20 de Marzo de 2025,
San Martín de Braga

Charlas coresmais organizadas por Acción Católica

Charlas coresmais organizadas por Acción Católica

A delegación de Acción Católica Xeral (ACG) da diocese de Tui-Vigo organiza unha serie de charlas coresmais para profundar neste tempo de preparación previo á Semana Santa e á Pascua. En total impartiranse tres charlas, que terán lugar no templo parroquial do Corazón de María, durante tres sábados consecutivos de 10.30 a 12.30 horas; os encargados de impartir estes relatorios serán: o bispo emérito de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro —8 de marzo—; o consiliario de ACG de Tui-Vigo, Samuel Montes —15 de marzo—; e o bispo tudense, Mons. Antonio Valín —22 de marzo—.

A presidenta da Acción Católica Xeral da diocese de Tui-Vigo, Ángela Extremadouro, explica que esta proposta desenvólvese na diocese desde hai máis de 20 anos e que está «aberta a todos, porque, como nos di o papa Francisco, a ACG está ao servizo da Igrexa diocesana». Neste sentido, a ACG de Tui-Vigo fai un chamamento a parroquias, movementos, asociacións e fieis en xeral a participar nas charlas, que son unha boa oportunidade para profundar no significado da Coresma.

tempo litúrxico da Coresma comeza coa celebración do Mércores de Cinza —este ano será o 5 de marzo, día no que se bendirá e impoñerá a cinza feita cos ramos de oliveira ou doutras árbores, bendicidos o ano anterior— e caracterízase por ser un tempo especial de penitencia e conversión. A Igrexa católica convida os fieis a intensificar a oración, o xaxún e a esmola, e a buscar momentos para achegarse ao sacramento da Reconciliación, coa vista posta na celebración da Semana Santa e a Pascua, actos centrais da fe cristiá.