As delegacións de Catequeses de Galicia xa están preparadas para poñer en marcha de novo a Catequese sistematizada nas parroquias despois dun ano marcado pola Covid-19, que condicionou a habitual normalidade do curso pastoral e contribuíu a redescubrir o fogar como primeiro ámbito de crecemento e maduración da fe e aos pais como primeiros catequistas dos seus fillos.
“… E continúa na parroquia” é o lema escollido para este ano en consonancia co proxecto iniciado o ano pasado #CatequeseComezaNaCasa. Por unha banda, o lema pon de manifesto a necesidade de dar unha continuidade parroquial ao proceso de maduración e desenvolvemento da fe iniciado en casa. Por outra banda, mostra a esixencia de que a actividade catequística ordinaria hase de desenvolver nas parroquias e comunidades.
Para poñer en marcha de novo a catequese nas parroquias, desde Catequeses Galicia publicaron un documento con orientacións de tipo sanitario e pedagóxico-metodolóxico co que axudar a párrocos, catequistas e familias a regresar á presencialidade, sen abandonar o traballo iniciado nos fogares, esa Igrexa doméstica. Tal e como destaca o documento, “o binomio familia e parroquias son imprescindibles e necesítanse mutua e constantemente”.
En definitiva, este ano, o reto da catequese consiste en retomar a presencialidade para redescubrir de novo a importancia da dimensión comunitaria, en comuñón co traballo dentro do ámbito familiar.