Do 7 ao 18 de marzo, o Concello de Tui e a Real Academia Galega organizan unha serie de actos para conmemorar o centenario do falecemento do tudense, Mons. Manuel Lago González, arcebispo de Santiago de Compostela. O programa inclúe diversas conferencias para profundar na figura deste escritor e sacerdote, así como un paseo literario e unha intervención musical.
Andrés Torres Queiruga e Xesús Ferro Rubial serán os encargados de inaugurar o programa de actos, co acto conmemorativo da Real Academia Galega en Tui, o venres 7 de marzo, ás 19.00 horas, en espazo rúa Camilo José Cela. Durante o evento inaugural, inclúese unha actuación musical de Eduardo Rodríguez na gaita e Rubén López López ao piano, do Conservatorio Municipal de Música de Tui, que interpretarán composicións de José Torres para poemas do homenaxeado. Marga Val fará a lectura de varios poemas do arcebispo.
O domingo 16 de marzo, ás 11.30 horas, haberá un paseo literario sobre Manuel Lago González que comezará na Oficina Municipal de Turismo de Tui. Ao día seguinte, luns, ás 19.00 horas, no espazo rúa Camilo José Cela, organízase unha mesa redonda que contará coa participación de: Avelino Bouzón Gallego, sacerdote e cóengo arquiveiro da catedral de Tui; José Manuel García Iglesias, profesor da Universidade de Santiago de Compostela; e Marga Val, escritora e profesora.
Coincidindo co falecemento do Mons. Manuel Lago, o martes 18 de marzo, ás 19.00 horas, no espazo rúa Camilo José Cela, a profesora da universidade compostelá, Marta Cendón Fernández, impartirá a conferencia «Don Manuel Lago González: tudense, arcebispo e poeta».
Mons. Manuel Lago González (Tui, 1865 – Santiago de Compostela, 1925) , relixioso e escritor, foi un dos organizadores dos Xogos Florais que se desenvolveron en Tui en 1891, os primeiros da historia integramente en galego. Foi xunto a Manuel Murguía o autor dos dous discursos lidos no acto de constitución da Real Academia Galega (1906). Membro fundador da RAG, durante os anos en que foi bispo do El Burgo de Osma (Soria) perdeu a súa condición de académico, que recuperou en 1917 ao regresar a Galicia como bispo de Tui. Seis anos despois, en 1923 convertíase no primeiro arcebispo galego de Santiago de Compostela en cento vinte e cinco anos. Nesta nova etapa foi nomeado presidente honorario do Seminario de Estudos Galegos. O Día das Letras Galegas de 1973 estivo dedicado a Manuel Lago González.