21 de Maio de 2024

,

San Cristóbal de Magallanes y compañeros mártires
21 de Maio de 2024

,

San Cristóbal de Magallanes y compañeros mártires

Catolicidade compartida coa casa común

Catolicidade compartida coa casa común
Foto: Banco de imágenes © Pexels

Artigo publicado no periódico Faro de Vigo, o 31 de outubro de 2023

En continuidade coa encíclica Laudato Si, publicada en maio de 2015, o papa Francisco agasállanos con outro texto. Desta volta trátase dunha exhortación pastoral –que na xerarquía de documentos do maxisterio ocupa un chanzo por embaixo dunha encíclica– breve; pero profunda no seu contido. Nela volve abordar a cuestión do cambio climático dun xeito integral. O documento leva por título Laudate Deum –‘Loade a Deus’– e canto nel se afirma engrandece e enriquece aquel primeiro texto do ano 2015.

A razón desta reincidencia temática dánola o mesmo papa, coa cita dun documento dos bispos de Estados Unidos do ano 2019 onde se di: “O cambio climático é un dos principais desafíos aos que se enfronta a sociedade e o mundo global“.

Diante deste desafío, no que toda a obra da creación se ve implicada e no que a acción humana ten moito que ver ao respecto da súa degradación; o papa propón, ao longo de seis capítulos, un compromiso, desde conviccións e opcións de vida diferentes, para que persoas e institucións traballen na defensa deste patrimonio común que compartimos: a casa que nos acubilla. Xa pasaron os tempos de identificar compromiso e activismo medioambiental cunha cuestión de mocidade ociosa ou de intelectuais de salón. O deterioro ambiental, cada vez máis rápido e con consecuencias maiores, afecta a todos os ámbitos, converténdose nun “problema social global”, no que está en xogo a dignidade humana, como ben di Francisco ao comezo da exhortación.

Desde esta implicación sen exclusións, a defensa medioambiental pasa a ser unha cuestión persoal, social, económica, laboral, política, cultural e, como non, tamén teolóxica. Hoxe non se pode facer teoloxía dándolle as costas a este grave problema. De aí que o papa non dubide en denunciar o negacionismo, por mor de intereses económicos e ideolóxicos, que, desde fóra e dentro da Igrexa –tamén á hora de facer teoloxía–, cuestiona as dimensións desta traxedia que vai destruíndo o legado recibido de coidar a terra, tal e como o percibimos e vivimos as persoas crentes da man de Deus. A defensa medioambiental convértese así nunha cuestión na que é necesario situarse, clara e radicalmente, fronte a calquera negacionismo que non pon a mirada nas persoas empobrecidas nin no seu sufrimento.

Pero a defensa medioambiental, sendo unha cuestión antropolóxica, supón abordar e cuestionar, o paradigma tecnocrático que, rexeitando calquera referencia ética, só busca ganancia e poder a custo da invisibilidade das persoas e do esquilmamento da natureza. Isto, as máis das veces, como expresamente afirma o papa, é froito da debilidade da política e das institucións internacionais. Chegou logo a hora de reconfigurar o multilateralismo desde criterios de fraternidade igualitaria e dignidade compartida. O eurocentrismo neocapitalista, en auxe no norte rico, non pode obviar o compromiso de recoñecer que a realidade do mundo non se esgota na mirada do norte rico; senón que ha ser unha mirada real e de amplitude global, non só dunhas poucas persoas e institucións privilexiadas e ansiosas de poder.

Neste sentido a COP-28, a celebrar este ano en Dubái, non pode ser só unha oportunidade. Ha ser o punto de inflexión para tomar decisións que verdadeiramente impliquen e asuman con seriedade que o presente e o futuro do planeta incúmbenos a todas e todos, e non só a quen ten poder e capacidade de xestión.

Achegarse á realidade desde unha mirada non xa compasiva, senón tamén ético-solidaria, é urxente e apremante. E se as outras conferencias do clima, das que se fai unha achega dos seus avances e fracasos no capítulo cuarto do texto, foron pequenos pasos, na próxima xogámonos o poder continuar vivindo neste mundo que para nós, as persoas crentes, é agasallo de Deus a desenvolver con criterios de fraternidade compartida.

Remata a exhortación cunha invitación a ter sempre presentes as motivacións espirituais –non só relixiosas– e comúns por riba de credos, que nos fan transcender o puramente material para camiñar, con coherencia e convencemento, en comuñón desde a cotidianeidade das cousas pequenas para seguir avanzando no respecto desta casa común que non exclúe, senón que acolle.

Loemos a Deus coidando o mundo e canto nel se conten!

Clodomiro Ogando Durán

Centro Teolóxico S. Xosé de Vigo

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp