O xoves 23 de xaneiro, ás 20.00 horas, a concatedral-basílica de Santa María en Vigo acolle a tradicional celebración ecuménica que organiza a Igrexa Católica de Tui-Vigo, a través da súa delegación de Ecumenismo e Relacións Interconfesionais, con motivo da Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns. O bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, presidirá o acto acompañado por representantes das diferentes realidades eclesiais —evanxélicos, anglicanos e ortodoxos—, o que constitúe sempre unha oportunidade para crear unha maior unidade entre as diversas confesións cristiás.
Nesta ocasión, a Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns celébrase no marco de dous grandes acontecementos: o Ano Xubilar 2025 e a conmemoración dos 1.700 anos do Concilio de Nicea que proclamou a fe profesada no credo que une aos cristiáns que confesan o misterio de Dios un e trino. O delegado de Ecumenismo e Relacións Interconfesionais, o pai capuchino Enrique García, manifestou o desexo de «traballar para que a esperanza do Xubileu se faga realidade a través dun compromiso efectivo pola unidade dos cristiáns», que se materializará a través de encontros mensuais de oración ou visitas ás casas doutras confesións
Con motivo deste octavario, os bispos responsables da Conferencia Episcopal Española lanzaron unha mensaxe na que destacan a importancia do Concilio de Nicea «que supuxo un fito na historia da Igrexa porque configurou unha herdanza dogmática e litúrxica común no credo que recitamos nos domingos e solemnidades na santa misa, texto de converxencia de todas as Igrexas e comunidades eclesiais, cuxa mellor comprensión e explicación catequética converteuse nun obxectivo fundamental do Consello Ecuménico das Igrexas e da Igrexa Católica en fraterna colaboración e empeño». Por iso, indican que «hoxe como sempre necesitamos unha linguaxe común da fe, sen o que será moi difícil salvar a unidade de fe das Igrexas e a reconstrución da unidade visible de unha, santa e católica Igrexa».