16 de Marzo de 2026,
San Heriberto

18 de febreiro

Volver ao corazón

Estamos ante unha nova Coresma que nos vai preparar para a vivencia da paixón, morte e resurrección do Señor. Este tempo é un tempo de paso: a meta está na Pascua, pero iso non significa que sexa un tempo a non ter presente. A Coresma é unha longa invitación a volver ao esencial da nosa vida, a facer un alto no ritmo cotiá e situarnos -cara a cara- co Evanxeo que nos deixou Xesucristo. Si, é un tempo de paso, pero un tempo que nos pode axudar a descubrir, con autenticidade, o significado da vida de Cristo, da súa proposta, da Resurrección que todo o fai novo e do que somos cada un. Como nos di o papa León: “é unha ocasión axeitada para escoitar a voz do Señor e renovar a decisión de seguir a Cristo, percorrendo con El o camiño que sube a Xerusalén” (Mensaxe para a Coresma 2026).

Gustaríame compartir convosco unha serie de palabras que nos van acompañar durante este tempo coresmal:

  • Conversión, cambio de mentalidade, costumes, criterios, opcións… tempo de ser e vivir de xeito máis auténtico, volvendo continuamente ao evanxeo. É un tempo de sinceridade con Deus e con nós mesmos. Este é o momento, o tempo; fora máscaras e hipocrisía, veña a autenticidade, que se traduce en xestos ben concretos.
  • Escoita, que nos leva a entrar en relación co Outro, cos irmáns, coas criaturas, cos pobres. A Coresma anímanos a escoitar a Deus que nos fala na vida e nos irmáns; a escoitar aos demais que nos centran no importante; a escoitar a realidade que nos achega o clamor dos vulnerables e do cosmos.
  • Cinza, que nos fala que somos fráxiles, que nos doe o mundo, a historia, a realidade, a convivencia. Dóenos como somos e os nosos proxectos tan efémeros como a cinza que leva o vento. Somos po, pouca cousa, pero como di o poeta, “somos po namorado” para un Deus que se empeña en contar connosco en todo momento.
  • Tentacións, perigos no camiño, seducións que nos desvían da proposta evanxélica. Sabemos que éstas sempre nos van acompañar no camiño da vida, e que teremos que loitar sempre para sermos coherentes, pero contamos con axudas: a escoita da Palabra, o xaxún que nos fai sentir fame do auténtico, a escoita dos máis vulnerables que nos centra o corazón e nos abre á xenerosidade, a oración constante, a vida comunitaria que pon a importancia nese andar o camiño xuntos, a escoita da terra que nos invita ao coidado para o noso ben e o das xeracións futuras… algunhas destas axudas son recordadas polo papa León na súa mensaxe para esta Coresma.
  • Sae da túa terra!, de todo canto non nos deixe camiñar: rutinas, costumes, criterios, opcións… ataduras, que poden converterse nun fardo pesado que nos afasta do verdadeiramente importante. Saír sempre é difícil: pide decisión, mirar ao futuro, deixar atrás persoas, situacións…e lanzarse confiados ao descoñecido, aínda que nos inquieto. É difícil pero necesario, non podemos quedarnos á beira do camiño; o noso é avanzar sempre.
  • Ser luz, que é unha identidade que nos regala Xesús e tamén unha responsabilidade. A nosa vida, unida ao Crucificado que resucita, está chamada a irradiar a claridade de Deus no medio deste mundo sumido en tantas tebras. A nosa vocación é sermos “faísca”, e xuntos, formar unha luminaria que espalle esperanza, sabendo que para iso é preciso consumirse para dar luz ao mundo. “Alume así a vosa luz aos homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen ao voso Pai que está nos ceos (Mt 5,16).
  • Compartir, que nos fala de xenerosidade, de poñer a disposición de todos o que temos e o que somos: é o tempo de dar-nos, de ensanchar o corazón, de ser-con outros. O papa Francisco, pouco despois da súa elección, dicía aquilo de “como me gustaría unha Igrexa pobre para os pobres”: este é o tempo de sermos pobres cos pobres.
  • Xuntos. O papa León dinos: “a conversión non só atinxe á conciencia do individuo, senón tamén ao estilo das relacións, á calidade do diálogo, á capacidade de deixarse interpelar pola realidade e de recoñecer o que realmente orienta o desexo, tanto nas comunidades eclesiais como na humanidade sedenta de xustiza e reconciliación” (Mensaxe para a coresma 2026). A Coresma é o tempo axeitado para a autenticidade que nos leve a edificar a civilización do amor, sabendo que para iso, ninguén queda excluído, e todos, somos necesarios.

A Coresma remata na Pascua do Señor que “fai novas todas as cousas” (Ap 21,5). Todo adquire un sentido novo, e iso é o que nos ten que poñer en camiño. A nosa meta é vivir con Cristo; o noso futuro é a vida, que se vai xestando no día a día, e non o fracaso.

“Eu son a Resurrección e a Vida. Quen cre en min, anque morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. Cres ti isto?” (Xn 11,25), dicíalle Xesús á irmá de Lázaro. Cres ti, isto? Dicir si, é abrirse a unha transformación total, abrirse á novidade de quen é a Vida.

Esta é a oportunidade da Coresma: camiñar xuntos, unidos a todos os nosos irmáns, acompañados pola mirada tenra de María, a Nai confiada e crente, volvendo ao corazón onde está a Vida. Feliz camiño!

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo