Coincidindo co Día da Igrexa Diocesana, que en España celebrouse baixo o lema «E se o que buscas está no teu interior?», o 10 de novembro, durante a eucaristía presidida na catedral tudense de Santa María, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, lembrou que «somos chamados a sentirnos pobo de Deus, colaboradores corresponsables da construción do Reino predicado por Xesús. Cadaquén recibe esta invitación; cadaquén, en diálogo co Señor, responde». Tamén agradeceu a dispoñibilidade, a gratuidade e o servizo das vinte e dúas persoas que, durante a celebración, recibiron os ministerios do acolitado e o lectorado.
O prelado tudense subliñou que, neste Día da Igrexa Diocesana, «reunidos como familia, o Señor séguenos interpelando coa súa voz no noso ser discípulos. Convídanos a poñer toda a nosa confianza en Deus e, só nel, sabendo que con el nunca nos falta nada e sempre abonda todo». De forma especial, Mons. Antonio Valín dirixiuse aos segrares que foron instituídos acólitos e lectores: «amade este servizo que se vos encomenda e amade o Corpo de Cristo que é o Pobo de Deus, ao que vades a servir. Vivide no día a día, de tal forma que, dóciles ao Espírito, conservando no corazón a Palabra e identificándovos con ese Cristo Pan entregado, sexades luz que aluma e sal que dá sabor a este mundo e a esta Igrexa diocesana».
Tras a proclamación do Evanxeo e a homilía, mediante a entrega dun leccionario para os lectores e dunha patena para os acólitos, os vinte e dous segrares de diferentes parroquias da diocese de Tui-Vigo recibiron os ministerios de lector e acólito, cos que asumen unha responsabilidade eclesial que conleva funcións de coordinación, formación e acompañamento dos fieis laicos e laicas que, de maneira temporal, realicen esas tarefas sen ser ministros instituídos. Así, a diocese de Tui-Vigo busca seguir un camiño de renovación pastoral que poña en valor a necesaria implicación dos segrares nos diferentes ámbitos da vida da Igrexa, respondendo, ao mesmo tempo, á vocación recibida por Deus como fieis laicos no medio da comunidade eclesial.
A celebración finalizaba cun agradecemento e unhas breves palabras do bispo emérito, Mons. Luís Quinteiro, que expresou que este proxecto foi froito do Espírito Santo: «o papa Francisco pediu á Igrexa que mostrásemos os ministerios laicais como unha forza importante da evanxelización. A realización deste proxecto é unha graza de Dios para toda a diocese —segrares instituídos, sacerdotes, fieis laicos, etc.—». Durante os últimos anos do seu episcopado, Mons. Luís Quinteiro promoveu esta iniciativa a través da reestruturación da escola diocesana Ágora que, desde 2021, transformouse en «Ágora: Escola de Teoloxía, ministerios e servizos» para ofrecer unha formación estrutura, básica e sistemática que capacita aos segrares no desenvolvemento destes ministerios.
En 1973, o papa Paolo VI, a través da carta apostólica Ministeria Quaedam, estableceu dous ministerios: acólito e lector, que se poderían conferir de forma estable só a homes. Os ministerios, ata o de agora, eran recibidos case exclusivamente polos seminaristas como un paso na súa formación. En 2021, o papa Francisco publicou dous novos documentos: Spiritus Domini, polo que permite que sexan instituídas tamén mulleres; e Antiquum ministerium, polo que institúe un ministerio non litúrxico: o do catequista. Estas novidades impulsaron á Igrexa Española a reflexionar sobre a praxe dos ministerios que desembocou no documento Orientacións sobre a institución dos ministerios de lector, acólito e catequista, que se experimentará durante un prazo de cinco anos.