3 de Novembro de 2024

,

San Martín de Porres
3 de Novembro de 2024

,

San Martín de Porres

Setembro 2019: Ao final da procesión do Santísimo Cristo da Vitoria

Setembro 2019: Ao final da procesión do Santísimo Cristo da Vitoria

Santísimo Cristo da Vitoria, Santo Cristo de Vigo: nesta tarde marabillosa recorremos contigo, novamente, as rúas da nosa Cidade, sentindo a túa poderosa protección e o fermoso que é camiñar xuntos e unidos ao teu lado.

Nestes días da Novena na túa honra o agarimo dos teus devotos tense ido temperando para romper nesta tarde nunha explosión de piedade nas rúas da nosa Cidade nas que os vigueses camiñamos ao teu lado da man de tantos devotos que teñen chegado de perto e de lonxe.

Para Vigo, celebrar a festa do Santísimo Cristo da Vitoria é como renovar un memorial que nos constitúe como unha cidade especial, asentada na nosa historia providencial e lanzada por vocación a un permanente renovarse na procura dun presente e dun futuro de excelencia, ao que non podemos nin queremos renunciar.

Os nosos nenos, os nosos mozos, as nosas familias, as nosas escolas, os nosos traballadores e os nosos empresarios son o verdadeiro tesouro que nos fai sobresaír. O marabilloso potencial de Vigo está en cada un de nós, en tódolos nosos irmáns, nas nosas familias e nas nosas empresas. Conscientes de todo isto, Santísimo Cristo da Vitoria, pedímosche hoxe que nos bendigas a todos, ás nosas familias e ás empresas da nosa Cidade.

A competitividade de Vigo é lendaria, pero non o é menos a súa solidariedade social. É por iso que os que viñemos a esta Cidade nos temos atopado tan a gusto e acollidos que somos de aquí. Nun día como a túa festa de hoxe, Santísimo Cristo da Vitoria, queremos renovar a nosa aposta por unha competitividade irrenunciable que acolla a todos, que non prescinda de ninguén, que non descarte aos máis débiles. E, coa túa intercesión, queremos seguir construíndo unha sociedade máis solidaria.

Pedímosche especialmente neste día, Santísimo Cristo da Vitoria, polos nosos maiores e polos nosos enfermos. Eles loitaron e sufriron, e seguen loitando e seguen sufrindo ao lado dos seus e tantas veces na dura soidade. Non podemos negarlles aos máis débiles o mellor que a sociedade moderna e a ciencia teñen feito realidade coa máis fascinante capacidade médica e asistencial de tódolos tempos.

Estamos moralmente obrigados a ser esixentes con nós mesmos e cos nosos gobernantes na atención esmerada dos que sofren, ata o punto de que, se erramos nisto, aquilo que chamamos progreso é unha pura falacia.

A nosa Cidade de Vigo tense gañado merecidamente un posto destacado entre os líderes da nova sociedade, aberta e sen fronteiras. Corremos no grupo de cabeza dos que albiscan  no horizonte novas dimensións. Esta aí ten custado moitos sacrificios e moita intelixencia. É unha honra que ninguén pode arrebatar á nosa Cidade e supón tamén unha responsabilidade que, só se apoiamos todos, poderá sosterse.

O noso liderado tecnolóxico e social non pode ser unha carga. A nosa Cidade o ten asumido sempre como unha vocación. É sinxelamente a nosa vocación. A vocación de Vigo é liderar, abrir camiños novos a un mundo que dubida de si mesmo.

Pedímosche, Santísimo Cristo da Vitoria, que nesta hora non dubidemos de nós mesmos e que asumamos con ledicia a vocación que ti nos deches, a de remar xuntos ata a vitoria. E así uniremos a nosa imparable capacidade tecnolóxica, a alma acolledora, solidaria e devota da túa sempre bendicida Cidade. Amén.

+ Luis Quinteiro Fiuza