Mensaxe con motivo da Xornada Mundial da Vida Consagrada
2 de febreiro de 2025
Na Noiteboa pasada, o papa Francisco abría a Porta Santa da Basílica vaticana, e así daba comezo o Xubileu 2025. Invitábanos a toda a Igrexa a sentirnos «peregrinos de esperanza». A nosa esperanza procede do amor incansable de Deus, baséase na súa infinita misericordia e ten como meta o corazón de Cristo. A nosa esperanza ten un nome: Cristo, o Fillo de Deus morto e resucitado. El é o Unxido, o enviado para proclamar a Boa Nova aos pobres, anunciar a liberación aos presos e a vista aos cegos, para dar liberdade aos asoballados e proclamar o ano de graza do Señor (Lc 4,18-19). Podemos ter esperanza, somos chamados á esperanza.
Este domingo, 2 de febreiro, a Igrexa celebra a XXIX Xornada Mundial da Vida consagrada, enmarcada no Xubileu 2025 e con este lema: «Peregrinos e sementadores de esperanza». Invítasenos a volver a mirada ás persoas, homes e mulleres, que, consagrando as súas vidas, dedican todo o seu tempo a Cristo e aos irmáns; achegarnos á súa realidade, testemuño e vocación dentro da comunidade cristiá e do mundo; orar con eles e por eles; afondar no seu ser, valorar os seus carismas.
Esta xornada destaca a riqueza das diversas vocacións na Igrexa e a beleza das persoas consagradas que queren ser unha luz pequena e constante, que vaia sementando de esperanza a todos. Unha luz profética que nos fala da presenza e amor de Deus que se fai carne nas relacións humanas de fraternidade; na capacidade de amar con ilusión e cun corazón grande onde todos e todas teñan un oco; na dispoñibilidade de compartir todo o que teñen e son sabendo que todo na vida é don e regalo para compartir cos demais; na entrega da propia existencia alí onde se lles pida iluminando todas as realidades, descubrindo en todas e en cada unha, o rostro de Cristo vivo, fonte de toda esperanza.
Os consagrados e consagradas son compañeiros no camiño, peregrinos con nós, e sementadores de esperanza. Son unha pequena candea, ás veces febles, que enche de luz toda a realidade, anunciando o xeito de vida proclamado polo Nazareno, que nos di que o soño de Deus vai moitas veces por outros camiños, pero que sempre é posible. Son unha luminaria que abre camiños, e que sementa esperanza.
Nesta Igrexa particular de Tui-Vigo, hai moitas luces encarnadas na vida de consagrados e consagradas que en diversas misións —ensino, pastoral parroquial, maiores, nenos e xoves, mulleres en vulnerabilidade, defensa dos máis pobres, promoción social, silencio contemplativo— sementan esperanza, falan —coa súa testemuña de vida, coas súas relacións de fraternidade e co seu compromiso cos máis desfavorecidos— de que todos e todas somos dignos porque somos amados por un Deus que é fiel no seu entregarse á humanidade. Cada consagrado e consagrada é unha luz de esperanza na sociedade e no mundo coa súa voz profética, coas súas relacións próximas, co seu acompañar no camiño. A luz nunca se pode agochar, a de alumear a todos os da casa para que cantos entren vexan (Lc 12,33).
Grazas a todos os consagrados e consagradas pola vosa presenza no medio de nós. Fainos moito ben e axúdanos a manter a esperanza. Seguide sementando entre nós e con nós, sendo luz que axude a camiñar cara ao encontro co Resucitado, meta da nosa peregrinación. Sede sementadores de esperanza, sendo luz… sempre!
Con afecto, o voso irmán e amigo.