Só chega á súa fin o que se ten comezado. A semente sementada no suco precisa do seu tempo para xerminar con brío da terra cultivada. Non hai froitos sen sementeira e non hai final logrado sen o esforzo necesario. Nada se consegue sen o traballo e a paciencia.
O noso curso pastoral chega ao seu final e cómpre examinármonos os froitos acadados para contrastalos con aqueles soñados. Hai uns tempos de realismo nas nosas tarefas eclesiais que nos impiden atrincheirarnos nas nosas dialécticas baleiras. O noso traballo pastoral nace e se sustenta no don de Deus e no da súa gracia, mais tamén sabemos que o noso esforzo sostido conta moito ao final da tarefa.
A nosa Diocese, as nosas Parroquias, os nosos colexios, todas as nosas tarefas pastorais teñen como fin a louvanza a Deus e o ben dos nosos fieis. Teñen, por tanto, unha dimensión interior, invisible, íntima, que escapa á experimentación sensible e teñen, á súa vez, outra dimensión exterior e susceptible dunha experimentación sensible e social. Por iso precisamos revisalas, contrastalas, sometelas ao xuízo dunha lóxica elemental.
Hai moitas das accións da nosa pastoral que non son doadas de someter a criterios de valor xeral, pero outras moitas deben selo por todos nós. As nosas tarefas pastorais carecerán dunha elemental eficacia mentres non as sometamos ao principio xeral da experiencia contrastable. Que facemos? Como o facemos? En que nos equivocamos? Que deixamos de facer?
Neste final de curso adoitan celebrarse en moitas das nosas Comunidades o sacramento da primeira Comuñón para os nosos nenos e nenas e o sacramento da Confirmación para os nosos mozos ou adolescentes. Notamos como cada ano diminúen os candidatos a recibir estes sacramentos. Unha opinión xeralizada tende a asentarse nas nosas conciencias de que todo é debido á baixa estima que os nosos fieis teñen da fe e dos preceptos da Igrexa.
Non serei eu quen negue a perniciosa influencia de moitos elementos do noso ambiente social no pouco aprecio dos nosos fieis cara á vida cristiá. Pero isto non o explica todo. Nas miñas visitas ás Comunidades de fieis atopo moitas realidades que me fan pensar moito. Atopo, ao carón de comunidades mortecinas e pouco traballadas, outras realidades eclesiais florecentes, alomenos con esforzos pastorais razoablemente acadados.
É evidente que hoxe é difícil atraer á xente nova á Igrexa. Isto ninguén o dubida, mais entón como se explica que Parroquias e Colexios de diferente talante pastoral presenten xoves ou adolescentes á Confirmación en números moi estimables e cunha preparación duradeira e adecuada? Son casos de moito mérito, pero de ningún imposibles. Na maioría dos casos a explicación é un traballo pastoral apaixonado e sostido no tempo, que nace da convicción profunda e a alegría que xera a fe da que tanto nos fala o Papa Francisco.
Esta reflexión que nace do meu corazón e da experiencia de cada día só tenta unha cousa: convidarvos a todos os sacerdotes e relixiosos, catequistas e membros dos nosos equipos pastorais a que sometades, con sinxeleza e humildade, os vosos plans pastorais ao principio xeral da experiencia contrastable.
Damos gracias polo curso pastoral que estamos rematando e queda aí esa proposta para cando teñamos posto o final.
Con todo o meu afecto e gratitude,
+ Luis Quinteiro Fiuza
Bispo de Tui-Vigo