19 de Abril de 2024

,

San León IX
19 de Abril de 2024

,

San León IX

Xullo-agosto 2019: «Testemuñas do gozo do Evanxeo (I)»

Xullo-agosto 2019: «Testemuñas do gozo do Evanxeo (I)»

Testemuñas do gozo do Evanxeo (I)

“A palabra testemuño -e o ser testemuñas- ten sido empregada moitas veces nesta carta pastoral. O testemuño é a unión, a coherencia, entre a fe e a vida. Crer é á vez testemuñar o que se cre. A fe persoal de cada un de nós acendeuse en contacto coa fe dos outros.

“Un ensino puramente doutrinal é incapaz de espertar a fe en quen o recibe; pero pode conseguilo unha doutrina na que cre o propio mestre. Soamente pode suscitar a fe, a verdade amada e vivida. É a fe da túa nai ou ben dalgún mestre, dalgún amigo ou de alguén do teu ambiente, o que espertou a túa. Con aqueles en cuxa fe viviches, xorde a túa propia fe, ao comezo sen sabelo, e vai afirmándose ata que, finalmente, adquire a forza necesaria para marchar por si mesma. Como un cirio se acende coa chama de outro, así a fe se acende ao contacto coa fe”.

Como indicaba Bieito XVI:

[Ao crer], “o que facemos non é tanto aceptar a verdade nun acto puramente intelectual, senón abrazala nunha dinámica espiritual que penetra ata a esencia do noso ser. Verdade que se transmite non só polo ensino formal, por importante que este sexa, senón tamén polo testemuño dunha vida íntegra, fiel e santa”.

A orixe da fe e a vivencia da mesma están ligados ao testemuño. Tamén o está a renovación da Igrexa, a súa conversión pastoral, que acada unha dimensión concreta na vida dos cristiáns: “coa súa mesma existencia no mundo, os cristiáns están chamados efectivamente a facer resplandecer a Palabra de verdade que o Señor Xesús nos deixou”.

O amor de Cristo move a conversión e a vida nova dos bautizados. A fe é inseparable desta transformación completa do home, que cambia toda a existencia. Por outra parte, o amor de Cristo está na orixe da evanxelización.

Vivir a fe, ser auténticas testemuñas, implica asumir a responsabilidade social de dar conta do contido e as razóns da fe: “o que o mundo precisa hoxe de xeito especial é o testemuño crible dos que, iluminados na mente e no corazón pola Palabra do Señor, son capaces de abrir o corazón e a mente de moitos ao desexo de Deus e da vida verdadeira, esa que non ten fin”.

(Carta pastora “Benaventurados os misericordiosos”, pp. 65-66)

+ Luis Quinteiro Fiuza