14 de Marzo de 2026,
Santa Matilde

Mensaxe con motivo da Xornada Pro Orantibus

Hai anos nun encontro xuvenil preguntaba un rapaz sobre o sentido da vida consagrada contemplativa. El entendía que unha vida entregada aos máis pobres, acompañando a maiores, en lugares de misión… tiña sentido, pero estar nun mosteiro de por vida,… non acababa de entendelo. A persoa que levaba o encontro preguntoulle se podía imaxinarse o mundo sen a música… logo dun momento de silencio, díxolle que non, era algo imposible. Contestoulle a monitora que o mesmo pasaba na Igrexa: nela, a música era a vocación contemplativa. Eles e elas eran a música de Deus no seo da Igrexa.

Non é fácil entender, nun mundo como o noso, este estilo de vida. No pasado mes de febreiro celebrábase en Madrid o Congreso de Vocacións, e resoaba naquel encontro unha pregunta: Para quen son eu? E comentábase que cada ser humano é profundamente amado por Deus, na súa realidade concreta. E cando un se dá conta desta realidade, cando un se sinte amado tal e como é, sinte a necesidade de compartir esta experiencia; de aí a vocación-misión. Somos chamados a acoller e vivir ese amor, e somos chamados a comunicalo, espallalo, anuncialo. Cada un somos vocación que logo irase concretando nos diversos estilos de vida. Aquí podemos atopar a clave para entender todas as vocacións, tamén a da vida consagrada contemplativa. É un estilo de vida no silencio e contemplación, na vida fraterna en pobreza porque só Deus e os irmáns son necesarios, no amor dun corazón que ama a Deus sentíndose en comuñón con todos os irmáns; na paz e acollida do mosteiro, lugar que quere encarnar este contemplar.

Dicía santa Teresa de Lisieux, monxa contemplativa carmelita, que o único xeito de entender a súa vida era como unha misión de amor. E engadía: no corazón da Igrexa, a miña Nai, eu serei o amor. Con estas palabras, ela resumía a vocación dos monxes e monxas contemplativos: eles son persoas que rezan en silencio, en comunidade, que traballan e viven en fraternidade, por toda a Igrexa; e isto é un xeito de amar. Eles son ponte de intercesión por todas as persoas, e a súa oración unha forza que sostén o mundo (Benedito XVI, Homilía en Monte Cassino, maio 2009). Son lévedo para toda a Igrexa. Unha chamada a vivir o corazón do Evanxeo, que é o amor, e difundilo coa oración e o testemuño (papa Francisco). É un estilo de vida que expresa o primado absoluto de Deus na nosa existencia, e que nos fai entrar no misterio do seu amor, en comuñón con toda a Igrexa (Francisco, Discurso aos participantes no Congreso Internacional sobre Vida monástica, 4.5.2018).

Como a música, non se ve, pero si se percibe e dálle outro xeito ao noso vivir cotiá. Nas présas diarias, nas ocupacións frenéticas de cada día, nos traballos pastorais das comunidades e da diocese, na vida de cada persoa no medio da sociedade, eles e elas son a música de Deus, a luz que alumea, que nos recorda que é o nuclear da nosa existencia: a presenza silenciosa e elocuente, activa e transformadora de Deus no medio de nós.

É certo, igual que non concibimos o mundo sen a música, que tanto nos di e pode expresar, tampouco podemos pensar na Igrexa sen esta vocación. Os monxes e monxas contemplativos son unha misión de amor no medio do mundo e da Igrexa; como dicía san Xoán da Cruz: «no tengo otro oficio, pues sólo en amar es mi ejercicio».

Celebrando a Xornada Pro Orantibus que nos propón como lema «Orar con fe, vivir con esperanza», agradecemos a música que as comunidades contemplativas da nosa diocese están facendo soar, cada unha co seu estilo e peculiaridade: a melodía franciscana das monxas Clarisas en Tui; a das dominicas en Baiona e a das carmelitas descalzas en O Rosal e en Sabarís; a das beneditinas en Trasmañó e tamén, a das salesas no barrio de Teis, en Vigo. Todas elas, desde o silencio e a vida oculta en Deus e en fraternidade, fan resoar a música de Deus na comunidade diocesana, e son remanso de paz e esperanza para cantos nos achegamos aos seus mosteiros, porque todas encarnan esa vocación-misión de amor no seo da Igrexa.

Sentímonos ben unidos a estas comunidades, rezamos por esta vocación que enriquece á nosa Igrexa particular, e encomendámonos á súa pregaria. Que nunca deixen de soar e que a súa música nos acompañe nunha fermosa sinfonía en cada misión-vocación da Igrexa, orando con fe e vivindo con esperanza.

O voso amigo e irmán,

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo