Mensaxe de Coresma 2025
Estamos inmersos no Ano xubilar no que se nos chama a ser peregrinos de esperanza. O Pobo de Deus, en camiño cara ao encontro con Deus, sinte ao seu carón a Cristo como compañeiro de viaxe e fundamento dese camiño, El é a nosa esperanza.
Iniciamos unha nova Coresma, un novo camiño cara Xerusalén, lugar da paixón, morte e resurrección de Cristo, acompañando ao Señor, seguindo as súas pegadas, neste mundo que nos toca vivir. Neste camiñar escoitamos de novo convértete e cre no evanxeo. Dinos o papa Francisco: invito a cada cristián a renovar agora mesmo o seu encontro persoal con Xesucristo ou, alomenos, tomar a decisión de deixarse atopar por El, de intentalo cada día sen descanso (…) Este é o momento de dicirlle a Xesucristo: necesítote. Rescátame de novo (Evangelii gaudium 3). Desde logo, esta invitación é unha chamada de atención, unha nova oportunidade. Por que non vivir a Coresma desde esta invitación?
Neste tempo fálasenos da necesidade de conversión, dun cambio profundo nas propias vidas. Nas nosas comunidades parroquiais visibilízase esa invitación a través de prácticas piadosas, ornamentación diferente, celebracións especiais… que nos poden axudar, pero é urxente recordar as palabras do papa, é o momento de volver ao esencial na nosa relación con Deus, cos irmáns e con toda a creación.
A Coresma non pode ser un tempo triste. Volver ao evanxeo sempre é volver á alegría da Boa Nova, a enraizar a nosa fe nese Xesús, que ten palabras de vida eterna, como di o apóstolo Pedro (Xn 6,68). É o tempo de quitar as máscaras que nos acompañan durante a vida, que nos serven para dar unha imaxe que poidan ver todos, e ás veces, esconder os nosos medos, inseguridades e aspectos que non nos gustan ou avergonzan. É o tempo de volver ao esencial, ser máis auténticos e liberarnos de tanto po que se nos vai pegando en recunchos da nosa vida.
Seguro que xorde a pregunta de como facelo, como volver ao esencial? A Igrexa, nai e mestra, ofrécenos un camiño: volver á Palabra encarnada de Deus, porque en Cristo maniféstase o home ao propio home e amósase a vocación á que foi chamado (GS 22). Lendo, orando, contemplando ese Cristo-Palabra podemos descubrir quen somos: fillos dun mesmo Pai e irmáns. Todos fillos moi amados por Deus, sempre; e todos irmáns, chamados a vivir en fraternidade real, sempre. Non temos que conseguir nada, xa somos regalados, só nos toca acoller. Pero esta acollida supón pola nosa banda ser conscientes disto, experimentar e vivir a grandeza do proxecto de Deus sobre cada un, sentirnos libres, e aprender a mirar ao mesmo Deus, aos irmáns e á creación doutro xeito. Xesús dinos sempre, achegádevos a min todos os cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei, o meu xugo é levadío e a miña carga liviá (Mt 11,28-30). Desde aquí atopan sentido as nosas prácticas coresmais, as penitencias e xaxúns; han servirnos para soltar lastre e acoller; soltar lastre para sermos máis libres.
A Coresma é unha invitación a poñer no centro a Xesús, rachando con todo tipo de egoísmo e autosuficiencia, acollendo ese amor de Deus e deixándonos facer por El, aprendendo a recoñecer o que xa somos e o que Deus quere seguir facendo connosco e a través de cada un.
Hai “axudas” neste camiño a ter en conta: non imos sós. O papa Francisco na súa mensaxe para a Coresma deste ano anímanos a tres conversións concretas: a de camiñar, rachando con todo aquilo que nos poida paralizar na nosa zona de confort; a de facelo xuntos, nunca como viaxeiros solitarios, tecendo unidade, sen deixar a ninguén atrás ou excluído; e en esperanza, naquel que é o noso amor e esperanza, que vive e reina glorioso. Esta esperanza hase traducir en confianza en Deus e na súa salvación.
Camiñar, xuntos e en esperanza, abrindo os nosos ollos á realidade dos irmáns, á propia realidade; mirando ao futuro que nos abre Aquel que vive para sempre. Escoitando a súa Palabra, deixándoa resoar no noso corazón, erguéndonos das nosas comodidades e facendo camiño en actitude de acollida, con xestos moi concretos, cos irmáns que se achegan a nós. Todo iso seguro que nos axuda nese volver ao esencial…
Feliz camiño, feliz conversión!!! Acompañados por María, nosa Señora de A Franqueira, intercedendo neste camiño coresmal.
O voso irmán e amigo,