristián. En todas as nosas parroquias consérvase unha historia viva destas celebracións que nos transmitiron os nosos maiores. Á beira destas celebracións litúrxicas, renovadas despois do Concilio vaticano II, consérvanse moitos actos relixiosos, nacidos fundamentalmente á calor da piedade popular, que expresan o sentimento dos cristiáns ao conmemorar os acontecementos centrais da vida e morte do noso Señor Xesucristo. Entre eses actos piadosos atopamos unha riquísima variedade de manifestacións da piedade popular que fan da cultura cristiá un tesouro único e intemporal.

As procesións de Semana Santa forman parte dese tesouro vivo da fe cristiá. Estas procesións en España están tan encarnadas na nosa cultura que xa non se pode entender sen elas a alma profunda do noso pobo. Porque é o noso pobo cristián o que cada ano crea de novo estes monumentos da piedade. As procesións de Semana Santa non son obras de teatro que representan actores de acordo a un guión preestablecido. Son expresións da fe cristiá que nacen da experiencia e do corazón de homes e mulleres de fe.

Hai procesións de Semana Santa que teñen unha historia de moitos séculos. En España hai moitas con esta singular historia. E hainas tamén na nosa Diocese de Tui-Vigo. Outras teñen menos anos, pero son tamén moi importantes porque teñen o sabor do auténtico, do que se foi construíndo con moito agarimo e esforzo. En Vigo temos algunhas dese carácter. Unhas e outras teñen moita importancia para a nosa fe cristiá porque supoñen un profundo compromiso de pastores e fieis para manter vivas as raíces da piedade cristiá e para renovar as grandes tradicións do pobo de Deus.

Neste ano celebraremos pronto a Semana Santa. Ao longo da Coresma escoitamos a voz da Igrexa que nos convida ao arrepentimento persoal e á conversión comunitaria. As nosas parroquias e comunidades están a prepararse intensamente para revivir na fe os grandes misterios da vida de Xesús. As nosas rúas acollerán respectuosas as procesións que acompañan aos grandes pasos da Semana Santa. Tamén se preparan os nosos catecúmenos para a gran noite de Pascua.

Quero convidarvos a todos a participar intensamente nas próximas celebracións das nosas parroquias neste tempo de graza que é a Semana Santa. A vida espiritual das nosas parroquias necesita da participación de todos. Hoxe valoramos especialmente a participación de nenos e mozos porque eles serán o futuro pobo de Deus. Eles serán os que renoven as nosas tradicións e as nosas procesións. Por iso, as nosas parroquias e as confrarías deben asumir con decisión e con confianza este reto de que os máis novos se decidan a asumir o protagonismo que lles corresponde nas nosas celebracións de Semana Santa. Non é unha utopía. Hai que intentalo con resolución.

Unido a todos vós na fe e na esperanza.

+ Luís Quinteiro Fiuza,

bispo de Tui-Vigo