O 2 de febreiro, coincidindo coa festa da presentación do Señor, a diocese de Tui-Vigo celebrou a Xornada Mundial da Vida Consagrada cunha eucaristía presidida polo bispo Mons. Luís Quinteiro, no templo parroquial de Santo Antonio da Florida en Vigo. Nela, participaron numerosos representantes das diferentes congregacións relixiosas presentes no territorio da Igrexa de Tui-Vigo.
Na mensaxe publicada con motivo desta xornada, o bispo de Tui-Vigo agradeceu a consagrados e consagradas, «a entrega e o compromiso con esta diocese que é a vosa casa. Especialmente recordo e pido ao Señor polos relixiosos e relixiosas maiores que nos abriron camiños de esperanza e loitaron sen desfalecer o bo combate da fe».
A diocese de Tui-Vigo conta na actualidade con 260 relixiosos e relixiosas que traballan na acción pastoral da Igrexa diocesana. Ademais, conta tamén con 36 monxas de clausura en 6 mosteiros de vida contemplativa.