Mensaxe para o Día do Seminario
Un ano máis, celebramos o Día do Seminario, e facémolo no marco do Ano Xubilar que toda a Igrexa está a celebrar invitándonos á esperanza que non defrauda (Rom 5,5).
A esperanza sempre é sorprendente porque nos leva a confiar en todo momento e ocasión nun futuro mellor, a crer nas posibilidades que ten cada un, aínda que sufríramos decepcións ou nos tocara pasar por camiños escuros. Quen ten esperanza é capaz de ilusionarse, mirar cara adiante, buscar sempre o positivo.
O papa Francisco pedíanos que vivíramos este Xubileu con signos tanxibles —ben concretos— de esperanza. Un xesto de esperanza dáse cando un se plantexa a cuestión «para quen son eu?» e o fai pensando nos demais. Cada un vai descubrindo a ese Deus que lle sae ao paso, que lle provoca cun estilo de vida concreto, e que o chama a seguilo, facendo da súa vida unha ofrenda para os demais. Cada un é vocacionado a ser axente de transformación do mundo e da Igrexa.
O Día do Seminario invítanos a volver a mirada á vocación ao ministerio presbiteral e aos nosos seminarios. Desde este curso, a nosa diocese participa no proxecto do Seminario Interdiocesano «Apóstol Santiago», unida a Mondoñedo-Ferrol e Santiago de Compostela. É unha comunidade formativa, acompañada por catro sacerdotes e constituída por seminaristas destas dioceses que, xuntos, viven o seu proceso formativo nas súas dimensións humana, intelectual, comunitaria, espiritual e pastoral, e na que son acompañados para ir facendo un discernimento vocacional que lles axude a descubrir e amar o ser curas tal como pide a Igrexa hoxe. E realizan isto con outros compañeiros do resto de Galicia, coa riqueza que iso sempre supón, compartindo un estilo que lles axuda a medrar no seguimento de Xesús con ilusión e alegría.
Agradezo todo o proceso que cada un dos nosos seminaristas —Miguel, Juan, Luis Angel e Fran— están a facer; a súa ilusión e xenerosidade; a súa docilidade para acoller aquilo que a Igrexa propón e eles van descubrindo co equipo formativo. Eles son o presente e o futuro, a nosa alegría e a nosa esperanza.
Agradezo tamén, o labor que están a levar adiante os formadores deste Seminario Interdiocesano. É un traballo conxunto, complementario, ilusionante no que cada un aporta o mellor para acompañar o seu proceso aos rapaces que alí se forman.
Non quero esquecerme do Seminario Menor «San Paio» de Tui. Alí os rapaces que se están a formar, ademáis dos estudos académicos propios da súa idade, vanse achegando á figura e mensaxe de Xesús de Nazaret e a un estilo de vida que lles faga preguntarse pola súa vocación. Cos formadores e profesores van facéndose a pregunta «para quen son?». Grazas a todos pola vosa dedicación, pola familia que formades toda a comunidade educativa e pola vosa ilusión.
A celebración desta xornada do Día do Seminario ten que ser unha chamada de atención a toda a comunidade diocesana. Todos na Igrexa seguimos a Xesús, e cada un o fai desde a súa vocación. Todos implicados e todos responsables. Cando celebramos esta Xornada pensamos nos futuros sacerdotes, que son responsabilidade de todos. Orar por eles, acompañalos co noso cariño, coidalos é valorar moito o traballo realizado polos formadores e profesores, e valorar a ilusión de cada rapaz e crer na obra que Deus vai facendo en cada un deles.
Outra dimensión desta xornada está en recoñecer e agradecer o que fan os sacerdotes nas nosas comunidades. Eles son peregrinos e sementadores de esperanza entre nós e con nós. Eles acompáñannos e tamén precisan que os acompañemos. Un pastor na comunidade vai sempre co seu pobo: a veces diante, a veces no medio, a veces detrás. Diante para guiar, en medio para animar e non esquecer o olor do rabaño, detrás porque o pobo ten olfacto para abrir novas rutas polo camiño, ou para atopar o camiño cando se perdeu» (Papa Francisco). Con acertos e erros, son pontes que nos achegan a Deus e canles polas que Deus se fai presente no medio de nós. É xusto que lles deamos grazas, os valoremos e acompañemos.
Invítovos a orar sempre por todas as vocacións, para que saibamos descubrir aquilo ao que nos invita o Señor, e poidamos responder con ilusión á súa chamada. Encomendamos isto e o noso Seminario á intercesión da Virxe María, a muller que fixo do seu “si” un compromiso xeneroso e radical con Deus e os irmáns.
O voso irmán e amigo,